A Feixa. Foto: J. Migueles, 2016 |
O nome de A Feixa é un sinónimo de fervenza. Outro nome que recibe é o de Fervenza do Cachafundo, que segundo a RAG significa “Poza que queda no leito dun río, arroio etc., ao desviar o seu curso ou secar”. No verán esta fervenza leva pouca auga e coa recollida dos muíños pode producirse a circunstancia de que a fervenza se reduza a un fío de auga ou que chegue a secarse, pero non así a poza que se formou aos seus pés.
Trátase dunha das paisaxes máis fermosas de Redondela. Anos atrás, as familias facían xantares campestres á beira do río, principalmente os días de festa. Nos anos 90 do pasado século, os nenos aínda se bañaban aos pés da fervenza. Como dixemos, no verán leva menos auga polo que sempre é máis recomendable a visita en época de choivas.
A Feixa. Foto: J. Migueles, 2008. |
No 2014 creouse un novo acceso e construíuse unha escaleira que sube ata o alto da fervenza. Unha gran mellora na accesibilidade, pero unha actuación agresiva, tendo en conta que existían accesos alternativos. O problema está en que moitos destes camiños foron ocupados polos veciños ante a permisividade das autoridades. Criticas a parte, é un agradable paseo que paga a pena coñecer. A actuación completouse con sinais, polo que saíndo de Redondela cara a Reboreda tan só hai que seguir as sinalizacións xirando á dereita na rotonda e collendo a senda do lado esquerdo.
Cando subimos polas escaleiras da fervenza podemos observar os tres Muíños de Loroto, un deles nos baixos da vivenda dos propietarios. Cando alcanzamos a parte alta atoparemos o Muíño da Peixiña ou Muíño Vello, hoxe (2023) adicado á hostalaría.
Fervenza do Muíño de Rachón.
Para ver outra fervenza espectacular nos meses de inverno debemos achegarnos ao acceso ao antigo campo de fútbol de Reboreda. Alí tamén atoparemos para completar a paisaxe o Muíño do Rachón. O paseo é curto polo que se quedamos con ganas de camiñar podemos seguir pola Senda da Auga, xa que estamos no inicio desta ruta en Redondela, despois da interrupción da mesma na parroquia de Amoedo (Pazos de Borbén). (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/senda-da-auga.html )
Muíño do Rachón. Foto: J. Migueles, 2009 |
Muíños.
O río Alvedosa conserva máis de vinte muíños (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )
No hay comentarios:
Publicar un comentario