jueves, 16 de abril de 2020

Mar Libre!


       A costa do concello de Redondela volta a estar ameazada por un novo intento por parte do Porto de Vigo de realizar recheos no mar de Chapela e Rande.
       Durante o pasado século unha das maiores preocupación das xentes do mar era a construción de viveiros de ostras na Enseada de San Simón.
      En 19108, José Capón, de Vigo, solicitou a instalación dun viveiro de ostras en Cesantes. Con tal motivo o alcalde Avelino Giráldez, acompañado dos concelleiros Eulogio Padín e Buenhijo Pérez Sobrino, e do secretario Paulino Otero García, achegouse ata aquela parroquia para confirmar o informe positivo da alcaldía a esta iniciativa. O recibimento non foi como eles agardaban e no Alto de Cesantes agardáballes unha choiva de pedras, sendo alcanzado Pérez Sobrino, ao que feriron no nariz. A súa carruaxe foi inutilizada e ata un cabalo tamén resultou ferido.
       Ante a chegada de veciños doutras parroquias que apoiaron a protesta o comandante do posto da Garda Civil de Redondela solicitou reforzos a Vigo. A chegada de seis números de cabalaría tranquilizarían os ánimos
       O fondo da ría sería tamén froito de intereses comerciais en 1919. Os mariñeiros e as corporacións municipais de Redondela, Soutomaior, Pontesampaio e Vilaboa, enviarían unha comisión que lle entregou ao Comandante da Mariña de Vigo dúas instancias dirixidas ao Ministro de Mariña, pedindo que non se conceda a José C. Barciela autorización para construír un parque ostrícola na ría de Pontesampaio.

        Corría o ano 1956, cando Mr. Potter chegou á ría na procura dos galeóns de Rande. No medio da expectación que levantaron as inmersións deste aventureiro, Juan Muíños, alcalde de Redondela, como Presidente da Confraría de Mariñeiros e sen contar cos asociados, firmou unha autorización para acoutar 45.000 metros da Praia de Cesantes. O propósito era que o Instituto de Investigaciones Pesqueras ía instalar un viveiro experimental de ostras. Viñan sendo uns 150 metros de liña de costa por 300, fronte á illa de San Simón, lugar onde moitas mulleres mariscaban a pé, mentras os homes o facían dende as gamelas. Unha compradora afirmaba que daquela zona mercaba ao día 205 caixas de berberecho a 50 pesetas, 300 kg. de ameixa a 25, 2.000 navallas a 10 pesetas cada cen e algunhas caixas de mexillón a 60. 
Área que se pretendía privatizar según explicacións posteriores Foto: Faro de Vigo



       Estando así as cousas, o 24 de xaneiro, as campás das igrexas dos concellos de Redondela e Soutomaior reuniron a 5.000 persoas que ao grito de “Mar libre” e a pesares dos culatazos e as detencións da garda civil impediron que os traballadores acoutaran a praia. Dende aquel día os mariñeiros nos seus barcos e as súas mulleres na area fixeron garda día e noite. Estas primeiras gardas foron contestadas con novas detencións. Pero a pesares disto, en canto vían que se acercaban gardas ou obreiros con materiais de construción soaban todas as campás e a xente deixaba os seus traballos e acudía correndo a Cesantes. As autoridades ante a forte oposición prohibiron que soaran as campás. Daquela, cando había perigo prendían lume as silvas e coa escusa do perigo de incendio as campás volvían a soar.
Colectores probados en Cesantes. Foto: Rex-Faro de Vigo
       Dende o Instituto de Investigaciones Pesqueras asegurábase que o viveiro se ubicaría na parte da praia menos produtiva e que o fin era a repoboación e recuperación dos bancos marisqueiros. Isto xa se realizara en Arcachon (Francia) onde a iniciativa fora un éxito. En 1935 na Enseada de San Simón recolléranse a cifra récord de trinta millóns de ostras e asegurábase que con esta nova técnica podería triplicarse a produción.
        Chegou febreiro co seu frío e unha vez máis achegáronse á praia o alcalde, os representantes da empresa “Hijo de Massó y compañía”, que estaba detrás do proxecto, e a súa escolta armada con fusís. Unha vez máis foron recibidos cos gritos: “Mar libre” e “Abaixo os vendidos”. Dando a volta Juan Muíños aseguroulles aos seus acompañantes: “No resistirán”, pero resistiron.
Os defensores da praia recibiron numerosas mostras de apoio como a de 300 obreiras da fábrica de camisas Regojo que abandonaban o seu traballo para realizar a súa quenda de vixilancia, a das persoas que se achegaban a praia a levarlles comida, mantas ou augardente para quecer o corpo ou os que visitaban aos presos no cárcere. Pola súa parte o alcalde tan só saía á rúa escoltado pola garda civil, pero non podía evitar ser increpado polos veciños por moito que os ameazara con prendelos.
Nunha ocasión os gardas civís coas súas armas rodearon a unhas 200 mulleres que gardaban a praia. Adiantouse o coronel e ameazounas con fusilalas se non se marchaban. As mulleres unha a unha deitáronse na area gritando que as fusilaran e os gardas non tiveron máis remedio que irse.

Parque ostrícola de Arcachón Foto: granadapickups.blogspot.co
        Despois duns meses as autoridades déronse por vencidas e a praia seguiu sendo de uso público.
A unión do pobo fixo a forza, pero realmente ¿podemos clasificar de éxito esta revolta? O 2015 foi o derradeiro ano no que se rexistrou recollida de ostra na Ría de Vigo. No presente ano (2019) fracasou o derradeiro intento de volver a introducir a especie. Así que xa sabedes se comedes ostras probablemente sexan de Arcachon.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La correspondencia gallega, El Pueblo Gallego, Diario de Pontevedra, La Noche
Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => La España
Faro de Vigo
Xefatura de Servizos de Acuicultura da Xunta de Galicia.


No hay comentarios:

Publicar un comentario