As sociedades agrarias nacen en Galicia a finais do s. XIX para
defender os intereses dos labregos, principalmente contra os foros.
Lavadores, Teis e Redondela formaban o núcleo do movemento agrario
da provincia de Pontevedra. Entre 1908 e 1919 celebráronse 7
Asembleas Agrarias Galegas. O
movemento agrario en Redondela viviu o seu máximo esplendor
en outubro de 1915 coa organización da Sexta
Asamblea Agrícola Regional,
celebrada no local da Sociedade de Mariñeiros.
Na
Segunda
Asamblea magna de agrarios sindicados y no sindicados celebrada
en Vigo o 31 de marzo de 1918 Redondela tiña a seguinte
representación: por "La Progresiva" de San Fausto de
Chapela, José Antonio Mosquera; pola Sociedad de agricultores de
Trasmañó,
Ramón Carballo; Sociedad de agricultores de Cesantes (Redondela),
Ramón Sestelo; polas Sociedades agrarias de Arcade, Cedeira,
Reboreda, Cabeiro, Saxamonde,
Quíntela e
Villar (do
distrito de Redondela), Serafín Reboredo Blanco; e polos
agricultores non sindicados de Redondela José Novas.
Coa proclamación
da I República en 1931 estas sociedades viviron unha reorganización
por iso veremos a continuación que volveron a constituírse con esa
data. Nas eleccións municipais de Redondela do 23 de abril de 1933,
foron elixidos 11 agrarios, 5 derechistas, 2 socialistas, 1
republicano independente e 1 galeguista. Este éxito do agrarismo é
aínda maior se pensamos que todos pertencían á disciplina da
Federación Agraria Provincial, polo que non estaban baixo a
disciplina de ningún partido político nacional.
A finais de 1934
a Federación Agraria sométese á lei de Sindicatos e pouco a pouco
as Sociedades Agrarias vanse transformando en Sindicatos.
Todo
remataría co inicio da Guerra Civil en xullo de 1936, incautándose
as sedes e pertenzas das sociedades agrarias de Cedeira, Cesantes,
Chapela, Reboreda, Vilar e o Viso, ademais
da dos Partido
Galeguista, Izquierda
Republicana e
a Casa del Pueblo,
que
albergaba os locais do Partido
Comunista e
a Agrupación
Socialista.
A continuación
citarei os datos máis relevantes atopados das sociedades agrarias de
Redondela, ás que habería que engadir á Sociedade de Mariñeiros,
que veremos no apartado Colectivos e asociacións de principios do
s. XX, por ter unha larga traxectoria no tempo ata chegar aos
nosos días.
Soc. Agraria Chapela presentación estandarte, 1925. Foto: Vida Gallega |
Asociación de Propietarios y Agricultores de Reboreda,
Quintela y Ventosela.
En
xuño de 1901 foi aprobado polo Gobernador civil o regulamento
desta asociación. Despois da de Chapela, serían as primeiras
parroquias en tentar agrupar aos seus agricultores. Tería
continuidade nas Sociedades agrarias de Quintela, Reboreda e
Ventosela.
Federación Agraria municipal
de Redondela
Constituíuse a finais de xullo de
1901, baixo o nome Asociación de Agricultores de Redondela,
composta por máis de 500 persoas conseguindo a unión dos produtores
de todo o concello para loitar contra o caciquismo. Unha das súas
primeiras medidas foi, co apoio de moitos contribuíntes e o deputado
provincial, solicitar ao Ministro de Facenda, a rebaixa dos cupos
de consumos e o troco dos límites para establecer os límites
dos mesmos.
Nos anos 20 xa baixo o nome Federación
Agraria municipal de Redondela, representaba a 10 sociedades
asociadas (Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chapela, Negros, Quintela,
Trasmañó, Ventosela, Vilar e O Viso) . En marzo de 1920 estivo
representada polo seu presidente, Manuel Pérez, nunha reunión no
Concello para tratar que o tranvía chegara a Redondela. En 1934 tiña
a súa sede en Cedeira. En decembro convértese en Sindicato
Agrícola y Ganadero.
En xaneiro de
1935 a Federación Agraria de Redondela, xa acollida á lei de
Sindicatos, nomeou a xunta directiva que a rexería nese ano:
presidente, Sabino Villanueva; vicepresidente, Eulogio Z. Mouriño;
secretario, Bernardino Vila; vicesecretario, Juan Martínez;
tesoureiro, Salvador Cabaleiro; contador, Demetrio Casas; vocais:
Jose Ramón Vidal, José Martínez e Perfecto Blanco. Delegados á
Federación Provincial: Bernardino Vilas e Demetrio Casas. Delegados
aos Congresos Provinciais: Bernardino Vilas, Demetrio Casas e Juan
Martínez. Daquela acollía a dez Sindicatos filiais con 997
asociados.
Como sucedeu no resto de Galicia, tivo
grandes dificultades para cumprir co seu principal obxectivo, a
redención de foros. Aínda en xuño de 1935 denunciaba ante a
Federación Agraria provincial a detención de varios compañeiros
polo desacato no pago de foros.
En
marzo de 1936 a
Federación local
de Redondela,
composta polos sindicatos de Negros, Cabeiro, Ventosela, Saxamonde,
Cedeira, Reboreda, Cesantes, Trasmañó, Vilar de Infesta e O Viso,
nomeou xunta directiva: presidente, Sabino Villanueva;
vicepresidente, Bernardino Vila; secretario, Fermín Blanco;
vicesecretario, Juan Martínez; tesoureiro,
Demetrio Casas; e vocais: Salvador Cabaleiro, Juan Santos García e
Manuel Álvarez. Delegados á Federación Provincial Agraria: Sabino
Villanueva e Fermín Blanco. Delegados aos Congresos provinciais
Agrarios: Fermín Blanco, Juan Martínez e Sabino Villanueva. Esta
federación, fixera na campaña electoral pasada, un labor
moi
importante
a prol do Frente
Popular.
Nese
mesmo mes, no Congreso provincial celebrado en Gondomar acórdase que
o Congreso de 1937 se celebre en Redondela, encargándose a
Federación local da organización do evento. O inicio da Guerra
Civil impediría a súa celebración.
Sociedad Agraria “La Ideal”, de
Cabeiro.
En abril de 1918 foron presentados no Goberno Civil de Pontevedra
para a súa aprobación os regulamentos de tres novas sociedades
agrarias do distrito de Redondela: “La Salvadora”, de Negros; “La
Unión”, de Cedeira; e “La Ideal”, de Cabeiro.
Reconstituída
en 1931, pouco despois da de Vilar. En xullo de 1932 celébrase un
mitin galeguista en Vilar e Cabeiro, falando Álvarez Gallego,
Martínez López, Paz Andrade e o deputado por Ourense, Otero
Pedrayo.
En marzo de 1934 constitúese en
Sindicato Agrario de
Cabeiro. En
xaneiro de 1935, celebrou
xunta anual, nomeándose: presidente, Paulino Lago; vicepresidente,
José María Castro; secretario, José Álvarez; vicesecretario,
Manuel García; tesoureiro,
Enrique Lago; contador, José Balado; vocais: Manuel Álvarez, Manuel
Loureiro e Jesús Bastos. Delegados á Federación de Redondela
Manuel Álvarez, Victoriano Álvarez e Manuel Rodríguez. Delegados
aos congresos da Federación Provincial Benigno García, Alejandro
Bastos, Leopoldo Álvarez, Antonio Cabaleiro e Francisco Romero.
Sociedad Agraria de Cedeira.
O
día 27 de xuño de 1910 celebrouse en Cedeira un mitin societario
antiforal. Asistiron
arredor de 1.500 persoas, moitas delas levadas pola súa admiración
ao xeneral Rubín, candidato que daquela fora derrotado nas eleccións
a cortes. No cruce da Raíña construíuse
unha tribuna engalanada coas
cores nacionais, que foi ocupada polo presidente Sr. Rivas, os
representantes das sociedades agrícolas de Teis, Candeán, Chapela,
Cesantes, e o Viso, o avogado de Vigo, Sr. Espino, os de Redondela,
Sres. Amoedo e Contreras; os médicos Sres. Pereira e Bernárdez e o
representante da autoridade
Sr. Moscoso. Falaron Santos García, de Cesantes; Rodríguez
Martínez, de Candeán; Crespo e Martínez, de Teis, e as rapazas
tamén desa parroquia Elena Estévez, Leopolda Covela e Carmen
Álvarez; os avogados Contreras, Amoedo e Espino; e o médico Pereira
Míguez.
Este
acto foi a lanzadeira para a constitución da Sociedade Agraria de
Cedeira, nomeándose presidente honorífico ao deputado a
Cortes, Francisco de Federico y Riestra e socios honoríficos a José
Fernández Domínguez e Indalecio López. Formaron a directiva: José
Acuña Figueroa, presidente; Jesús Queimaliños, vicepresidente;
Francisco Barciela, secretario; Jesús Cabaleiro, vicesecretario;
Manuel Queimaliños, tesoureiro; Antonio Barciela Ricón, Manuel
Fernández Pérez, Perfecto Garrido Lago, Perfecto Barros Baltar e
José Álvarez Estévez.
En 1912 os emigrantes residentes
na Argentina, enviáronlle una colección de libros, formada por 104
volumes, para crear unha biblioteca.
Sociedad Agraria “La Unión” de
Cedeira
En abril de 1918
foron presentados no Goberno Civil de Pontevedra para a súa
aprobación os reglamentos de tres novas sociedades agrarias do
distrito de Redondela: “La Salvadora”, de Negros; “La Unión”,
de Cedeira; e “La Ideal”, de Cabeiro.
En marzo de 1920
estivo representada polo seu presidente, José Acuña, nunha reunión
no Concello para tratar que o tranvía chegara a Redondela. En
decembro de 1934 da unha conferencia no seu centro o xove veterinario
desta vila, Isaac Reboredo Fernández. A charla versaba sobre a
enfermidade no gando porcino.
Sociedad de Agricultores de
Cesantes.
En outubro de 1903 quedaron
constituídas as Sociedades de Agricultores de Cesantes e o Viso.
En 1912 elixiu nova xunta directiva:
Presidente, Marcial Míguez Cabaleiro; vice, Jose Manuel Tojeiro;
secretario, Santos García; vice, Jose Manuel Cabaleiro; depositario,
Francisco Rodríguez; contador, Plácido Rivas; vocais, Ramón Muíños
Casal, Manuel Barreiro, Domingo Dacosta e Ángel Barreiro. Delegados:
en Coto, José Rivas; en San Pedro, Jenaro Rivas; en Carballino, José
B. Barreiro, en Outeiral, José Cabaleiro e en Ventosela, José María
Lago.
Na segunda Asemblea
de Agrarios Sindicados e non Sindicados
celebrada en Vigo o 31-3-1918, foi representada por Ramón Sestelo.
En outubro de 1923
o novo goberno militar autoriza a esta sociedade a reunirse os
domingos.
En 1927 nomeou
nova xunta directiva: Presidente, Manuel Amoedo Cura; vice. Santos
Rivas Amoedo; secretario, José Ramón Vidal; vice. Fermín Pintos;
contador, Avelino Barreiro; tesoureiro, Domingo Amoedo Barreiro.
No seu local houbo
dous mitins galeguistas un o 22 de maio de 1932, no que, se ben non
puido asistir o anunciado Alexandre Bóveda, despois da presentación
feita polo presidente da sociedade e por Blanco Alfaya do Partido
Galeguista de Redondela, tomaron a palabra Víctor Casas, Álvarez
Gallego e Paz Andrade. O segundo tería lugar en abril de 1933,
falaron Bóveda, Álvarez Gallego e o deputado Suárez Picallo.
En xullo de 1935,
converteuse en Sindicato Agrícola y Ganadero, aprobando o seu
regulamento modelado da Federación Provincial e nomeando nova xunta
directiva: presidente, Clemente Míguez; vicepresidente, Luciano
Pereira; tesoureiro, Avelino Barreiro; contador, José M. Cabaleiro;
secretario, Manuel Barciela; vicesecretario, José Giménez; vocais,
Manuel Amoedo, José Pérez e Casimiro López.
En abril de 1936
nomeou a: presidente, Ramón Sestelo; vicepresidente, Casimiro López;
secretario, Francisco Davila; vicesecretario, Ángel Crespo;
tesoureiro, Casto Barbeito; vocais, Constante Sequeiro e José
Giménez. Delegados á Federación de Redondela: Ramón Sestelo,
Fermín Gómez e Santos García. Delegados aos congresos provinciais:
Santos García, Domingo Sobral, Fermín Gómez, Casimiro López e
José Ramón Vidal. No seguro mutuo de gandos figuraban 113 reses
vacinas cun valor de 76.350 pesetas. Contando daquela con 145
asociados.
Sociedad Agraria de Chapela “La
Progresiva”.
A súa sede era a actual Praza
de Abastos de Chapela, construída con préstamos sen interese dos
propios socios. Foi unha das primeiras sociedades agrarias en
fundarse. En xaneiro de 1901 foi clausurada por orde do gobernador
civil.
O 21 de agosto de
1909, sendo presidente Ángel Santorio, abren unha escola para os
fillos dos socios, que sería pechada en maio de 1910 por non
axustarse ás disposicións vixentes.
En abril de 1910,
no Cristo da Encarnación celebran un mitin antiforal e
societario. Falaron: Santos García, pola Soc. Agraria Cesantes;
Jacinto Crespo, do Directorio Antiforal de Teis; José Pereira,
concelleiro de Redondela e representante da Soc. Agraria do Viso;
Juan Amoedo Seoane, avogado da vila pola Soc. Agr. De Lavadores;
Carmen Álvarez; Claudio Contreras, tamén avogado da vila pola Soc.
de Mariñeiros de Redondela; Elena Estévez de Teis; Adolfo Gregorio
Espino, avogado de Vigo; Prudencio Landín, avogado e catedrático da
Normal de mestras da Coruña; e Benito Estévez, pola Soc. Agr. de
Lérez.
En 1912 estaba
presidida por Ramón Broullón e en 1913 noméase: presidente,
Benito Durán Rodríguez; vicepresidente, Domingo Rodríguez Lago;
secretario, Lino Vila (reelixido);
vicesecretario, Antonio López Gómez; contador, Robustiano Erquiza
Lage; depositario, Benito Otero López; vocais: Antonio Cabaleiro
López, Antonio Mosquera Pérez e Ramón Boullón Chapela.
En xuño de 1914
comezan as conferencias instrutivas aos seus socios.
Na segunda
asemblea de agrarios sindicados e non sindicados celebrada en Vigo o
31-3-1918, foi representada por Jose Antonio Mosquera.
En 1923 a
directiva queda constituída por:
presidente, Robustiano Erquicia Lago; vice, José Veiga Puga;
secretario, Lino Vila Broullón; vice, Amador Ballesteros Mos;
contador, Justo Otero López; depositario José Antonio Mosquera
Pérez; vocais: Gregorio Cabaleiro, Manuel Ávila Rodríguez e
Joaquín Santorio Campelos. E ao ano seguinte por: presidente,
José Veiga Puga; vicepresidente, Robustiano Erquicia Lago;
secretario, Lino Vila Broullón; vicesecretario, Manuel Álvarez
Luis; contador, Amador Ballesteros Mos; depositario, Justo López
Otero; vocais: Joaquín Santorio Campelos, José Domínguez
Santamaría e Florentino López Álvarez. Conselleiro da cooperativa,
José Veiga Puga, e da Xunta de Beneficencia, Gregorio Cabaleiro
Reboreda.
Os fillos de
Chapela en Montevideo, en maio de 1925, regalan a esta sociedade un
estandarte de cor vermella con cintas coas cores nacionais de España
e Uruguai.
Para o ano 1929
elíxese a: presidente,
Gregorio Cabaleiro; vicepresidente, Ramón Broullón Chapela;
secretario, Andrés Mencía Roig; vicesecretario, Eugenio Rodríguez
Cabaleiro; contador, Enrique González Lago; depositario, Justo López
Otero; vocais: Luis López Álvarez, Ramón Mosquera e José López
Gómez.
En novembro do
1933 acolle un mitin de Izquierda Republicana no que interviron Isla
Couto, Martínez, Domínguez, Poza Juncal, Telmo Bernárdez e Alfonso
R. Castelao.
Co inicio da
Guerra Civil a súa sede foi incautada e co tempo convertida en
Mercado.
Soc. Agraria Chapela, directiva co estandarte, 1925. Foto: Pacheco-Vida Gallega |
Sociedad Agraria “La Salvadora”, de Negros.
En
abril de 1918 foron presentados no Goberno Civil de Pontevedra para a
súa aprobación os regulamentos
de tres novas sociedades agrarias do distrito de Redondela: “La
Salvadora”, de Negros; “La Unión”, de Cedeira; e “La Ideal”,
de Cabeiro.
