O 23 de outubro de 1843, tivo lugar na praza de Vigo o pronunciamento
pola Xunta central para contrarrestar ao que derrocou ao Duque de la
Victoria, máis coñecido como o Xeneral Espartero. Mais ningunha
poboación galega da o seu apoio á sublevación quedando a cidade
illada. Uns días antes, o 8 de outubro en Redondela, os partidarios
do duque respaldados polo alcalde e o xuíz de Primeira instancia
conseguen que non se verifiquen as eleccións nas que presuntamente
serían destituídos. A pesares disto a falla de apoios provoca que
deban acudir a Vigo onde participan activamente na sublevación.
Baldomero Espartero Foto: Wikipedia |
29 de outubro
Militares
do goberno chegan
a Redondela para dar comezo ao sitio. Moi preto, un punto estratéxico
como é Pontesampaio, atópase fortificado e fortemente vixiado.
Noutras poboacións próximas
como Caldas de Reis, Pontecaldelas, Portas, Barro, Cambados, Cotovade
ou Vilagarcía; mobilizáronse
os nacionais e diríxense á nosa vila para incorporarse ás tropas
leais dirixidas na nosa vila polo coronel Macrohon. Ao mando do
exército é nomeado o xeneral Cotoner, que se dirixe á nosa vila
con seis pezas de artillería. Mentres
en Vigo noméase xefe político a Buk e administrador de provincia a
Fontano.
1 de
novembro
Son
declarados en busca e captura Juan Igneson, xuíz de primeira
instancia de Redondela; D. N. Sánchez, promotor fiscal do partido; e
Ramón Martínez Saco, veciño de Redondela; por marchar a Vigo para
unirse aos sublevados.
A goleta “Minerva”
acompañada por un quechemarín mercante, partiu da Coruña
cara a Pontevedra con artillería e municións.
2 de
novembro
Aproveitando
que o xeneral Cotoner aínda non chegara a Redondela cos reforzos, os
sublevados atacan a nosa vila con algo mais de 200 homes e 3 lanchas
cun canón de a 8 e outro de a 4. Abriron fogo contra as forzas do
coronel Macrohon pero estes rexeitaron o ataque.
En
Tui os voluntarios engrosan as filas dunha columna formada para
marchar sobre Vigo. Ademais estanse a reforzar os pasos fronteirizos
con Portugal. No país veciño, concentráronse bastantes tropas en
Valença.
3 de novembro
Chegan
a Pontevedra o coronel Suazo e os seus artilleiros, prisioneiros en
Vigo aos que se lles permitiu abandonar a cidade. Informan de que os
pronunciados contan con 1.500 homes entre nacionais e compañías de
Lugo. Están comandados polo señor Martín José Iriarte, quen
ordenou celebrar con repiques de campás o pronunciamento de Ferrol,
o que co tempo se comprobaría que era falso. Por contra as tropas
que conformaban o cerco da Cidade Olívica, rondaba os 4.000 homes.
A Redondela chegan
noticias de que parte da xunta de goberno de Vigo fuxe abandonando a
cidade á súa sorte. Entra na nosa vila o xeneral Cotoner cunha
división na que destaca un batallón de licenciados chamado
“Cazadores de la Reina” formado por 800 homes. Parte
destas forzas destinaranse a Ponteareas para evitar unha posible
incursión inimiga.
De Vigo saen 150
carabineiros que nun primeiro momento se sublevaron e agora se
entregan na nosa vila ao exército nacional.
1852 Biografía del Teniente General Don Martín José Iriarte Urdániz. Foto: todocoleccion.net |
4 de novembro.
Os
sublevados disparan dende a ría de Redondela. En realidade
esta non foi mais ca unha manobra de distracción que permitiu a
saída de Vigo de 600 homes mandados por Iriarte. Os rebeldes
perseguidos por Macrohon entran en Ponteareas finxindo ser tropas do
goberno. Pouco
despois saen cara a Cañiza pola proximidade
do inimigo.
6 de
novembro.
Ás
once e media da mañá Iriarte chega cos seus homes a Ribadavia.
Horas despois cruza o río Miño por Castrelo, onde pasan
a noite a tan só dúas
leguas de Ourense. Mentres,
en Vigo, a xunta de goberno
tenta resistir o sitio obtendo rescates polos retidos. Polo
administrador de Cangas piden 70 onzas ou 70 soldados licenciados.
7 de
novembro.
Manuel Nogueira, como
enviado de Iriarte, exixe que as autoridades e a guarnición
abandonen Ourense. Pero a cidade non se rende porque a defensa,
reforzada polos provinciais de Tui, conta con máis de 400 homes.
Nese momento os perseguidores aproxímanse a Ribadavia con 1.500
homes. Estando así as cousas Iriarte decide fuxir cara a Portugal.
Chega a Pontevedra a
goleta “Minerva” e o quechemarín portando un obús, un
morteiro, barrís de pólvora... Todo este armamento foi desembarcado
e conducido á fortaleza que anteriormente era convento de San
Francisco.
8 de
novembro.
Ás dez da mañá unha
delegación de Vigo acude a Redondela para tratar a capitulación da
cidade. Pola súa banda, Iriarte é derrotado na fronteira con
Portugal, tendo que depor as armas en Melgaço.
Unhas horas despois
entraba en Pontevedra o batallón provincial de A Coruña con 300
homes, saíndo pouco despois cara a Redondela. Tamén partiu para a
nosa vila o xefe político da capital por un incidente no Lazareto de
San Simón. A illa atopábase baixo a vixilancia do tenente Simón
Bulnes, que interceptou unha mensaxe do presidente da xunta de Vigo,
Sr. Fontano, para o director do Lazareto, Sr. Vicente de Vicente.
Nela se informaba da inminente rendición da praza e do avanzadas que
estaban as negociacións co xeneral Cotoner, que de non seres pola
oposición dunha minoría xa terían chegado a bo porto. O tenente
Bulnes ante a importancia do asunto procedeu á detención do Sr.
Vicente de Vicente e ao seu traslado a Redondela.
En Ourense entraron os
provinciais de Gijón e Zamora e un escuadrón da Constitución.
10 de
novembro.
As tropas de Cotoner
reúnense en Redondela baixo as ordes de Nouvillas e procédese á
rendición da praza de Vigo.
Os sublevados en Vigo
correron diferente sorte e a finais dese ano de 1843 aínda se
sospeitaba que moitos dos homes de Iriarte non cruzaran a fronteira
de Portugal e se agochaban nos arredores de Vigo. Entre a xente de
Redondela que participou no motín atopo os datos seguintes:
Juan Igneson y
Miramon. Era promotor fiscal en propiedade no Xulgado de
Carballino (Ourense) dende o 30-6-1842, se ben viña desempeñando
este cargo de xeito interino dende 11-10-1840. A Xunta de goberno da
vila de Redondela nomeouno xuíz o 6 de agosto de 1843, tomando
posesión o día 19 dese mes. Abandonou este posto o 23 de outubro de
1843, en que tivo lugar na praza de Vigo o pronunciamento pola Xunta
central para contrarrestar ao que derrocou ao Duque de la Victoria.
Tomou parte activa no movemento tanto coas armas na man como
auxiliando nos traballos de Secretaría da Xunta. Por estes feitos
veuse obrigado a emigrar ao estranxeiro, non podendo volver ata a
amnistía xeral de 1847. O Supremo Tribunal de Guerra y Marina
implicouno na causa formada ao xeneral José Iriarte, polos sucesos
de 1843, sendo condenado á pena de inhabilitación de por vida para
obter destinos e cargos públicos. Despois dun longo contencioso coa
Administración do Estado, o 12 de setembro de 1861 conseguiu que se
lle aplicara a lei de 26 de xuño de 1855, pola que tiña dereito ao
abono na súa clasificación de 11 anos, correspondente ao período
comprendido entre o 20 de maio de 1843 e o 11 de agosto de 1854, no
que permaneceu en situación pasiva, sen solicitar nin obter ningunha
comisión, destino ou cargo público lucrativo.
Ramón Martínez
Saco. Natural de Mos. Acababa de ser elixido deputado
provincial por Redondela cando se iniciou o motín. Trala revolución
de 1854 rexeitou a proposta de recuperar o cargo de deputado para
converterse en alcalde da nosa vila. Repetiu no posto anos despois,
destacando entre os seus logros a creación en 1861 das prazas de
médico e cirurxán dos pobres. En 1863, regresaría ao posto de
deputado provincial, sendo reelixido dous anos despois. Trala
revolución coñecida como A Gloriosa, en 1868, volvería a ser
nomeado alcalde e deputado provincial. En 1871 sería nomeado
Deputado a Cortes por Redondela, substituíndo a Juan Manuel Pereira
cando este foi destinado a China.
Evasio
Rubín Oroña. Militar, pai do Xeneral
Rubín. Loitou
xunto ao Xeneral Prim na Guerra de África e na do Norte co Xeneral
Martínez Campos. Retirouse despois de ser ascendido a Xeneral.
D. N. Sánchez. O
único que atopei del é o apuntado anteriormente, era promotor
fiscal de Redondela e participou na sublevación polo que foi
declarado en busca e captura.
Autor:
Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Gaceta de Madrid
Internovas
(18611111 Boletín
Oficial de la Provincia de Guadalajara)
(18431104
Boletín de noticias)
18431106 Boletín de
noticias Num. 551
18431104 El Centinela
de Galicia (A Coruña)
No hay comentarios:
Publicar un comentario