No
2014 o Concello de Redondela encargoulle un informe histórico e
heráldico ao Seminario de Estudos Redondeláns (SEREN) para acadar o
deseño dunha bandeira e dun escudo como ensina do municipio, para
poder rexistralo como símbolo oficial ante a Comisión de Heráldica
da Xunta. O motivo deste estudo era que o escudo redondelán constaba
dunha "R" maiúscula xunto a tres conchas de ouro sobre un
fondo branco, o que representaba un campo de prata. Isto infrinxía
as regras heráldicas ao non poder ir xuntos dous metais. Para evitar
este conflito e axustarse á normativa, o Seren propón cambiar a cor
do fondo a azul, tal e como aparece no escudo municipal situado na
cabeceira do altar da Inmaculada Concepción da igrexa parroquial de
Santiago Apóstolo de Redondela, datado no século XVIII, e
considerado o máis antigo que se conserva na vila.
En
canto á bandeira, o Concello carecía dun estandarte polo que se
aproveita a ocasión para deseñar
unha nova. Neste caso a proposta de Seren sería
a cor granate baseado no histórico pendón municipal, empregado nos
distintos actos solemnes políticos, culturais e relixiosos na vila.
Segundo o estudo histórico, as orixes deste pendón descoñécense,
"aínda
que non se descarta que servise de distintivo como bandeira nalgún
dos enfrontamentos contra as tropas francesas ao seu paso pola vila,
en Pontesampaio ou en Vigo, no século XIX".
Escudo empregado anteriormente |
A
proposta do escudo é aceptada e no DOG nº 195 do 13-10-2014
publícase o Decreto 129/2014, do 2 de outubro, polo que se aproba o
novo escudo do Concello de Redondela.
«De
azur (azul), a letra R de ouro (amarelo), posta no centro, e
acompañada de tres vieiras, tamén de ouro, dúas no xefe e unha na
punta. Ao timbre, coroa real pechada».
Por
contra a bandeira é rexeitada por infrinxir as normas da heráldica,
facéndose unha serie de recomendacións para que poida ser aprobada.
Finalmente sería presentada
oficialmente en 2017.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Faro de Vigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario