sábado, 18 de abril de 2020

As fontes milagrosas.

Fonte do Mouro na súa antiga localización. Facebook Susana Ricón
Fonte do Mouro na súa antiga localización. Facebook Susana Ricón 
      

           Antigamente tíñase a crenza de que algunhas fontes tiñan propiedades curadoras. Este era o caso en Redondela, da fonte do Mouro. Ata o século XVIII houbo un pequeno hospital no sitio da Costa da Forca, no Monte do Cuco. Este lugar estaría nun camiño que baixa desde a estrada nacional ata o Camiño do Campo de Fútbol. Alí eran atendidos os enfermos de lepra que se lavaban na fonte do Mouro polo seu poder sanatorio, acompañados dunha persoa que tocaba unha bucina para que a xente se mantivera a unha distancia prudencial. A capela de Santa Mariña daquela tiña un tellado na entrada que hoxe está en desuso para acoller á xente que non collera no interior. Preto había unha casa de planta baixa cunha reixa dende onde escoitaban misa os leprosos. 

 

  
         Outra milagrosa era a fonte de San Román, en Saxamonde, da que se cría que curaba aos meniños si eran mergullados nas súas augas. A maioría deles padecían o chamado “mal do aire” e as roupas que traían debían ser deixadas na fonte.

         Estas crenzas eran aproveitadas polas “meigas” da rexión que receitaban o uso das augas acompañado da práctica de ritos e cerimonias que curaban “o aire”, “o mal de ollo”, etc. En 1929 unha nena de Sárdoma de tres anos enfermou e o médico dixo que ía morrer. A desconsolada nai contoulle o caso a unha comadre que lle dixo que o que tiña era “un aire” e que debía ir “a unha muller desas que o corren”. Alá foi a unha “sabia” que había no Areal e que en canto viu á meniña confirmou o diagnóstico. O remedio sería aplicado ao día seguinte na fonte de San Román de Saxamonde onde a “sabia” realizou os seus ritos mentres repetía –“¡Dios que te deu, Dios que te criou, Dios te libre dese mal ollo que te mirou!”. Os gastos da cura e os exorcismos ascenderon a 22 pesetas pero a nena non mellorou. Tan mal estaba que a nai non se atreveu a levala á consulta, pero a “sabia” dixo que non importaba que lle trouxera unhas pezas de roupa que vestira a criatura e 10 pesetas para gastos dos rituais. Pero tampouco deron resultado e a meniña faleceu. Tendo coñecemento o pai do sucedido, denunciou os feitos sendo posta a “sabia” a disposición do xuíz.

 

Fonte de San Román entre 1965 e 68.  Romarías e Santuarios. Gustav Genningsen. Museo do Pobo Galego
Fonte de San Román entre 1965 e 68.

Romarías e Santuarios. Gustav Genningsen. Museo do Pobo Galego.


 
Casos como este levaron ao médico Telmo Bernárdez a reclamar en varias ocasións a clausura da fonte. O asunto foi discutido moitas veces no Concello batendo os coñecementos científicos cos impedimentos da superstición, a tradición e os intereses creados. Finalmente adoptouse unha decisión salomónica, rodear cunha reixa a fonte e darlle a gardar a chave ao cura da parroquia.

No Monte Mirallo, en Cedeira, atópase a Poza de Arriba, que era moi boa auga á que se lle atribuían poderes sanatorios. Algún veciño aínda asegura que era “Recomendada por médicos de Vigo”.

A Fonte de Canabal tamén é chamada dos Remedios, nome que non deixa dúbida das súas propiedades curadoras, aparece xa citada en 1586 como linde entre Vilavella e Cedeira. Actualmente atópase dentro dunha propiedade privada.

            A Fonte de San Bernardo en Cedeira curaba a rabia, enfermidade que transmitían os cans. Contan que antigamente o día da festa adicada a este santo os romeiros mollaban pernas e brazos para previr esta enfermidade.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego, La Idea

Aportesorais.


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego, La Idea
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario