lunes, 20 de mayo de 2024

Os gremios de Reboreda e a Festa da Coca.

 

Varias imaxes na procesión de Corpus, sen data. Foto cedida por Chelo Cal Migueles

        Sabiamos da importancia dos gremios na celebración das Festas da Coca ou do Corpus, pois ata mediados do século XX costeaban a saída na procesión das imaxes dos seus patróns. Tamén debemos lembrar que a danza das espadas e as penlas son danzas gremiais. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/festas-da-coca.html ) O que non tiña constancia era da participación dos gremios doutras parroquias que non fora Redondela. Podemos pensar que a proximidade de Reboreda e a súa histórica vinculación relixiosa (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/de-cando-varias-ruas-de-redondela-eran.html ) fan factible esta circunstancia, o que non é tan explicable é a circunstancia de que no século XVIII Reboreda, aínda que pertencente ao Partido de Redondela, era unha xurisdicción independente, ou sexa, o que hoxe en día sería outro concello, do mesmo xeito que acontecía con Vilavella, Cedeira e Saxamonde.


        O primeiro que se cita nun censo de 1762 é o gremio dos xastres que teñen por patrona a Santa Catalina:

"Ay ansimismo ocho sastres que lo son Jacinto Miguez, Domingo Balado, Joseph Gorje, Juan Bentura Pobeda este ausente del Paraje, Benito do Lago, Joseph de Amill, Martin Freire y Francisco Miguez de castiñeyra, los que tampoco trabajan diariamente por ocuparse en el cultivo de sus lavores...teniendo estos la obligacion precisa de tener por sus turnos, como lo hacen los de la villa de Redondela de este oficio (segun costumbre) el tener por un año la cofradia de Santa Cathalina Ynclusa en la Parroquia de dicha villa hacer la funcion en su dia a su costa y ademas de ello ponerla decente para la festividad de su dia como para la solemnidad de corpus christi gastando su quarta en aquel año mas de cien rreales;".

 

A Gabacha acompañada na procesión do Corpus, sen data. Foto publicada en

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.


        O mesmo acontece cos carpinteiros e ferreiros con San Sebastián, santo que chegou a ter gran devoción en Redondela (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/05/festa-de-san-sebastian.html ):

" como ansimmismo sucede a los carpinteros y herreros, que tambien (como lo hacen los de la referida villa de Redondela) hacen lo mismo con la cofradia de San Sebastian Ynclusa en dicha villa, en la que por tener mas cargos y hermanos le consideran a cada uno, el año que la tenga, de gastos de su quenta ducientos reales de vellon;"

        O derradeiro gremio ao que se refire o documento é o dos zapateiros, apesares de que tan só exista unha persoa que desempeñe este oficio:

"Ay asimismo un zapatero, que lo es Joseph Barreiro... el que tambien es obligado por dicho oficio segun costumbre a tener de su quenta y expensas como los demas de su oficio, vecinos de la villa de Redondela la cofradia de San Lorenzo Ynclusa en la misma villa y en la funcion del dia y la de Corpus Christi se le consideran cien rrs. vellon de gastos..."


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Portal de Archivos Españoles (Pares)-Ministerio de Cultura https://pares.cultura.gob.es/inicio.html => Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Santa María de Reboreda (Reboreda, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución. 

 

 

viernes, 26 de abril de 2024

1977 A Batalla do Can.

 


Foto: Rafael Arjones. El Pueblo Gallego

Ao longo do século XX cada vez que se introducía un método de pesca máis rentable económicamente (aínda que fora menos sostible) producíanse enfrontamentos entre os defensores da arte moderna e os da tradicional. No fondo o motivo era o mesmo, a defensa do pan das súas familias. Isto aconteceu en 1977. Chegado o mes de novembro, mariscadoras e mariscadores de Cesantes e Cedeira concentráronse en Vigo diante da Comandacia de Mariña aos gritos de: "O can e o asasino da nosa ría", "Queremos vixiancia, sobornos non". Protestaban así polo emprego desta arte prohibida de pesca por varios arrastreiros con base en Cangas, Aldán, Bueu e Vilagarcía. A autoridade marítima prometeu un maior control, porque o can era considerada unha arte prohibida, e a próxima entrada en funcionamento de tres novas lanchas de vixiancia. Lonxe de arranxarse o problema os barcos facían caso omiso caíndo na provocación ao empregar o can preto da praia de Cesantes, onde se realizaba o marisqueo a pé.

