martes, 14 de abril de 2020

O Convento de Vilavella

Convento de Vilavella. Foto: J. Migueles, 2010
       
            O Convento de Vilavella construído no s. XVI e reformado a mediados do s. XX, atópase na praza Ponteareas de Redondela. Actualmente (2023) funciona como restaurante.
 
Historia.

A construción do Convento de Vilavella foi financiada polo arcipreste de Cerveira e, anteriormente, párroco de Vilavella, García Prego de Montaos (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/garcia-prego-de-montaos-y-sotomayor.html ).

 Realizouse nos terreos da antiga igrexa parroquial, quedando a igrexa aberta ós veciños, pero co novo coro alto e o acceso ó campanario reservado para ás monxas. No exterior da sacristía da igrexa aínda podemos observar o brasón dos Prego de Montaos e debaixo unha inscrición, hoxe ilexible, que di: Este mosteiro hizo García Prego arcediano de Cerbeira. As obras comezaron en 1501 e remataron en 1554. Nel estableceuse a orde de clausura de San Lorenzo Justiniano en 1574, tomando o nome de Convento da Nosa Señora da Purificación. No século XVIII eran máis de 30 relixiosas e a abadesa tiña o privilexio de nomear cura para a igrexa parroquial coa aprobación do Bispo de Tui. En 1840 a Xunta de Vigo decide o traslado a este convento dunhas monxas doutra orde, porque o seu edificio en Vigo atopábase en estado ruinoso. En agosto de 1846 un incendio queimou as vellas madeiras deste convento. A pesares de estar á beira do río Maceiras non se puido evitar a destrución de gran parte do convento e da igrexa, perdéndose a parte do coro onde se atopaba o órgano. Por sorte as monxas tiveron tempo de poñerse a salvo sendo acollidas nas casas da veciñanza. O día 29 daquel mesmo mes o Bispo de Tui Fray García Casarrubios escribiu unha circular ao clero da súa diocese para recoller esmolas coas que, sumadas ao aportado polo propio Bispo, conseguiuse rehabilitar o convento. 
 
Convento de Vilavella. Publicada en Galicia Moderna, 1897
 
Noutra orde de cousas, dende 1555 o beneficio de Estás era de Presentación de García Prego de Montaos. Isto explica que por indicación do prelado, Juan de Santillana esta parroquia de Tomiño foi anexo do Convento de Vilavella.
Cando unha monxa tomaba os hábitos o seu pai debía dar unha dote, xa fora en forma de cartos, casas ou leiras. Tamén recibían propiedades mediante cesións ou herdanzas. Todo isto explica que xa a principios do s. XVII a maior fonte de ingresos do convento era o cobro de foros por arrendamentos de terreos e vivendas en: Nespereira, Quintela, Saxamonde, Negros, Cedeira, Vilavella, Cesantes, Arcade, Soutomaior, Amoedo, Pazos, Reboreda, Guizán, Cela, Meira, Moaña... Os pagamentos poucas veces se realizaban en cartos e as máis das veces facíanse en millo, trigo, centeo, viño, galiñas...
Outra fonte de ingresos eran os bordados e sobre todo a elaboración de deliciosos doces: cabelo de anxo, toronja, noces... A fama destes últimos extendeuse por España e cruzou fronteiras, aparecendo nos menús das celebracións das colonias galegas en Buenos Aires e La Habana. En 1603 o Concello de Pontevedra encarga á superiora Inés Avalle Mariño uns pasteis para agasallar ó Arcebispo Maximiliano de Austria de visita nesa cidade. En 1857 o seu doce de froitas en almíbar é premiado na Exposición de produtos agrícolas de Madrid. Ese mesmo ano os seus doces tamén son premiado na Exposición Agrícola de Pontevedra. En 1867 representaron a España na Exposición Universal de París con: doces en almíbar, de azahar, laranxa, naranjillo, cabelo de anxo e noz. O prezo era de 0’5 a libra e consumíanse máis no estranxeiro que en España. Nesa ocasión as súas creacións eran acompañadas polas da redondelá Petronila Rodríguez Criado: doces, limoncillo, toronja, mazá, naranjillo, cabelo de anxo e noz. O prezo era o mesmo e o consumo dalgunha consideración tanto no interior coma no exterior. Na exposición rexional celebrada en Santiago en 1875 presentaron: naranjas, limoncillos, flor de azahar, cabello y cidra en almíbar. Na Exposición Rexional de Lugo de 1877 recibiron unha medalla presentando: Barriles almíbar de limoncillo, precio 3'5 pesetas; idem, de naranjilla, 3'25 id.; Idem flor de azahar, de nuez, de cabello y e toronja, 3 id. Naqueles tempos tamén tiña moito éxito o doce de caldo de azucre que en 1895 comeza a levar un selo de garantía para evitar as imitacións que se vendían na nosa vila. A principios do s. XX estes doces eran envasados en pequenos barrís de madeira polo sacristán das monxas, Manuel Otero Lago “Xisma”, quen sería axudado polos seus fillos, saíndo os últimos das mans do seu fillo Camilo. Eran fabricados con madeira de salgueiro por se fácil de curvar.
 
 

Naranjillo e espejuelo elaborado por Geles seguindo a receita das monxas. 
Fotos: J. Migueles




A orde abandoou as instalacións en 1932 trasladándose a Tui. Os motivos que se alegaron para provocar a saída das monxas foron os asolagamentos da horta e do baixo polas crecidas do Maceiras e os problemas de saúde causados pola humidades.
O convento foi arrendado a José Regojo, Florencio Soto e José Docampo que o empregaron coma empresa elaboradora dun doce de froitas. No pleno celebrado o 16 de maio de 1936 a Corporación Municipal acorda solicitar ao Estado a cesión do Convento de Vilavella para empregalo coma Concello, pero nunca se levaría a cabo polo inicio da guerra. En 1942 o Bispado de Tui vendeuno a José Otero González Mañas”, dono dunha fábrica de conservas chamada JOB (iniciais do seu pai José Otero Bilbao), de aí as inscricións coas iniciais JOG e JOB nos escudos das fachadas. Tamén se vendería daquela a casa parroquial sita na rúa Padre Crespo, por non ser empregada polo párroco José Sátiro Redondo Cal.
O novo propietario realizou modificacións estruturais no mosteiro. Renunciou ao coro alto e ao acceso ao campanario a cambio dunha tribuna, que aínda existe, na parte dereita da igrexa. Empregou as instalacións coma vivenda e tamén coma oficinas, almacén, taller mecánico e carpintería para a súa empresa.
Tralo seu falecemento, a súa dona, acompañada por dúas criadas, permaneceu no convento ata a súa morte a finais dos oitenta. A edificación foi herdada polos seus sobriños que acaroaron ao mosteiro unha nave para crear unha empresa chamada Figueiral. Tempo despois, botaron unha placa no segundo piso da parte máis próxima do convento (o chan de madeira xa se fundira anos atrás) e adicaron este piso a exposicións dos seus produtos: roupa, canas de pescar... 

Despois dun período en desuso a nave alugouse a unha empresa fabricante de adhesivos chamada Coomundo, que en 2007 se trasladou a Amoedo. Totalmente abandonada sería mercada polo concello de Redondela dentro do proxecto de urbanización da Praza Ponteareas co propósito de construír un aparcadoiro no solar. En marzo de 2023 iniciáronse os traballos de demolición

Volvendo ao convento, permanecería baleiro ata que, en 2003, alugárono, con dereito a compra, á empresa Ramale Hostelería e pasou a ser utilizado coma restaurante. Pasados uns anos quedaría outra vez en desuso ata que en 2016 volve a ser alugado como restaurante a Cateríng don Pepe S. L. que o rebautizou co nome "Pazo Vilavella".

http://conventovilavella.com/

 

A continuación engado o resumo de dous documentos que, creo, son moi interesantes: 
 
Resumo da acta de fundación do Convento da Vilavella
         Álvaro da Babarcia (abade de San Pedro de Crecente), Lope Prego (abade e San Estebo de Ribadumia), Rui Dobarro (Tenente de xuíz da vila de Vilavella e o Coto de Saxamonde, substituíndo ó xuíz Juan Prego), Alonso Lozano (Procurador Xeneral de Vilavella) e os veciños de Vilavella:
Juan Prego (o mozo), Francisco López, Francisco Rodriguez, Diego Fernández, Gaspar González, Juan Rodríguez Docabo, Juan Fernández Zapatero, Juan Duarte, Pedro Amado, Martín de Mera, Fernando Yañez, Rodrigo de Castelo, Cristóbal Fernández, Basto Lome Fraguero, Alonso Freire e Gerónimo Fernández.
         Todos, conceden amplo e bastante poder a Lope Martínez e Sebastián Rodríguez (procuradores en Tui) para xestionar ante a M. I. Señor Don Miguel Muños, Bispo da Cidade e Bispo de Tui, a creación dun mosteiro. O obxectivo sería recoller ás mozas de termo que abundan en dita vila e arredores; e aumentar o culto divino. Reducido a misas cada 15 días e sen administrar Sacramentos.
Este Convento, e para isto pídeselle permiso ao Sr. Bispo, edificarase nos terreos da igrexa. Será financiada por García Prego de Montaos, cura e clérigo de Vilavella e, máis tarde, Alcipreste de Cerveira. Quen está disposto a gastar 3 ou 4.000 ducados. Renunciando aos froitos, rendas e proxectos, subvencións ou doazóns, emolumentos, funeraria, dereitos e pertenzas. Indo estes in perpetum a parar ao sustento do Mosteiro.
         Nomearase un capelán para o seu auxilio espiritual e o da Parroquia. A igrexa quedaría coma parroquial igual que antes.

Convento de Vilavella. Foto: Vida Galega, 1913.
 
Resumo das anotacións de Martina Figueroa Senra esposa de Manuel Otero Lago (Sacristán das Monxas do Convento de Vilavella)

          O 26 de Febreiro de 1932 marcharon as monxas da orde de San Lorenzo Justiniano de Clausura do Convento de Vilavella, fundado por Prego de Montaos hai tres séculos. O Convento foi vendido polo Bispo D. Antonio García y García co consentimento da abadesa, Pilar Rubín (da Rioxa), que contaba con 47 anos en 1933. Ademais da madre superiora abandonaron o convento:
- 6 monxas:
- Rosario: galega, 49 años.
- Ángeles: castelá, 50 anos.
- San José Troncoso: 84 anos.
- San Pedro: galega: 79 anos.
- María: 78 anos.
- Dolores: 72 anos.
- 2 legas: de 60 e 68 anos.

          Trasladáronse ao Convento das Franciscanas de Tui. Aos 9 días faleceron de pena as madres San José e San Pedro. Pouco despois, foron ao Convento das Mercedarias de Ferrol, onde morreron as restantes.

         Para rematar as súas anotacións Martina Figueroa engadiu: “Nadie las echó y aquí todas las querían, pero el mal acierto de una abadesa lo deshizo todo. Dios se lo tendrá en cuenta”.

 
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Apuntamentos sobre o mosteiro de Vilavella (Redondela): Amado González Cardama. Separata de estudios provinciais Nº15/2000 – ISSN: 0211-5530
Anotacións de Martina Figueroa Senra esposa de Manuel Otero Lago (Sacristán das Monxas do Convento de Vilavella).
Google books. Exposicion Universal de 1867: catálogo general de la sección española. España. Comisión Regia Exposición Universal, 1867
Pares. Portal de Archivos Españoles. Ministerio de Cultura. Gobierno de España.
http://pares.mcu.es/ : Memorial cobrador de rentas del Convento de Villavieja (varios años).
Un voraz incendio en Redondela. Por Avelino Rodríguez Elías. Publicado en 19540228 El pueblo gallego
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Iris de Galicia, El Ejemplo, Galicia, Diario de Vigo, El Pueblo Gallego, El Ideal Gallego.
Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => Revista contemporánea (Madrid)
Aportes: Matilde Fernández e Geles

No hay comentarios:

Publicar un comentario