Sociedad Agraria de Negros.
Creada en novembro de
1931. En febreiro de 1935, xa baixo o nome de “Sindicato
Agrícola y Ganadero de Negros”,
nomeou a directiva que o rexerá
no exercicio
1935: presidente, Francisco González; vicepresidente, José Lago;
secretario, Antonio Loureiro; vicesecretario, Fernando Gómez;
tesoureiro,
Antonio Otero; contador, José Benito Garrido; vocais: Manuel Mouriño
e Sabino García. Delegados á Federación de Redondela: Francisco
González, Justo Cabaleiro e Rafael Pérez. Delegados aos Congresos
Provinciais: Francisco Gómez e Antonio Teijeiro. A caixa social tivo
un movemento de 212´65 pesetas no ano de 1934.
En febreiro de 1936 nomeouse a:
presidente, Justo Cabaleiro; vicepresidente, Francisco González;
secretario, Rafael Pérez; vicesecretario, Luis Álvarez; tesoureiro,
Antonio Otero; contador, José Crespo e vocais: Manuel Mouriño,
Basilio Lago e Lorenzo Crespo. Delegados á federación local: Justo
Cabaleiro, Rafael Pérez e Francisco González. Delegados ós
congresos provinciais agrarios: Justo Cabaleiros e Francisco
González. Ten 40 asociados e operou na Central de Compras por valor
de 1.251´75 pesetas, obtendo un beneficio de 63´86 pesetas, que o
devolve á federación provincial.
Sociedad Agraria de Quintela "La
Unión"
En novembro de 1927 o enxeñeiro xefe de Obras Públicas, o director
de camiños veciñais, e o deputado provincial, señor Laforet,
inspeccionaron e recibiron a nova estrada Redondela-Galleiro, cuxa
construción foi adxudicada á "Sociedad La Unión" que en
Quintela presidía o párroco Alfonso Álvarez Gil. (NOTA: Ata o
de agora é a única noticia que atopei desta sociedade e arríscome
a catalogala de Agraria aínda que non confirmei este punto).
Sociedad Agraria de Rande y Cotarelo
Constituíuse en xullo de 1910
en Rande comprendendo este barrio e o de Cotarelo. Nomeouse
presidente honorario ao deputado a cortes por Redondela Francisco de
Federico y Riestra. Quedando constituída a directiva por: Bernardo
Iglesias López, presidente; Alejandro Cabaleiro, vicepresidente;
José Conde Rocha, secretario; Jesús Cabaleiro, vicesecretario;
Manuel Cabaleiro Rodríguez, depositario; José Álvarez Otero e
Florentino González, vocais.
NOTA: Supoño que esta sociedade foi
absorbida pola de Cedeira, pero aínda non atopei ese dato.
Sociedad Agraria de Reboreda “La
Redentora”.
Constituída en
xullo de 1910 por: José Vidal Ricón, Presidente; José Casal
Míguez, vicepresidente; Manuel Couñago Míguez, secretario; Rogelio
Couñago Míguez, vicesecretario; Manuel Otero Amoedo, tesoureiro;
Manuel Bouzón Reguera, Cándido Míguez Míguez e José Rivera
Míguez, vocais. Foi nomeado Presidente honorífico o deputado a
Cortes Francisco de Federico y Riestra, e Socios Honoríficos a:
Graciano Mandado, José Novás e Justo M. Tojeiro. En novembro dese
mesmo ano a sociedade merca un solar para construír o seu propio
edificio.
En marzo de 1924
unha nova xunta directiva estaba formada por: presidente, Manuel
Vilas; vice, José García Dios; secretario, Adolfo Boullón;
contador, Bernardo González; depositario, David González; vocais:
Paulino Darriba, David Posada, Juan Fernández, José González e
Arturo Toucedo.
En outubro de 1929
inaugúrase a bandeira desta sociedade, fixeron uso da palabra
Heliodoro Rivas, en representación do alcalde Saturno Cal; Santos
García, en representación da sociedade de Cesantes; Gama, da de
Lérez; Álvarez García, da de Tomeza; e os avogados Poza Juncal e
Paz Andrade. Participaron representacións da sociedade de
mariñeiros, de canteiros e de carpinteiros e oficios varios, que coa
de Reboreda subiron a dita parroquia dende a rúa Alfonso XII
precedidas da banda de música de Cabeiro.
A nova directiva
para 1932 estaría formada por: presidente, Fermín Monroy; vice,
José González; secretario, Bernardo González; vice, Serafín
Gesteira; contador, Bernardino Vilas; e tesoureiro, Manuel González.
En outubro de 1935
inauguran as súas novas instalacións na Carambola, actuando a Banda
de Música de Cabeiro.
Como Sindicato Agrícola de Reboreda nomeou nova xunta directiva
para o ano 1936: presidente, José Vilas; vicepresidente, Marcelino
Míguez; secretario, Antonio Amado; vicesecretario, Manuel Bouzas;
tesoureiro, Silvio Sestelo; contador, Manuel Díaz; vocais: Manuel
Míguez, Sergio Dacosta e Manuel González; vocais delegados á
Federación local: José Vilas, Bernardino Vilas e Bernardo
Rodríguez. Delegados aos congresos provinciais: Benigno Bouzón e
Bernardo González. Tiña un seguro mutuo de 97 reses, que estaba
valorado en 43.400 pesetas. O seu capital o constituía o edificio de
recente construción valorado en 20.000 pesetas. Contando con 100
asociados.
Sociedad Agraria de Sajamonde “La
Protectora”
En marzo de 1936
o Sindicato Agrario de Saxamonde nomeou nova xunta directiva:
presidente, Rogelio Rodríguez; vicepresidente, Cipriano Cabaleiro;
secretario, Juan Alfaya; vicesecretario, Alfredo Couñago;
tesoureiro, Manuel Pérez; contador, Amadeo Veiga; vocais: Agustín
Crespo, José Balado e Manuel Rodríguez. Delegados á Federación de
Redondela: Rogelio Rodríguez, Ramón Castro e Lino Lago. Contaba con
42 asociados e operara na Central de compras no ano 1935 por
1.412'90 pesetas, obtendo de bonificacións 54'38 pesetas que lle
liquidara a provincial.
Sociedad de Agricultores y Marineros
de Sotojusto.
En agosto de 1933, o Governador
civil aprobou o regulamento desta sociedade. Formada definitivamente
en setembro de 1934 con cerca de 80 asociados.
Sociedad Agraria de Trasmañó “La
Predilecta”.
A
primeira referencia que atopo é na segunda asemblea
de agrarios sindicados e non sindicados celebrada en Vigo o
31-3-1918, na que foi representada por Ramón Carballo.
En marzo de 1932 consegue que o
Concelle paralice unhas obras sen permiso no monte. En febreiro
fanlle unha homenaxe a Benigno
F. González,
gran bentor da parroquia. Neste acto participaron Castelao e
Alejandro Bóveda.
En
maio de 1936, a que fora Sociedad
de Agricultores de Trasmañó,
transformada en Sindicato
Agrícola y Ganadero,
nomeou a seguinte xunta directiva: presidente, Cándido Pérez;
vicepresidente, Jacinto Álvarez; tesoureiro,
Baltasar Otero; contador, José Benito Docampo; secretario, Jesús
Álvarez; vicesecretario, Benigno González; vocais: Victorio
González, Manuel Veiga e José Luis Rodríguez.
Sociedad Agraria de Ventosela.
Baixo o nome de
Sindicato Agrícola de Ventosela, en febreiro de 1935
celebrou xunta xeral, nomeando: presidente, Manuel Bouzón;
vicepresidente, Arsenio Iglesias; secretario, Joaquín Nogueira;
vicesecretario, Ramiro Couñago; tesoureiro,
Luis Couñago; contador, David López; vocais, José Couñago, José
Lago e Juventino Gallego; Delegados á Federación de Redondela,
Manuel Bouzón, Humberto Toucedo e Francisco Soto. Delegados aos
congresos provinciais, Manuel Bouzón Veiga, Joaquín Nogueira, Luis
Couñago, David López e Ramiro Couñago. Ten un seguro mutuo de
gandos en función de 79 cabezas por valor de 31.200 pesetas e conta
con preto de cen asociados.