Tan só 6 días despois unha concentración de arrastreiros diante do Náutico de Vigo, acoden a cita arredor de 400 mariscadores de Redondela, na meirande parte mulleres. Como era de temer prodúcense graves enfrontamentos entre mariscadoras e defensores do can. Os incidentes arroxaron o saldo de cinco feridos e numerosos contusionados, entre os cales estaban as veciñas de Cesantes Lina Cabaleiro Martínez e Alicia Alxan Freitas, atendidas na Cruz Vermella, e Carmen López Bouzón "Suxa", de 45 anos, que sería atendida por unha ferida inciso contusa na Residencia Sanitaria Almirante Vierna. Quizáis a que peor o pasou sería a, tamén veciña de Cesantes, Dolores González Muíños, de 30 anos, quen foi empuxada ao mar por outra muller e ao ser rescatada por un barco arrastreiro foi ameazada con ser afogada cunha pedra ao pescozo.

 

Foto: Rafael Arjones. El Pueblo Gallego

 

Os defensores do can argumentaban que eles dependían desta técnica para manter ás súas familias e facer fronte aos gastos do barco, mentres para os mariscadores de vara era un ingreso extra, pois moitos traballaban en empresas de Vigo. Por contra, relatábase que habendo moitos mariscadores de vara en Rodeiro, Meira, Moaña, Alcabre e Bouzas, estes foron embestidos polos arrastreiros rompendo algunhas varas. Para defenderse lanzaron pedras ante o que os do barco "Marioli" empuñaron unha escopeta de caza. Isto levou a que unhas trescentas pequenas embarcacións tamén se congregaran en Vigo. Non sería esta a única arma exhibida, xa que nos enfrontamentos no mar esgrimíronse coitelos, machados e diferentes útiles de pesca como bicheiros ou sachos.

Chegados a este punto a Dirección General de Pesca convoca unha reunión en Madrid cos representantes sindicais que sería un fracaso. Nos días sucesivos será prohibido o marisqueo con vara e aos arrastreiros permíteselles pescar navallas nas Illas Cies, sendo vixiados por buques da armada para evitar que embistan ás pequenas embarcacións. A tensión era tan tensa que para evitar agresións, pola noite refuxiábanse en Cangas os arrastreiros das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, incluíndo nesta última a algún barco de Redondela.

 

Foto: Rafael Arjones. El Pueblo Gallego

 

Ao pouco tempo a gamela "Cesantes" sería embestido por un barco de Bueu. Este suceso provocou a chamada das campás da Igrexa de Cesantes, á que acudiron uns 500 mariscadores que se dirixiron cara a Bouzas onde foron recibidos cun disparo de escopeta. Foi o inicio dunha batalla campal na que se empregaron bombas de palenque e botellas con gasoliña entre insultos e pedras. Neses días catro barcos de Cesantes, que se adicaban ao cerco, atracados no Berbés atoparon as súas redes rotas, do que culpabilizaban aos mariñeiros dos arrastreiros. Isto provocaría unha nova reunión co Director Xeral de Pesca, desta volta en Santiago, na que se determinaría que o can seguiría prohibido ofrecéndoselles aos arrastreiros indemnizalos polos días de paro e uns cupos de pesca de navalla nas Cíes, A Lanzada e Corrubedo.

Antes de acabar o ano aínda habería un enfrontamento máis entre as mariscadoras e os patróns de Redondela que seguían a empregar o can. Os animos seguirían caldeados e os vareeiros organizaron turnos de vixianza para evitar que se empregara o can.


Foto: Rafael Arjones. El Pueblo Gallego

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego (Vigo)

 

 

sábado, 6 de abril de 2024

O naufraxio de "A Monchiña"

Barco do naufraxio. Foto publicada en Naufraxios no mar de Vigo. Francisco Díaz Guerrero

O 22 de agosto de 1950 produciuse o naufraxio con máis vítimas mortais na Ría de Vigo. Dous anos antes a illa de San Simón, que fora empregada como cárcere, convertérase en Albergue do Sindicato Español Universitario (SEU). (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/a-illa-de-san-simon.html ) Alí celebrábanse no vran campamentos masculinos e femininos, nos que as mozas que estudaban na universidade cumprían o coñecido como “Servicio Social de la Mujer”, e os mozos realizaban a formación para aspirar a altos cargos da Falange.

Naquela ocasión estaban na illa membros da chamada Guardia de Franco, que era unha sección da Falange, formada principalmente por excombatentes. O plan era ir xogar un partido a Redondela para enfrontarse a un equipo da parroquia de Cedeira, pero a hora de ir embarcar na lancha "Monchiña" foi animándose máis e máis xente ata chegar ás 66 persoas. Durante o curto traxecto un deles caiu ao mar e instintivamente todos foron cara a borda para axudalo, facendo emborcar a barca. Moitos non sabían nadar polo que tentaron agarrarse aos que si sabían perecendo 43 persoas afogadas, oito era galegos e o resto de diferentes puntos da península.

Entre os 23 supervivintes atopábase o fotógrafo de Redondela Carlos "Fotsca", daquela un neno, que vivía na illa por ser fillo do vixiante. Nunha exposición que realizou no Multiusos da Xunqueira pouco tempo antes de falecer, lembraba que o patrón do barco pedíralle que se baixaran e que como moito levaría 40, pero un mando de Falanje ordenoulle: "Arranque usted como sea". Tamén relataba que ao saír do abrigo da illa as olas entraban de costado e unha salpicoulles ás pernas, provocando que os mozos se botaran ao lado contrario. Esta versión contradice "a oficial" do mozo caído a auga, pero semella máis verosimil e sendo unha testemuña presencial... 

 

Carmen Almoina "A Salvadora" recibindo a medalla. Foto: Bene. El Pueblo Gallego
Carmen Almoina "A Salvadora" recibindo a medalla. Foto: Bene. El Pueblo Gallego

 

Dentro da traxedia houbo tempo para a heroicidade, sería o caso de Carmen Almoina Cabaleiro, de 20 anos, quen conseguiu botar ao mar unha gamela e sacar a catro mozos da auga, pero un deles faleceu ao chegar á praia. Isto valeulle os alcumes de "A Salvadora" e "A Nadadora".

Julián Estévez Rodríguez, de 17 anos, que daquela, traballama na vendimia, atopábase nunha lancha a motor levando a outros compañeiros do albergue. Ao ver o ocurrido achegouse ao lugar dos feitos e subindo a bordo a dez náufragos. Despois axudaría nas labores de rescate dos corpos dos falecidos.

Meses despois a Sociedad Española de Salvamentos de Naúfragos concedeulles a Medalla de Bronce a estes dous veciños de Cesantes, con premios de 3.000 e 2.000 pesetas respectivamente.

Julián Estévez. Foto: El Pueblo Gallego

 

Nos anos 70, tamén sería homenaxeada Salud Táboas Barreiro, quen contou que con 17 anos salvara a oito náufragos, correndo despois a agocharse na súa casa por medo aos falanxistas. En 2014 volvería a ser recoñecida polo Concello de Redondela co gallo do Día da Muller.

Despois dos traballos de recuperación dos cadáveres os corpos serían trasladados ao local do Auxilio Social no Paseo da Xunqueira (máis tarde coñecida como a Casa dos Enanitos por trasladarse alí o Fogar Méndez Núñez), onde serían velados ata a celebración dos funerais aos que asistiron as principais autoridades militares e relixiosas galegas. Redondela estaba de luto as bandeiras pendían no Concello a media asta e nos balcóns con crespóns negros, as campás de todas as igrexas tocaban a defunto.


Recuperación dos corpos. Foto publicada en

As Illas de San Simón e San Antonio. Lugar de encontro. Ed. Xunta de Galicia, 2005


Os seguintes aniversarios convertéronse en actos de exaltación falangista, especialmente oito anos despois, cando se inaugurou no illote do Corbeiro un cruceiro en lembranza dos náufragos coa lenda aos seus pés: "Camaradas de la Guardia de Franco: ¡Presentes! 1950-1958."

Trala desgraza o albergue sería clausurado e pouco despois ser trasladado ao barrio de Rande. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/colectivos-e-asociacions-da-postguerra.html )


Inauguración do cruceiro, 1958. Foto Siorty. Fondos gráficos da Xefatura Provincial do Movemento. Deputación de Pontevedra


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

As Illas de San Simón. Aproximación á súa historia. J. A. Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia.1999.

ABC

http://www.abc.es/hemeroteca

La Vanguardia (dende 1881)

www.lavanguardia.es/hemeroteca

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego (Vigo), La Noche, La Región...

 

miércoles, 14 de febrero de 2024

1976 Explosións en Chapela.

 

Un veciño amosa o estado da súa vivenda. Foto: Freire.

 

        Recentemente a ampliación da Ponte de Rande suposo a expropiación de casas e terras que coma sempre non estivo exenta de polémica. En 1976 durante a construción da autopista a cousa non foi mellor, manifestacións e enfrontamentos coa policía foi a tónica xeral.

        Unha vez iniciadas as obras, en Chapela e Trasmañó as alarmas avisaban do emprego de dinamita para romper as rochas que ían aparecendo no trazado. O sistema funcionaria ata que o 9 de outubro algo saiu mal. A onda explosiva lanzaría bloques de granito de máis de cen quilos nun radio de 200 metros nas inmediacións do Alto da Encarnación. 

Unha das vivendas afectadas. Foto: Freire

 

        Tan só oito días antes unha das casas afectadas, propiedade de José González Lago, xa sufrira outro percance. Varias pedras impactaran nunha das paredes, xusto no lugar no que momentos antes xogaba o seu neto quen, por sorte, entrara na vivenda. O pobre de José non tería tanta sorte e unha das pedras batería nos seus beizos despois de atravesar unha porta de cristal.

        As protestas dos veciños por aquel feito non surtirían efecto senon todo o contrario e nesta ocasión serían cinco as casas atravesadas por rochas de gran tamaño. Por fortuna non houbo feridos. A precaución deixou casos como o do bebé de oito meses José Luis Lage González, que salvou a vida grazas a que a súa nai, a instancia da avóa Josefa Ribeiro Vieitez, o sacou da cama na que estaba ao escoitar a serea. 

Cama onde estaba o bebé. Foto: Freire.

 

        Dúas das casas quedaron totalmente destrozadas e inhabilitadas, o segundo andar de Antonio Veiga Domínguez ameazaba con derruirse en calqueira momento. Ante a falta de autoridades que acudiran ao lugar dos feitos e ante a ameaza de choiva e a inminente chegada da noite, saiu cara a Redondela unha comisión de veciños formada por José López Romero, Francisco Silveira Ramos, Guillermo Caride Fernández e Ricardo Estévez Sosin. Ao chegar descubriron que o alcalde, Pedro Otero Rey, acabara de presentar a dimisións uns días atrás e o novo atopábase en Madrid co primeiro tenente alcalde. Ante a falta de vacío de poder sería o xefe dos municipais o que se responsabilizaría de asumir o gasto das comidas dos afectados, quedando no aire o tema do aloxamento.

        Os danos materiais serían numerosos: tellados, paredes, mobles, reloxos... Tamén se vería afectado un coche e varios serían os animais que perecerían, contabilizándose galiñas, patos, coellos e ata un porco.

Algúns dos animais falecidos. Foto: Freire

 

        A estrada nacional tamén quedaría cortada momentaneamente pola caída de pedras aínda que o tráfico sería axiña restablecido, apesares de quedar un gran burato.

        Os traballadores da empresa Racosa contratada por Autopistas del Atlántico achacaron o feito á posible existencia dunha fisura nunha das rocas, pois a carga empregada fora a mesma que noutras ocasións.

 


Interior dunha das vivendas. Foto: Freire.

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

El Pueblo Gallego

 

 

sábado, 3 de febrero de 2024

Galería. CD Choco (II)

 

 

Cara a 1960. CD Choco. Arquivo Jaime Serín.

1960, xullo. Turista3-Choco5. Trofeo Regojo. Foto Siorty

1960, abril. CeltaB1-Choco2. Serie A. Foto Siorty. Arquivo J. Serín

1959-61 CD Choco. Arquivo CD Choco
 
1958-59 CD Choco en Santiago. Foto cedida por Charly Muíños

1958-59. CD Choco. Foto cedida por Charly Muíños

1959 CD Choco. Arquivo CD Choco.

1958 CD Choco. Foto cedida por Charly Muíños

1958 El pueblo gallego. Choco-Salamanca eliminación do Campionato de España.

1957-58 CD Choco. Arquivo CD Choco

1957-58. CD Choco. Publicada en

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.


 

 

Ver a Historia dos Equipos de Fútbol en Redondela. 

(https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-equipos.html )

 

Autor: Juan Migueles

 

jueves, 1 de febrero de 2024

Galería. CD Choco (I)

 

CD Choco, anos 50. Publicada en

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.


CD Choco, anos 50. Foto cedida por Martín Fernández.

CD Choco, anos 50. Arquivo do CD Choco

CD Choco, anos 50. Foto cedida por Marcelina Túnel Carrera

CD Choco anos 50. Arquivo CD Choco

Cara a 1954. Capitán Domingo Docampo. Foto cedida pola familia Docampo.

Choco equipo gañador do Campionato Galego, anos 50. Foto cedida por Antonio Cobián

1955 -56 Choco. Foto cedida por Iván Valles

1956. Choco6-Louriña0. Goles de Niní2, Paulino2 e Tino2. El Pueblo Gallego.

Campións galegos 1956 -57. Foto Montes (cedida por Fondecon)

 

  Historia dos Equipos de Fútbol en Redondela.

 (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-equipos.html )

 

 Autor: Juan Migueles


sábado, 27 de enero de 2024

Petróglifos na Regasenda

 


Petróglifos na Regasenda. Foto Serxio Pereira


            No verán de 2023 o arqueólogo Serxio Pereira de NOSO Cooperativa, como guía dunha serie de rutas de senderismo polo noso patrimonio, atopábase seguindo o camiño que une Porto a Cedeira coa Regasenda, na parroquia de Cedeira, para ver se era quen de incluilo nas visitas. A sorte quiso que topara cun grupo de gravados ata o de agora inéditos.

            Apesares de atoparse preto dunha pequena canteira, hai moitas rochas tapadas pola maleza polo que non é descartable que podan aparecer máis petróglifos.

            A descrición realizada por Serxio Pereira é a seguinte:
"Afloramento rochoso de granito a rás do chan. Presenta varias zonas gravadas con combinación circular recheas de coviñas. Tamén se observan 7 coviñas de maiores dimensións.
O afloramento está parcialmente cuberto de terra e vexetación polo que poderían existir outros motivos
".

 

 Fotogametría realizada por Xosé Couñago

 

Fotogametría realizada por Xosé Couñago

        Os gravados atópanse no lugar de Brandariz (coñecido polos veciños como Bandariz). A localización aproximada sería a seguinte:

42.285253, -8.633164


        Como curiosidade engadir que Casto Sampedro deixounos constancia dun gravado nunha rocha da praia de Cesantes que ben podería tratarse dun xogo medieval, pero hoxe en día dase por desaparecido, polo que este sería o petróglifo máis próximo ao mar do Concello de Redondela.


Petróglifo na praia de Cesantes. Fondo Castro Sampedro


        A situación deste conxunto é un atractivo máis na costa de Cedeira e ogallá sirva de impulso para a recuperación do camiño que une Portacedeira coa Regasenda e así ampliar un camiño á beira do mar desde o casco urbano de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/03/ruta-por-portacedeira.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/paseo-da-marisma.html ). Aquí podemos atopar outros puntos de interese como a fábrica de salga da Regasenda, máis coñecida por ser posteriormente a fábrica de Mañas (conserveira de José Otero Gónzález), ou os restos da casa de Tapias. 

 

A Fábrica de Mañas. Foto: J. Migueles



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes: Serxio Pereira, Xosé Couñago e Xurxo Constela.

Fondo Casto Sampedro