Ata o de agora non fun quen de facer un rexistro dos Fillos
Adoptivos nomeados polo
Concello de Redondela. Sirva esta como unha primeira achega a un
período
concreto da nosa historia. As fechas coinciden coa data na que foron
aprobados pola Corporación municipal.
1925, 15 de xaneiro. Severiano
Martínez Anido. Militar
natural do Ferrol, que durante o goberno de Primo de Rivera ocupou
os cargos de Director Xeneral de Seguridade e Subsecretario do
ministerio da Gobernación (1925-1930). O motivo da distinción foron
as súas xestións para a canalización do Alvedosa. En outubro de
1925, con motivo da súa visita a Galicia para inaugura un congreso
na illa da Toxa, celebrouse
un banquete na súa honra na finca de Avelino Giráldez.
Este
militar sería tristemente coñecido como
“El Carnicero de
Barcelona”
pola represión que exerceu na cidade condal como Gobernador
Civil (1921-1922). Coa chegada da II República (1931) veuse obrigado
a exiliarse a Francia. Tralo inicio da Guerra Civil regresa a España
sendo nomeado por Franco o 30-1-1938 ministro de Gobernación. Súa
foi a decisión de establecer unha prisión militar en San Simón.
Faleceu a finais dese mesmo ano sen chegar a ver o remate da
contenda.
Martínez Anido recibido polas autoridades na estación de Redondelaen outubro de 1925. Foto: Llanos-Faro de Vigo |
Foto: Vida Gallega |
1925, 15 de xaneiro. José del Río
Jorge. Comandante de infantería natural de Baiona, nomeado
delegado gobernativo por Redondela en decembro de 1923, tralo golpe
de Estado de Primo de Rivera. Chegou á vila o 3 de xaneiro e a súa
primeira medida foi suspender á corporación municipal en pleno e
nomear unha nova. Nos días seguintes visitou os demais concellos do
partido ditando medidas sobre subsistencia, sanidade i ensino.
Propiciou a instauración do corpo de Somatén e sentou as bases para
a fundación do partido Unión Patriótica. Volveu a constituír
varios colectivos, como as xuntas locais de Sanidade, Primeiro Ensino
e Protección do Menor; ou o Corpo de Exploradores. Pola súa
iniciativa organizouse a Festa da Árbore nos diferentes concellos do
partido. Encabezou o recibimento oficial dado na nosa vila ao xeneral
Primo de Rivera. Intercedeu ante o deputado provincial para a
construción do Campo de Pétán. En xullo de 1924 acompañado polo
alcalde Saturno Cal, xestionaron en Madrid a canalización do
Alvedosa, a traída de augas, a construción dun novo cárcere e,
para as parroquias, a consecución de varias escolas novas. En abril
de 1925 deixa o cargo ao ser nomeado Gobernador civil da provincia de
León. Poucos días despois do seu falecemento, o 29-9-1928, déuselle
o seu nome á actual Rúa Padre Crespo.
Busto de Ramón González. Foto: Vida Gallega |
1925, xuño. Ramón González Fernández,
empresario natural de Ribadeo elixido deputado Provincial por
Redondela en 1924. Nomeado fillo adoptivo “... en agradecemento
polos favores concedidos”.
Foto: Wikipedia |
1928, marzo. Miguel Primo de
Rivera, marqués de Estella.
Xeneral presidente do Consello de Ministros. Acordouse
por unanimidade nomealo fillo adoptivo con motivo da súa visita a
Redondela. Agradéceselle así o proxecto da creación do aeroporto
marítimo nacional na praia de Cesantes e a aprobación, pola Real
Orde do 22 de marzo de 1928, das obras da primeira sección do río
Alvedosa.
Autor:
Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Galiciana-
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> El pueblo gallego, El
Diario de Pontevedra, El correo de Galicia
As Illas de San Simón. Aproximación á súa historia. J. A.
Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia.1999.Pag. 133
No hay comentarios:
Publicar un comentario