domingo, 12 de abril de 2020

Amoedo Seoane, Juan (Redondela, 1886) Avogado e Político


Arquivo: Alén Nós
 

Irmán do médico Manuel Amoedo Seoane e descendente do heroe de Pontesampaio John O’ Dogherty.

Avogado de profesión, chegaría a ser decano do Colexio de Avogados de Vigo. Redactor dos xornais de Redondela “La Idea” e “La Opinión”(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html ). É unha das figuras principais do agrarismo galego de principios do século XX, formando parte da agrupación “Los Jóvenes Turcos”. Participou activamente nos movementos antiforais.

En 1914 e 1916 presentouse a deputado a cortes por Redondela co respaldo das sociedades agrarias, sendo derrotado polo caciquismo da época nas figuras de Francisco de Federico Martínez e o seu fillo, nunhas eleccións cheas de irregularidades. Nas seguintes convocatorias participaría activamente a prol da candidatura do Sr. Zulueta por Redondela. Nesta época convértese no xefe provincial do Melquiadismo, o que non lle impide presentarse en 1923 como candidato reformista por Póvoa de Trives, onde tampouco tivo sorte, denunciando novamente numerosas irregularidades.

A súa carreira política tocaría fondo cando en 1933 se alían radicais, reformistas e monárquicos contra as forzas de esquerda. O rexeitamento por parte das forzas agrarias chegou ata tal punto que, nun mitin en Redondela no que exercía como orador xunto a Emiliano Iglesias e Millán, foron tan duramente increpados que tivo que acudir a garda civil a controlar a situación.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Pueblo Gallego...

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario