martes, 10 de noviembre de 2020

As Cruces de linde... e outras cruces.

Cruz na Pedra da Moura. Foto: Juan Migueles
Cruz na Pedra da Moura.

 

Como xa contamos ao falar da Pedra da Moura e da Bañeira da Moura, nestas rochas senlleiras existen gravadas antigas cruces de linde que marcan os antigos límites parroquiais. https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=Ba%C3%B1eira+da+moura

Non son as únicas que atopamos no noso Concello e nos nosos montes hai numerosas cruces, que nalgúns casos coinciden cos límites actuais e noutras sufriron variacións. A continuación citaremos algunhas delas:

A primeira a atoparemos no miradoiro natural que hai na área de lecer da Poza da Lagoa, no Monte Penide. Trátase dunha cruz latina cunha coviña na súa parte superior esquerda. Marcaría o límite parroquial entre Trasmañó e Cedeira.

Cruz no mirador Poza da Lagoa. Foto: Juan Migueles
Cruz no mirador Poza da Lagoa

No mesmo monte, pero preto do alto de San Vicente atopamos outra cruz latina pero de trazo máis fino e moi preto dela esta segunda cruz. No arquivo da Universidade de Santiago atopamos o motivo. Unha disputa polos lindes entre os veciños de Cedeira de Trasmañó provoca que o xuíz mediador determine gravar unha segunda cruz preto dunha xa gravada para que non quede dúbida dos límites entre as dúas parroquias.

Cruz preto do Alto de San Vicente. Foto: Juan Migueles
Cruz preto do Alto de San Vicente.

Como vimos no artigo adicado á Ruta das Pedras, en Ventosela, existe outra antiga cruz de linde que non se corresponde cos límites actuais con Amoedo. Neste caso, en lugar de tratarse dunha cruz latina realizada con dous simples trazos, é unha cruz perfilada.

Cruz na Ruta das Pedras. Foto: Juan Migueles
Cruz na Ruta das Pedras

Unha última cruz a achamos nun muro preto dos petróglifos da Moscalleira, en Reboreda. Neste caso non é unha cruz latina e a súa localización induce a pensar que puido empregarse como linde de propiedades ou pastos.

Cruz na Moscalleira. Foto: Juan Migueles
Cruz na Moscalleira.


Non debemos confundir estas cruces de termo con outras cruces que aparecen acompañadas por outros petróglifos. A estas cruces de tradicionalmente se lles deu a explicación de empregarse para a cristianización dun lugar onde se realizaban ritos ancestrais. Non semella ser para nada o caso de Chan da Cruz na que a cruz semella ser o motivo central dun conxunto de petróglifos. Lembremos que a cruz latina xa se empregaba na arte rupestre antes do cristianismo.

Petróglifo de Chan da Cruz. Foto: Juan Migueles
Petróglifo de Chan da Cruz.

Outro exemplo de cruz gravada no Monte Penide sería o petróglifo Porteliñas 1, que ten unha coviña no centro da mesma.

Petróglifo Porteliñas 1. Foto: Juan Migueles
Petróglifo das Porteliñas 1

 Por último citar tamén a gran cruz gravada en Amoedo pola súa proximidade á parroquia de Ventosela.

Cruz en Amoedo. Foto: Juan Migueles
Cruz en Amoedo.


Texto e fotos: J. Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes Xurxo Constela.

Visita á Ruta das Pedras realizada pola Asociación de Veciños de Ventosela (2010)

USC>Clero>Mitra1758> Mayordomía de Redondela

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario