sábado, 18 de abril de 2020

Curandeiros, adiviñas e meigas.

        En decembro de 1843 o correspondente de Redondela no xornal “El Centinela de Galicia” de A Coruña, chamaba a atención sobre as prácticas de nove curandeiros nas inmediacións da nosa vila. Segundo afirmaba “asesinan con desfachatez” e chegan ao extremo de desacreditar aos médicos. Pechaba os seus comentarios clamando por un remedio para este mal que aflixe ás poboacións rurais galegas.

        En 1885 chegou á vila de Redondela unha botadora de cartas. Foi a consultala unha muller dunha parroquia próxima que desexaba ter noticias do seu esposo. Propúxolle un conxuro para o que debían estender unha saba no chan con catro onzas de ouro nas puntas. Nun despiste a vidente arramplou coa saba e o ouro, quedando a pobre muller sen saber nada do seu home e sen as súas pertenzas.

        Nun xornal de 1895 dábase conta do seguinte caso. Unha muller de Redondela acudira a unha curandeira para consultarlle o caso do seu fillo enfermo. A resposta foi que “tiña o aire”, polo que lle prescribiu o seguinte remedio: atar a súa cadela a unha pedra e enterrala deixando a cabeza de fóra. Segundo ela, a medida que o animal desfalecera o neno melloraría. Como é lóxico a cadela faleceu sen que o rapaz curara da súa enfermidade.

        En 1897, unha veciña de Redondela que quería coñecer o seu futuro, foi consultar a unha xitana preto de Teis. A adiviña estendeu sobre a cara da muller un pano, que estaba empapado dun líquido, que a deixou profundamente durmida, aproveitando para roubarlle 75 duros. Ao despertar a pobre muller aínda foi ameazada pola estafadora cunha navalla.

        En 1900 a impunidade das “bruxas” chega máis lonxe. Unha curandeira de Pontevedra instálase na rúa Prata, en pleno centro de Redondela. Cóntase que xa tratara a un enfermo da rúa Oriente (actual Telmo Bernárdez), polo que se pide a alcaldía que tome medias para evitar a instalación deste tipo de “sanatorios” no corazón da vila.

        En 1915, Arturo Rodríguez de Pazos Prata, alias “O Sabio”, que curaba por medio do hipnotismo, foi detido pola Garda Municipal o venres por orde da alcaldía, por adicarse ao meigallo. Coa promesa de tomar o tren a Portugal como fixo, foi posto en liberdade.

        En 1935 faleceu en medio de grandes dores, Angelita Amoedo Ruiz, de 26 anos e natural de Redondela. Naquel momento era atendida pola botadora de cartas Rosa Moreras. Crese que a morte foi provocada por un abortivo abríndose unha investigación para determinar quen llo proporcionou.

    

Un dos meigallos practicados en Redondela para curar do aire da envexa sería o seguinte: Faise unha fogueira e despois botan nas brasas tres dentes de allo, nove follas de loureiro e nove de trobisco. Isto haino que facer tres días seguidos e ao tempo que se pasa ao neno por riba da fogueira, dise unha oración: ”Eu corto o codo e todo o mal aire e toda a mala envidia e todo...”.

Outra das crenzas era que cando un neno enfermaba soía dicirse que: “Iso foi alguén que lle botou a ollada”.

Entre as persoas que realizaban conxuros e meigallos na nosa vila podemos citar a:

Juan Relín López coñecido como “El Brujo” na parroquia de Cedeira, onde a xente lle atribuía todo tipo de milagres. O fiscal o acusou de envelenar con arsénico en 1912 a Emilia Vilalisa, veciña de Trasmañó, por despeito de que esta mantiña relacións cun canteiro chamado José Pérez. No xuízo as testemuñas aseguraron que ao darlle o procesado unha taza de viño á vítima comezou a sufrir dores agudos, sendo condenado a cadea perpetua.

“A Bruxa”. Era unha señora do Picoto (Chapela) que aplicaba remedios seguindo unha antiga tradición das mulleres da súa familia. A pesar do alcume a familia eran queridas e respectada. Ao lugar onde vivía déronlle o nome de Camiño da Bruxa.

“As Felisas”, en Cedeira. Realizaban meigallos.

O Tardo”. En Chapela. O Tardo é un tipo de trasno dos bosques e atribuíanlle algúns dos seus poderes máxicos ou trasnadas.

A Cartera”. En Redondela. Era chamada así porque votaba as cartas, era adiviña. Predicía os matrimonios, os noivos, os negocios...

Rosa “A dos Castillos”. Tamén en Redondela. Sacaba o aire aos nenos. Din que os curaba. Un dos seus remedios era cando un bebé non facía de corpo, metíalle unha ramiña de pirixel no ano.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Gaceta de Galicia Diario de Santiago, El Centinela de Galicia (A Coruña), Eco de Galicia diario de la tarde, El Correo Español

La Voz de Galicia

Aportes orais.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario