Casa Masiell. Foto: Pacheco |
As boas comunicacións de Cedeira, provocou que durante o século XIX e principios do XX, se estableceran familias acomodadas de Vigo ou construíran segundas residencias para desfrutar nas tempadas estivais.
Ata os anos 60 moitas delas, ademais do citado pazo de Torrecedeira (Ver Pazos), contaron con criadas, cociñeiras, xornaleiros... A parte das casas o outro luxo eran os xardíns, nunha época en que a xente tiña hortas nas que tan só se plantaba para comer. En Cedeira contan que algunhas destas casas tiñan azaleas, pero cada unha a tiña dunha cor determinada: vermella, branca, amarela... Tamén contan do Pazo de Torrecedeira que tiña unha gran variedade de camelios que viña a enxertar un francés, de Monterraso que tiña un estanque de peces precioso e uns enormes xarróns con plantas nas escaleiras que soben á casa, ou que a de don Fernando tiña os camiños cubertos de cunchas e unha piscina (algo inusual na época).
Casa Masiell (Preto da Estación de Redondela)
Pertence a Redondela, pero está moi próximo a Cedeira. Situada a carón da desaparecida estación vella de Redondela, recibe o nome do seu primeiro propietario, Antonio Masiell, odontólogo establecido en Vigo de ascendencia francesa. Atribúese o seu deseño ao arquitecto Michel Pacewicz arredor de 1917.
Popularmente coñécese como A de Doña Concha, nome da última propietaria que se pode ler na entrada principal.
Meu Lar (Estrada de Vigo-Redondela)
Como a anterior pertence a Redondela, pero moi próxima ao límite con Cedeira. Gran propiedade cortada ao medio pola N-550. Foi herdada xunto ao Pazo de Pousadouro por Maruja Feijoo Alfaya, quen casou con Enrique Lorenzo Docampo, empresario das Factorías Vulcano, en Vigo, complementada coa Serraría Vulcano, en Reboreda. Foi presidente durante sete anos da Deputación de Pontevedra á que chegou como deputado en 1960 (https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/11/lorenzo-docampo-enrique-vigo-1892vigo.html ). Foi unha das primeiras propiedades de Redondela en contar con pista de tenis.
A propiedade sería mercada nos anos setenta do pasado século por uns emigrantes en México naturais de Avión. A casa principal sería derruída. Actualmente (2022) a propiedade dividiuse en tres partes e hai dúas casas.
Casa de Lanzós (Estrada de Vigo-Redondela)
Casa que estaba fronte a Meu Lar e que foi derrubada para construír a liña do ferrocarril. Segundo veciños que a lembran “era moi bonita”. O acceso á casa converteuse no Camiño Lanzós, que era o apelido do propietario.
Casa de María Arango 2020. Foto: J. Migueles |
Casa de María Arango (Cño. de Arango-Redondela)
Gran propiedade con tres casas, actualmente (2021) dúas delas foron rehabilitadas e están habitadas mentres que a terceira pertence en estado ruinoso. A propietaria, María Arango Rubín era sobriña do Xeneral Rubín. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html ) En 1899 casou con Justo Gómez Murias, empresario de Astorga. Nunha nova de 1917 chaman a esta propiedade Villamaría.
Casa de don Fernando. Foto: J. Migueles |
A Casa de don Fernando
Casa propiedade de Fernando de Haz, emparentado coa familia Gándara. Actualmente (2021) atópase nun estado de total abandono. Moitos aínda lembran o xardín cos camiños feitos con cunchas de berberechos e ás criadas con cofia. Probablemente sería a primeira casa con piscina de Redondela.
O Cairo (Estrada de Vigo-Cedeira)
A casa está datada do século XVIII, sufrindo numerosas reformas. A orixe do nome da casa é o apelido dun dos seus propietarios, José Antonio Cairo de la Iglesia, comerciante da vila de Vigo, de onde foi alcalde a mediados do s. XIX.
Dos posteriores donos que tivo a casa, sabemos que en 1878 foi posta á venda por Pedro Acuña e que, a principios do s. XX pertencía a José Fernández Domínguez. Trala morte da súa viúva, acontecida en 1929, a casa sería herdada por dúas das súas fillas. Estas acometerían a reforma da casa en altura, na década dos anos 40 do pasado século.
A venta en parcelas de parte da propiedade propiciou que no rueiro apareza o Camiño do Cairo.
O Cairo. Foto: J. Migueles |
A de Gándara (Cedeira, estrada Redondela-Vigo)
Chamada así por pertencer a José de la Gándara Sestelo, destacado empresario de finais do século XIX e principios do XX. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/gandara-sestelo-jose-manuel-marcelino.html )
A propiedade sería dividida en dúas: unha adquirida polo gañador dun premio da Lotería Primitiva e a outra por unha empresa de catering. Nesta última atópase a antiga casa familiar construída en 1922, que imita o estilo dos antigos pazos. Como curiosidade dicir que unha nave desta propiedade era empregada como secadoiro de tabaco.
A de Gándara durante a súa construción. Vida Gallega |
Casa de Tapias (Regasenda)
A casa á que facemos referencia leva décadas abandonada. Foi construída por Francisco Tapias, quen cos seus irmáns, na segunda metade do século XIX, adquire a fábrica de salga da Regasenda. Esta familia alugaría a empresa a finais deste século, recuperando posteriormente o control, para vendela de forma definitiva nos anos 40 do pasado século a José Otero González, polo que é coñecida como conserveira de Mañas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html).
Unha nova de 1928 da conta dun roubo nesta casa, daquela pertencente a Fernando Tapias Pérez.
A propiedade tiña bancos de azulexos en primeira liña do mar. O abandono levou consigo o saqueo da casa chegándose, segundo un veciño, a retirar pedras da casa en barco para empregalas como mortos, é dicir, para botalas ao fondo do mar e servir como punto de amarre dos barcos.
Casa de Monterraso. Foto: J. Migueles |
Monterraso (Cedeira, estrada Redondela-Vigo)
A casa de Monterraso foi obra do arquitecto Michel Pacewicz cara a 1890. Esta propiedade conta con outras dúas vivendas que se atopan en ruínas e que eran empregadas polo servizo. Destaca pola súa leira con árbores tanto autóctonas como foráneas que ofrecen unha espectacular combinación de cores en outono.
Pertenceu a Carmen de Andrés García, irmá de Dolores, esposa do Conde de Torrecedeira, quen estaba casada con Adolfo de la Peña Roffignac, avogado e alcalde de Santiago. Tralo falecemento de Adolfo a casa converteuse en residencia de verán da súa viúva e fillos, que residían en Santiago. Precisamente un destes fillos, o avogado Miguel de la Peña de Andrés, falece en 1968 cando pasaba as vacacións na finca.
A Casa das do Ceo (A Formiga-Cedeira, estrada Redondela-Vigo)
Casa desaparecida recibe o nome do alcume da última familia que viviu nela. Estaba a carón da Chicharra e tamén era modernista polo que poderían datarse na mesma época. En 1944 pasou a ser utilizada como albergue feminino para cumprir o chamado “Servicio Social de la Mujer”, asistindo mozas de toda España. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/colectivos-e-asociacions-da-postguerra.html )
A edificación sería derruída para construír o Instituto de Seguridade e Hixiene, hoxe I. S. S. G. A. na década dos anos 70 do pasado século.
A Casa das do Ceo. todocoleccion.net |
A Chicharra (A Formiga-Cedeira, estrada Redondela-Vigo)
Casa de estilo modernista construía en 1910 nunha propiedade de 3.700 m². Alcanzou certa sona nos anos 20 do século pasado ao aparecer en diferentes revistas e por ser empregada na rodaxe da película “Carmiña, flor de Galicia” (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/peliculas-rodadas-en-redondela.html).
Entre os seus donos estivo a pintora viguesa Elina Molíns Fernández Chao (1875-1956), viúva de Ramón Menacho Miranda, quen estableceu o comercio do carbón para as embarcacións a vapor da Ría de Vigo. Elina sería unha das pioneiras da pintura en Galicia, sendo premiada na Exposición Rexional de Lugo de 1896. Tamén chegaría a ser conselleira de Tranvías Eléctricos de Vigo.
Máis tarde sería propiedade de Gerardo Campos (Vigo 1881-1964), presidente da citada empresa Tranvías Eléctricos de Vigo e do Círculo Mercantil ao que se lle atribúe a idea de construír a ponte de Rande.
En 2019 sería mercada para convertela en casa de alugueiro.
A Chicharra. Vida Gallega |
Maruxa ou Casa de Ponce de León. (Rande-Cedeira, estrada Redondela-Vigo)
No lintel do portalón de acceso á finca aparece a data de 1937, que probablemente sexa a da súa construción. Foi propiedade de Ponce de León, Gobernador de Pontevedra nos anos 40. Nesta mesma década, recibiu a visita da esposa do xeneral Franco, Carmen Polo, e a súa filla que viñan a desfrutar do verán por atoparse preto do albergue do Sindicato Español Universitario (SEU), que xa citei ao falar da Casa das do Ceo.
Casa Maruxa. Foto J. Migueles |
Couto de Canabal (Estrada de Vigo-Redondela)
Outra gran finca con acceso desde Vilavella e que se estendía ata a estrada de Cedeira. Cortada polo trazado do ferrocarril, a parte alta da propiedade sería parcelada a principios dos anos 80. O resto, despois de anos de abandono, sería mercada por un grupo de empresarios para construír un centro comercial, estación de autobuses e complexo residencial. Ata o de agora (2021) este proxecto permanece paralizado.
A casa, actualmente en ruínas (2021), era propiedade de Fara Mos Figueroa (falecida en 1954 aos 92 anos) casada con José Sánchez Cerqueira. A súa filla, María Sánchez Mos, casaría con José Torrado André, médico, polo que a casa tamén é coñecida como A de Torrado.
Villa El Castro (A Rabadeira-Cedeira)
Mandada construír en 1929 por Juan Queimaliños Castro, emigrante en Buenos Aires quen celebra o remate das obras cun banquete ao que asisten as autoridades locais e os contratistas López Fragueiro e Moreiras Riva, ademais do resto de traballadores que participaron na construción.
A Casa do Faneco (A Rabadeira-Cedeira)
O nome da casa é o alcume familiar dos propietarios.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
SEREN
Nº2. Facendo camiño en Cedeira. Dolores Míguez Montes.
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional (Lugo), Hoja Oficial del Lunes (Vigo), Gaceta de Galicia (Santiago), El Correo de Galicia (Bos Aires), Diario de Galicia (Santiago), El Progreso (Pontevedra), Vida Gallega...
La Voz de Galicia
Aportes orais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario