martes, 14 de abril de 2020

Os Viadutos

Redondela é coñecida como a Vila dos Viadutos por estar atravesada por dous deles, un da liña de ferrocarril Vigo-Ourense e outro da liña Vigo-Pontevedra. Estas dúas estruturas foron declarado BIC en 1978.


Viaduto de Ourense, de Monforte ou de Madrid

Este viaduto mide 411 metros de largo por 32 de alto, se ben a parte metálica ten unha lonxitude de 255’89 m. As pezas metálicas foron importadas das fábricas de Fives-Lille (Francia). As obras foron dirixidas polo contratista Sr. Odriozola. O interior dos piares de pedra foron recheos con miles de piñeiros, xa que a madeira resultaba máis económica. A súa construción iniciouse en 1863. O 30 de xuño de 1876 realizáronse as probas de forza ás que asistiu o Gobernador Civil. Consistiron en que unha locomotora cruzara tres veces, a última con oito vagóns cargados de terra.

O inicio das obras do tramo Vigo-Redondela foi inaugurado e percorrido por Alfonso XII ao ano seguinte. Pero non sería ata 1881 cando entraría en funcionamento.. A viaxe inaugural celebrouse o 9 de xuño, con saída dende Vigo e chegada a Ourense. Nesta cidade celebrouse un banquete ao que asistiron máis de 80 comensais. Entre os asistentes figuraban os Bispos de Tui e Ourense; o consello de administración da compañía construtora, Sres. Rouvière, Coura, Galí e Pérez Caula; o xeneral Fuente Pita; Sr. Ballester, xefe do Movimiento; varios Deputados Provinciais; algúns ex-Deputados a Cortes; alcaldes de Ourense, Vigo, Redondela e outros concellos do percorrido, representantes da prensa... O primeiro tren de viaxeiros sairía o 18 de xullo de 1881. O tramo ata Monforte completaríase en 1885.

Sempre se dixo en Redondela que este viaduto fora construído por Pedro Paolo Floriani da Macerata, mestre italiano discípulo de Gustave Eiffiel, o construtor da homónima Torre parisina, mais parece ser que a realidade foi ben distinta. Efectivamente, existiu un Pedro Floriani, pero que nada tiña que ver cos anteriormente mencionados e que en realidade, era un subcontratista. No 1868, a adxudicataria das obras comunícalle que non se lle pagará a obra aducindo a falta de seguridade da mesma. Endebedado tentou suicidarse e quedou inválido. Os outros financiadores da obra que tampouco cobraron os custes foron Francisco Buenagua Magulegui, de Marquina (Vizcaya), e Juan Praria Rozaza. Eles si conseguiron suicidarse.

En 1911 inícianse unhas obras consistentes en reforzar a ponte cun trinta por cento máis de ferro, dirixidas polo enxeñeiro industrial Esteban Puiggali. Crónicas da época denuncian que o único que se fai e “quitar uns tornillos e poñer outros”. Estas obras rematarían coas probas de resistencia o 5 de novembro de 1912, cun custo de arredor dun millón de pesetas.

A principios de 1927 os carteis que prohibían o paso non impiden que o viaduto se encha de xente cada vez que o Redondela F. C. xoga no campo de Petán. O feito tampouco é tan estraño tendo en conta o índice de analfabetismo da época. Pero as aglomeracións chegan a ser tan perigosas que en ocasións os trens teñen que deterse no viaduto para evitar atropelar á xente.

Durante os anos de posguerra, cando “o tren Portugués” (tren procedente de Portugal) facía soar a súa sirena tres veces e freaba antes de chegar a este viaduto, a baixa velocidade era aproveitada para lanzar sacos de café, fariña...; que os mozos da vila recollían axiña. Este estraperlo axudaba á precaria economía de moitas familias de Redondela.

Durante todos estes anos de funcionamento o maior problema deste viaduto era o forte desnivel que o separaba do túnel de Os Valos, o que provocou non poucos incidentes. En agosto de 1967 entrou en funcionamento un trazado alternativo, que provocou a construción dunha nova estación. En 1971 o viaduto quedou definitivamente en desuso retirándose as vías e as varandas.

Daquela, a estrutura de ferro foise deteriorando pola falta de mantemento, que non chegaría ata o 2004, ano no que a Consellería de Cultura investiu 318.000 euros en limpeza, toma de mostras e pintado do viaduto. Os traballos non deberon resultar moi efectivos xa que tan só 5 anos máis tarde caiu unha peza metálica de case 1 Kg. de peso, coa fortuna de que non causou danos. Este suceso provocou que en maio do 2009 o viaduto comezara a ser tapado cunha malla en espera de financiamento. No 2013 inícianse novos traballos de restauración que rematan ao ano seguinte co pintado da estrutura metálica de cor verde. Apesares de que a maior parte da poboación tan só coñeceramos a ponte oxidada, os maiores lembran que a cor orixinal era similar ao que ten o viaduto de Pontevedra.



Viaduto de Ourense, 2009.

Viaduto de Pontevedra
           En 1864 o enxeñeiro José Pérez presentou o primeiro proxecto para a liña Redondela-Pontevedra no que non se recollía a construción dun novo viaduto. En 1879 nun novo estudio Manuel Tabuenca recomendaba a súa construción. Sería finalmente Mariano Cordereda o que, en 1881, fixaría as dimensións e a localización da ponte. Ese mesmo ano, o 17 de marzo de 1881, celébrase a inauguración das obras do tramo de ferrocarril Redondela-Pontevedra, con asistencia do Bispo de Tui, presidente da Deputación e o Gobernador civil da provincia. O acto celebrado na estación de Redondela consistiu na colocación duns raís provisionais sobre os que unha vagoneta arroxou a primeira carga de terra na futura liña. Fixeron uso da palabra durante o acto o Sr. Rouviére, xerente da empresa construtora Sociedad Catalana de Crédito; o Gobernador Civil, Eduardo Matos; Sr. Cid, do xornal El Anunciador de Pontevedra; e os Sres. Mugártegui, Bárcena (alcalde de Vigo), Tabuenca, Migueles, Pardo (alcalde de Redondela) e Llorente.

En xuño de 1881 dan comezo as obras de construción. Ás 7 da mañá do día 7 de marzo de 1882 colócase a primeira pedra do viaduto. As probas de resistencia realizáronse en maio de 1884. E definitivamente, o 30 de xuño de 1884 celébrase a inauguración oficial da liña Redondela-Pontevedra e bendícese a locomotora “Pontevedra”. Na actualidade segue en funcionamento.

O Viaduto de Pontevedra tan só ten pedra nos tramos de acceso. A parte metálica consta de tres tramos sostidos por dous piares. O central ten unha luz de 57’5 m. e os laterais de 46m. O enxeñeiro que dirixiu a obra foi Luis Wirtz. Empregouse ferro laminado construíndose as pezas nos talleres da barcelonesa “Maquinista Terrestre y Marítima”.



Viaduto de Pontevedra, 2009
 
Viadutos Menores
Ponte de Fontán (Soutoxuste-O Viso). Pequeno viaduto do ferrocarril que leva á Punta de Fontán. Construído en 1883.
Ponte de Fontán. Foto: J. Migueles
Ponte de Fontán, 2020.

 
Viaduto los Cuatro Puentes (límite Chapela-Teis (Vigo)). Chamado así por ter catro arcos de pedra.

Viaduto de San Estevo (Negros). Viaduto do ferrocarril do trazado Vigo-Ourense que entrou en funcionamento co novo trazado que deixaría en desuso o Viaduto de Ourense.

Viaduto de San Estevo, 2009.
 
No 2008 iniciáronse as obras do AVE en Redondela enchendo o concello de novos viadutos.
 
 
Viaduto do AVE. Foto: J. Migueles
Viaduto do AVE

Texto e fotos: J. Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Historia de las Rías. (2 Volumes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

SEREN

Nº4. Os viadutos de Redondela: Arquitectura, arte e estética. Carlos A. Antuña Souto e Javier Antuña Castro.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Diario de Pontevedra, El pueblo gallego, El Diario de Santiago, El Noticiero de Vigo, Vida gallega, El Correo de Galicia (Bos Aires), El Progreso, La Integridad diario católico, Galicia diario de Vigo, La idea moderna, El heraldo gallego, Diario de Galicia...

El Imparcial (Madrid), El Heraldo de Madrid, La Epoca (Madrid), El Siglo futuro (Madrid))

En Consello da Cultura. www.consellodacultura.gal=> Céltiga (Buenos Aires), Eco de Galicia (La Habana)

No Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es=> La Ilustración Gallega y Asturiana,

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

No hay comentarios:

Publicar un comentario