viernes, 17 de abril de 2020

Carlos Gunche. O empresario viaxeiro.

       Carlos Gunche, despois de rematar os seus estudos coma enxeñeiro e ante as poucas oportunidades na España da posguerra, decidiu probar fortuna no estranxeiro. A viaxe levouno a vivir en 51 países diferentes, creando empresas en 17 de eles. O lugar de onde garda mellores lembranzas sería Mozambique onde cuns socios creou unha empresa pesqueira que chegou a dar emprego a 1.700 persoas. Os cambios políticos levaron aos seus socios a abandonar o país, quedando el só á fronte da empresa, non podendo evitar a súa nacionalización.
      O seu carácter emprendedor víñalle de familia. O seu bisavó, Concepto López Lorenzo, vigués de nacemento fixera fortuna en América e á súa volta converteuse nun dos maiores contribuíntes para a fundación da empresa Tranvías de Vigo, sendo nomeado primeiro presidente da mesma. En Redondela mercou o Pazo de Torres Agrelo que rebautizou como La Tapera, que en algúns países de América significa casa en ruínas e abandonada, probablemente por ser o estado no que se atopaba cando o mercou. Na súa finca falecería traxicamente en 1918 polo mor do golpe dunha póla durante as tarefas de poda.
       O xenro de Concepto, Carlos E. Gunche Rodríguez, enxeñeiro de orixe arxentino, sucedería a este como presidente de Tranvías de Vigo, presentando a súa dimisión en 1923. En Redondela construíu en Punta Socorro (A Portela-Cedeira) as instalacións de Electro Metalúrgica Galega (fundada en 1920), creando despois a fundición Santa Elena na 2ª metade dos anos 30. En 1946 troca o nome polo de IME S. A., presidindo o consello de administración. Nese mesmo ano contaba cun capital de dous millóns de pesetas. Era unha fundición que producía e recuperaba chumbo, estaño... Contaba con concesións mineiras na zona de Avión e tamén mercaba mineral da zona do Barbanza, Salamanca e Murcia. A empresa tamén dispuña dun galeón para o transporte por mar dos seus produtos. Chegou a dar emprego a preto de 200 persoas. Pechou en 1951, volvendo a traballar cun só forno entre 1952 e 1957.
      O seu fillo e pai de Carlos, Raúl Carlos Arturo Gunche López xa exercía como director xerente da IME dende a súa fundación. En 1943 sería nomeado alcalde de Redondela polo Gobernador civil.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Aportes Carlos Gunche
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => 19460619 La Noche



No hay comentarios:

Publicar un comentario