martes, 14 de abril de 2020

1941-II Guerra Mundial (III). A División Azul

 
         
Soldados españois da División Azul-El Confidencial

        Despois da Guerra Civil, moitos españois enrolados na División Azul loitaron na fronte rusa apoiando aos alemáns contra a Unión Soviética de Stalin. Algúns irían polos seus ideais falanxistas pero a meirande parte o farían para congraciarse co réxime franquista, ben para evitar o cárcere ou para axudar algún familiar preso. Os alemáns lanzaron unha tripla ataque contra Rusia dirixido polo centro, cara Moscú; polo sur, cara Kiex; e a fronte Norte, desde Novgorod a Leningrado. Nesta última é onde loitaron os españois perdendo a vida arredor de 5.000 homes.

        Varios redondeláns formaron parte destas forzas e despois da derrota pasaron a Alemaña e dende alí volveron a España. Un deles foi Simeón Otero Rivas que soia contar as súas aventuras na fronte de Estalingrado e como as “rusas me preparaban mi tecito”.

        Outro era Suso (ata o de agora descoñezo o nome completo), mutilado de guerra. O seu pai emigrara a Estados Unidos onde faleceu.

        Nunha relación de familiares con dereito a pensión polo falecemento na División Azul aparecen:

Soldado Isidro Becerra Bujones. Redondela. Fillo de Eulalia Bujones Lage. +6-12-41.

Soldado Inocencio Vidal Lusquiños. Redondela. Fillo de María Lusquiños Alján. +2-12-41.

        Isidro David Becerra Bujones naceu en Redondela en 1915, era fillo de Pedro Becerra Ramos, natural de Compostela, e irmán de Santiago e Alberto Generoso “Toberal””Cositas”, este último moi coñecido por ser correspondente en Redondela de Faro de Vigo.

        Inocencio era irmán do Policía Municipal Antonio Vidal Lusquiños “Fontán”. Por unha descendente de sabemos que foi obrigado a unirse a Division Azul nun xuízo que se lle seguiu por deserción con data do 15-10-1938. Pola ficha do seu expediente é de supor que debeu fuxir no ataque ou tratar de cambiar de bando na fronte de Guadalajara. As outras opcións eran cárcere ou fusilamento. Na listaxe de falecidos na fronte rusa consta como pertencente ao corpo Primer Tercio Legión. A familia lembra que era un gran atleta, practicaba ciclismo e xogaba a waterpolo. Neste último deporte o atopamos na aliñación do equipo que disputou a final do Campionato galego da Serie B. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/08/natacion-e-waterpolo.html )

        A súa nai apesares de saír na prensa o seu dereito a pensión esta non se faría efectiva, ata que tempo despois se descubriu que Manuel Leirós “Machaquito”, daquela xefe de Correos de Redondela, apropiábase destes e outros xiros o que supuxo a súa expulsión inmediata deste traballo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=correos )

 

1942-Exército español desfilando por Vigo. Foto cedida pola familia Docampo

        Non temos constancia do lugar onde están enterrados estes dous redondeláns, o que si podemos comentar e que as autoridades rusas e alemás chegaron a un acordo en 1997 para que os corpos dos soldados españois da División Azul e da Legión Azul caídos en Rusia e enterrados en varios cemiterios foran reunidos no cemiterio alemán de Novgorob, en Rusia, preto de San Petersburgo. A parcela española sería inaugurada o 14 de setembro de 1997. Dende aquela se teñen realizadas varias exhumacións de fosas comúns grazas a diferentes asociacións como a fundación alemá Volksbund Deutsche Kriegsgräberfürsorge e.V. (VDK) e a Asociación de Españoles Desaparecidos en Rusia. Cando se consegue a identificación póñense en contacto coas familias e decídese o enterro no cemiterio ruso ou a repatriación do corpo. Como sucede en España coas fosas da Guerra Civil este é un proceso longo e complicado.


        Finalizada a guerra volveron a Galicia o resto dos sobreviventes, a meirande parte moi enfermos, postos en liberdade despois de estares presos en Siberia. Non puiden confirmar que houbera algún redondelán entre eles pero si se fala dun home do veciño concello de Soutomaior e algúns máis nos concellos comarcais. Tamén foi moi soado o caso nesta rexión dun liberado que foi dado por morto e cando volveu á súa casa a súa esposa casara de novo.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002

19420110 Heraldo de Zamora

Foro memoria histórica de la División azul. ERG en http://memoriablau.foros.ws

Buscador de combatentes. https://buscar.combatientes.es/e

El Confidencial https://www.elconfidencialdigital.com/articulo/defensa/exhumaciones-espanoles-division-azul-rusia-paralizadas-ano-mas-covid/20210709142004259906.html

Españoles en la 2ª Guerra Mundial. https://www.mve2gm.es/paises/bando-del-eje/cementerios-en-el-extranjero/

El Mundo https://www.elmundo.es/larevista/num198/textos/guerra1.html

Investigación realizada por Alba Vidal Rivas, sobriña-neta de Inocencio Vidal.

Investigacións de xenealoxía de Celso Milleiro e Xosé Docampo.

Aportes M. Migueles

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario