![]() |
Foto: J. Migueles |
Trala vaga de incendios do 2017 foron atopados en Reboreda un conxunto de petróglifos que apesares de ser notificados, permaneceron inéditos ata que se redescubriron en 2019, grazas a que era atravesado por un carreiro aberto polos ciclistas, que empregaban algunhas das rochas gravadas para os seus saltos. Desta volta catalogáronse (tan só catro rochas) e realizouse unha ruta guiada dentro da programación de rutas organizadas polo Concello de Redondela. Iso foi todo.
Trátase dun conxunto de gravados espectacular apesares dos danos sufridos polos traballos de cantería e polos lumes forestais. O crecemento de eucaliptos é a súa maior ameaza actual polo risco do fogo e tamén polo propio crecemento destas árbores que cos seus troncos e raíces poden romper algunha das rochas. Futuras talas tamén poden poñer en risco este rico patrimonio arqueolóxico.
En realidade os petróglifos non se atopan en A Moscalleira, nome co que foron catalogados, se non nuns terreos chamados O Eido de Marta. Estamos a falar de parcelas privadas o que complica a súa posta en valor, xa que deberían ser mercadas polo Concello ou pola comunidade de montes.
Xunto a Xosé Couñago, entre decembro de 2024 e xaneiro de 2025, visitamos estes petróglifos que permanecen abandonados mentres a vexetación aumenta impedindo o acceso a algúns deles. A continuación veremos o resultado destas visitas, agardando anunciar en breve a total catalogación deste conxunto.
42.283493, -8.569676
P. Moscalleira 1.
Rocha de 2’67 m. de longo que sobresae da terra cun ancho de 70 cm. e que na cabeceira, totalmente visible, mide 1’65 m. Como gran parte da rocha está tapada pola sedimentación podería ter máis gravados, pero agora mesmo tan só se observa un círculo de 12 cm. con coviña central de 4 cm.
![]() |
Moscalleira 1. Foto: J. Migueles |
![]() |
Moscalleira 1. Fotogrametría Xosé Couñago |
P. Moscalleira 2.
Pedra de 1’58 x 0’50 m. chegando aos 1’15 m. de ancho coa parte separada por unha diaclasa.
Motivo 1. Combinación de 2 círculos concéntricos (o maior de 12 cm.) con coviña central a carón dunha rotura provocada polos incendios. Do círculo exterior sae un radio que remata nunha fenda da rocha.
Motivo 2. Círculo ovoide de 14 cm. do que saen pequenos radios. No interior semella ter outro círculo irregular e varias coviñas.
Motivo 3. Gran círculo alongado con outro círculo concéntrico que no interior ten numerosas coviñas.
Motivo 4. Ao outro lado da diaclasa. Círculo partido en dous por un diámetro con coviña central rodeada por un pequeno círculo. Pode existir outra liña que corte o diámetro en cruz, pero o mal estado do gravado non permite aseguralo. O que esta claro é a existencia de varias coviñas.
Motivo 5. No outro extremo da rocha. Círculo con numerosas coviñas.
![]() |
Moscalleira 2. Foto: J. Migueles. |
![]() |
Moscalleira 2. Fotogrametría Xosé Couñago. |
P. Moscalleira 3.
Rocha alongada de 1’60 x 0’50 m.
Motivo 1: Espiral que alcanza os 40 cm. rodeando unha cova central de 4 cm. No seu interior contén numerosas coviñas. O conxunto non ten unha forma totalmente redondeada porque aproveita a forma da rocha.
Motivo 2: No outro estremo da rocha obsérvanse dúas combinacións circulares. A primeira formada por dous círculos concéntricos (o maior un tanto irregular de 20 cm.) con coviñas no seu interior. E a segunda por dous círculos concéntricos (o maior de 12 cm.) con coviña central, saíndo un radio desde o círculo interior.
![]() |
Moscalleira 3. Foto: Juan Migueles |
![]() |
Moscalleira 3. Fotogrametría 3. |
P. Moscalleira 4.
Rocha redondeada e alongada de 3’50 x 1’30 m. Presenta numerosos motivos:
Covas as máis grande de 5 ou 6 cm.
Covas ovoides 12x9 cm. 2-3 cm. de profundidade
Combinacións circulares de varias medidas (0’25, 0’33...), podendo falar de varios tipos:
- Círculos con puntos.
- Círculos con puntos cun radio que parte desde o centro.
- Dous círculos concéntricos con coviña central.
- Dous círculos concéntricos con numerosas coviñas.
- Círculo dividido en catro por dúas liñas en forma de cruz con coviña central, que contén unha coviña máis no centro de cada un dos catro espazos resultantes.
![]() |
Moscalleira 4. Foto: J. Migueles. |
![]() |
Moscalleira 4. Foto: J. Migueles |
![]() |
Moscalleira 4. Fotogrametría Xosé Couñago. |
P. Moscalleira 5.
Pedra partida á metade cun tamaño total de 1’30 x 0’30.
Na parte máis longa poden verse varias coviñas duns 4 cm., das que unha está rodeada por un círculo tanxente a un arco (ou resto de un círculo) que rodea unha gran cova de forma irregular. Tamén se observa unha cruz formada por dúas liñas de mesmo tamaño.
A fenda que parte a rocha corta unha coviña rectangular de 9 x 5 cm.
Na parte pequena dous círculos concéntricos con coviña central. Varias coviñas e o que parece un círculo moi gastado cun radio.
![]() |
Moscalleira 5. Foto: J. Migueles |
![]() |
Moscalleira 5. Fotogrametría Xosé Couñago. |
P. Moscalleira 6.
Rocha alongada (3’40 m. Totais) cun extremo separado por unha diaclasa (apéndice 1’20 m.). O ancho é de 1’10 m.
Contén numerosos motivos con covas de ata 7cm.
Motivo 1: Dous círculos concéntricos moi próximos (34 cm.) cortados por un suco longo e profundo que remata nunha gran cova en cada estremo. No interior dos círculos obsérvanse 3 coviñas, unha delas rodeada por un pequeno círculo. Sobre este motivo pode verse unha forma irregular moi gastada.
Motivo 2: Dúas liñas profundas e anchas que se cruzan. Os estremos máis longos conteñen unha figura ovoide con coviñas. Baixo un destes estremos e pegado a el hai un quequeno círculo con coviña central. Por riba deste motivo hai numerosas coviñas e baixo del varias figuras irregulares, unha das cales semella un cadrado.
Motivo 3: Círculo duns 30 cm. cheo de coviñas.
Na parte máis pequena, separada por unha diaclasa.
Motivo 1: Círculo cheo de coviñas que ten acaroada unha figura irregular, igualmente chea de coviñas.
Motivo 2: Varias coviñas de diferentes tamaños sen orde aparente, unha delas rodeada por un círculo.
Motivo 3: Círculo moi desgastado que aproveita a forma da rocha. No interior distínguese, cando menos, unha coviña central rodeada por un pequeno círculo.
![]() |
Moscalleira 6. Foto: J. Migueles. |
![]() |
Moscalleira 6. Fotogrametria Xosé Couñago. |
P. Moscalleira 7.
Esta rocha estaba no trazado dun carreiro, hoxe desaparecido, que era empregado por ciclistas que gustaban de saltar por riba dos penedos.
O gravado esta formado por dous círculos concéntricos moi próximos entre si (o maior de 32 cm.), que conteñen numerosas coviñas. No centro, moi golpeado, pode ter un pequeno círculo, do que sae un radio (28 cm.) que remata en tres puntas (5 cm.). No exterior preto do tramo final do radio semella que hai un pequeno círculo de 8 cm. moi desgastado.
![]() |
Moscalleira 7. Fotogrametria Xosé Couñago. |
![]() |
Moscalleira 7. Foto: J. Migueles. |
P. Moscalleira 8.
Rocha dividida en tres lonxitudinalmente por dúas diaclasas, cunha extensión total de 3’30 x 1’80 m. Na parte central dúas combinacións circulares.
Motivo 1: Dous círculos concéntricos moi próximos que conteñen arredor de 24 puntos.
Motivo 2: Vese un círculo de 20 cm. e pode que o resto desgastado dun círculo exterior. No centro intúese un pequeno círculo rodeado de 10 coviñas.
![]() |
Moscalleira 8. Foto: J. Migueles. |
![]() |
Moscalleira 8. Fotogrametria Xosé Couñago. |
P. Moscalleira 9.
Bolo dividido en dúas alturas cunha medidas totais de 1’90 x 1’90.
Na parte inferior dúas combinacións circulares separadas por un oco natural.
Motivo 1: Dous círculos concéntricos moi próximos e un terceiro pequeno no centro que está marcado cunha coviña. O espacio entre eles está cheo de coviñas. Do círculo pequeno sae un radio que se une a unha composición irregular que corta o círculo exterior.
Motivo 2: Ovoide cheo de coviñas cortado tanxencialmente por un arco que semella unha diaclasa natural, que remata uníndose a outro arco (diaclasa?) que parte do outro extremo da figura ovoide.
Motivo 3: Espiral.
![]() |
Moscalleira 9. Motivo 3. Foto: J. Migueles |
![]() |
Moscalleira 9. Motivos 1 e 2. Foto: J. Migueles |
![]() |
Moscalleira 9. Motivo 1. Fotogrametria Xosé Couñago. |
![]() |
Moscalleira 9. Motivo 2. Fotogrametria Xosé Couñago. |
![]() |
Moscalleira 9. Motivo 3. Fotogrametria Xosé Couñago. |
P. Moscalleira 10.
Cruz de linde nunha rocha sobre a que se construíu un muro. En lugar da típica cruz latina trátase dunha aspa de 15 cm.
![]() |
Moscalleira 10. Foto: J. Migueles |
P. Moscalleira 11.
Rocha cortada por traballos de cantería cunha altura máxima aproximada de 1’50 m. A superficie ten unha lonxitude de 2m. na parte máis horizontal á que hai que engadir 1’70 m. cunha forte inclinación. A anchura é de 2’50. Está dividida en dous por unha diclasa que amosa dous motivos separados pola mesma:
Motivo 1: Preto dun oco natural. Círculo ovoide de 27 cm. contendo cando menos 16 coviñas (a maior de 4 cm.), unha das cales está rodeada por un pequeno círculo da que sae un radio moi desgastado que traspasa o círculo maior.
Fóra deste círculo tamén se observa outra coviña (5 cm.) e parece observarse restos dun pequeno círculo que a contiña e doutros trazos moi gastados.
Motivo 2: Dous círculos. O primeiro deles contén 28 puntos e o segundo, duns 30 cm., ten unha cova central de 8 cm. rodeada de 7 coviñas. Un pouco desviado do centro deste segundo círculo parte unha liña que é unha diaclasa natural.
![]() |
Moscalleira 11. Motivo 1. Fotogrametria Xosé Couñago. |
![]() |
Moscalleira 11. Motivo 2. Fotogrametria Xosé Couñago. |
![]() |
Moscalleira 11. Motivo 1. Foto J. Migueles |
P. Moscalleira 12.
Rocha de 1’44 x 0’95 m. Obsérvanse 3 covas formando un arco. Sobre esta rocha construíuse un muro polo que podemos chegar á conclusión que é unha marca de linde entre propiedades.
![]() |
Moscalleira 12. Foto: J. Migueles |
![]() |
Moscalleira 12. Fotogrametria Xosé Couñago. |
![]() |
Plano de situación dos petróglifos. |
A uns 70-80 metros monte abaixo destes gravados (cara o leste) atopamos cando menos 3 petróglifos aos que a vexetación nos impediu acceder na visita de xaneiro de 2025, isto prívanos de ter fotogametrias:
P. Moscalleira 13.
Rocha que forma un pequeno promontorio e que ten un gran plano de inclinación polo que era empregado polos ciclistas para dar grandes saltos. Afectada polos traballos de cantería con cachotes depositados aos seus pés, algúns deles con coviñas.
Toda a rocha está gravada con coviñas de diferentes tamaños. A falta dunha fotogrametría obsérvanse varias combinacións circulares con coviña central. Na parte alta tamén ten un rebaixe rectangular semellante a un muíño navicular.
42.283993,-8.570803
![]() |
Moscalleira 13. Foto J. Migueles |
![]() |
Moscalleira 13. Foto: J. Migueles |
P. Moscalleira 14
Rocha con 15 covas que chegan aos 10 cm. e 3 cm de profundidade.
42.283904,-8.571326
![]() |
Moscalleira 14. Foto J. Migueles. |
P. Moscalleira 15
Rocha de gran tamaño cunha cova duns 10 cm. Semella que cando menos tamén hai un círculo duns 15 cm. con coviña central.
![]() |
Moscalleira 15. Foto J. Migueles. |
Para sabe máis. Mapa de Petróglifos do Concello de Redondela:
https://goo.gl/maps/jky5pSAnCoCczP4v8?g_st=aw
Autor: J. Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Visitas guiadas. Xurxo Constela (A Citania S. L.)
Revelar o monumento invisible. Manuel Gago. http://culturagalega.gal/noticia.php?id=33081&fbclid=IwAR1s0V6ylt8w8ifDfv0xvqjUEQ-9voqIBt3eVNxTNPbVbWzEObPwy19yF6E
No hay comentarios:
Publicar un comentario