domingo, 23 de noviembre de 2025

O grupo de Breakdance de Redondela de 1987.

 

Fisi e Salva ensaiando para o Campionato Galego. Foto cedida por Fisi

 

            O Breakdance é un baile que se caracteriza por incluír movementos acrobáticos. Naceu nos anos 70 do pasado século, dentro da cultura do hip hop entre a comunidade afroamericana de New York e abriría paso a outras expresións artísticas como o Rap e o graffiti. Nos 80 estendeuse a outros países grazas a películas como Flashdance. Un dos países onde arraigou máis este baile foi en Francia, chegando a ser moi controvertida a súa inclusión como disciplina olímpica nos Xogos Olímpicos de París 2024.

            En España tamén entrou con forza nos anos 80, sendo maior a influencia en Madrid e Barcelona. As discotecas, sempre pendentes das modas musicais do momento, organizaban concursos ou exhibicións. O éxito era tal, que era habitual que apareceran nos programas televisivos daqueles anos, como Tocata, normalmente en modalidade individual, tríos e por equipos.

            E a 1987, ano no que se celebra o Primeiro Campionato Provincial de Pontevedra de Baile Breakdance nunha discoteca de Poio. Como non podía ser doutro xeito Redondela estivo representada por un grupo de mozos. O equipo estaba formado por Jaime Borines, Pepe Alján, Antonio Ojea, Salva, Rodolfo Pato e Fernando “Fisi” Piñeiro. A súa participación sería todo un éxito acadando unha meritoria segunda posición, sendo derrotados polo equipo de Vigo.

            Para o campionato galego, problemas para compaxinar os ensaios minguan o equipo e finalmente soamente poden acudir Salva e Fisi. Apesares de participar como parella, conseguen o terceiro posto, superados tan só por Vigo e A Coruña. Os tres primeiros clasificábanse para o campionato nacional de España, pero finalmente ese ano non se celebrou por problemas organizativos e de índole económico. 

 

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes Fisi Piñeiro.

Tmblr. Orígenes, principios de los ‘80. Break Dance. https://www.tumblr.com/jldg-uoc-student/143706592599/origenes-principios-de-los-80-break-dance?redirect_to=%2Fjldg-uoc-student%2F143706592599%2Forigenes-principios-de-los-80-break-dance&source=blog_view_login_wall

Público. https://www.publico.es/culturas/hey-pijo-air-jordan-asi-nacieron-break-dance-grafiti-rap-espana.html