En febreiro de
1936 nomeou nova xunta directiva: presidente, David López;
vicepresidente, Juventino Gallego; secretario, Ramiro Couñago;
vicesecretario, Perfecto Bouzón; tesoureiro, Luis Couñago;
contador, Francisco Soto; e vocais: Jesús Couñago, Arsenio Iglesias
e Constantino Couto. Delegados á federación local de Redondela:
Fermín Blanco, David López e Arsenio Iglesias. Delegados ós
congresos provinciais, Jesús Couñago, Manuel Bouzón, Joaquín
Nogueira, David López e Ramiro Couñago. Funciona con 60 asociados e
ten un seguro mutuo
de gandos de 79 cabezas, valoradas en 33.800 pesetas. Pechou o
exercicio cun saldo favorable de preto dun millar de pesetas. Operou
na Central de Compras.
Sociedad Agraria de Vilar “El
Ideal”
Constituida en 1931, en agosto
dese ano xa estaba composta pola práctica totalidade dos veciños.
En marzo de 1932 solicita ao Concello que constrúa dunha vez
unha ponte para que persoas e animais non teñan que cruzar o río,
para evitar que ata nos enterros teñan que cruzar co cadaleito pola
auga. En xullo dese mesmo ano celébrase un mitin galeguista en Vilar
e Cabeiro, falando Álvarez Gallego, Martínez López, Paz Andrade e
o deputado por Ourense, Otero Pedrayo.
En xaneiro de
1936 o Sindicato Agrícola de Vilar elixiu nova xunta
directiva: presidente, Secundino Martínez; vicepresidente, Manuel
Martínez; secretario, Manuel Álvarez; vicesecretario, Severino
Davila; tesoureiro, Alejos Rodríguez; contador, Resolio Varela;
vocais: Manuel Villar, Juan Martínez e Carlos Paratcha. Delegados á
Federación local de Redondela: Secundino Martínez, Juan Martínez e
Severino Davila. Tiña seguro mutuo de gandos de 54 reses por valor
de 24.000 pesetas; contaba con 42 asociados e rendeu contas con saldo
favorable. Operou na Central de Compras por 900 pesetas
obtendo un resultado de 46'95 que percibiu da provincial ao remate do
exercicio de 1935.
Sociedad Agraria de O Viso.
En outubro de 1903 quedaron
constituídas as Sociedades de Agricultores de Cesantes e o Viso.
A súa presidencia
foi ocupada varias veces por Claudio Sotelo, mestre interino na
parroquia, que sería despedido na estación polos membros da
sociedade o 19-09-1927, por ser trasladado a unha escola de Lugo.
Entre os actos nos
que participaron apuntar que en 1910 foron a recibir á estación de
Redondela ó agrarista Emilio Rodal.
Tamén destacar
entre os seus membros a Casimiro Movilla Rodríguez, de O Viso, que
antes de ser nomeado alcalde de Redondela en 1923 fora un destacado
militante desta sociedade.
Esta sociedade era o motor cultural da
parroquia do Viso, parte das súas instalacións foron cedidas para a
escola estatal e contaba cun cadro de declamación dirixido polo
mestre Claudio Sotelo Loureiro, quen chegaría a presidir a sociedade
en varias ocasións. Outro presidente sería José Manuel Vidal
Sotelino, en 1926.
Sociedad Agraria do Viso, 1910. Foto: Vida Gallega |
Autor: Juan Migueles
Actualizado: 20/03/2020
BIBLIOGRAFÍA
Arredor de nós. Historia da Policía
Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.
Redondela, crónica dun tempo
pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo
Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Galeguismo e sociedade na Redondela
da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.
Galiciana-
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El
Pueblo Gallego, El Ideal Gallego, Diario de Galicia (Santiago),
La correspondencia gallega, El Eco de Galicia, Boletín Oficial del
Colegio Provincial de Médicos de Pontevedra, El Correo de Galicia,
La Idea, El Noticiero de Vigo, La Integridad, El Progreso, El Diario
de Pontevedra, Gaceta de Galicia, El Heraldo Gallego, Céltiga…
Biblioteca Nacional de España
www.hemerotecadigital.bne.es=> El
Sol (Madrid), El Proteccionista (Madrid), El Liberal
USC>F.U. ESCOLAS DE SOCIEDADES, S.H.
230, Exp. 13/Escuela de la Sociedad de Agricultores de Chapela "La
Progresiva"
No hay comentarios:
Publicar un comentario