Seguramente
todos saibades o que son os petos das ánimas, pero os máis novos
descoñeceredes o que eran as capillas.
Basicamente eran
petos para recadar fondos para dar unha misa, organizar unha
procesión ou calquera outro acto relixioso na honra dun santo.
Estaban feitos de madeira e medían aproximadamente
40 centímetros de alto. Contiñan unha imaxe do santo protexido por
un cristal e, na maioría dos casos, por unhas contras. Estas
capillas
íanse pasando de casa en casa, permanecendo 24 horas en cada unha.
Podían ser da Virxe do Carme, das Ánimas, do Corazón de Jesús...
Na vila chegaron a circular 14 das Angustias. Caso especial era o
mercado de abastos, no que había varias capillas
e, cada día, pasábase unha diferente por tódolos postos para que
as peixeiras e as súas clientas aportaran o que puideran.
Tamén os mariñeiros ao facer o reparto das ganancias, se sobraba
algo, facían a súa contribución.
Os nenos, pola súa
banda, aproveitaban o día de San Xoán para facer as súas propias
capillas. Xuntaban uns caixóns, apañaban a imaxe dun santo
da casa e adornaban o conxunto con flores. Feito isto, uns pedían
diante do improvisado altar, mentres outros collían un prato de café
e ían polas rúas pedindo por exemplo: “Para a capilla de san
Xoán que está na curva de Santa Mariña”. Logo reuníanse e
repartían os cartos, eran os tempos das chicas (5 céntimos),
os patacos (10 c.) e os rás ou reais (25
c.), pero destes últimos vianse menos.
Autor:
Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Libros de poemas de
Félix Fernández:
- Poemas.
- Poemas de una vida.
- Historias do meu pobo.
Aportes
orais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario