domingo, 25 de abril de 2021

Uhagón y Hurgado de Corcuera, Manuel (Bilbao, 1809/Vigo, 17-3-1882)

Manuel Uhagón foi un enxeñeiro e político vasco pertencente a unha familia nobre de Bilbao moi vinculada á vida política. O seu pai Gabriel Uhagón Olea sería Prior do Consulado de Bilbao en 1822 e rexedor en varias ocasiones do Concello bilbaíno. O seu tío Pedro Pascual, Padre de Provincia do Señorío, Deputado foral, Deputado a Cortes (Bizkaia), Prior do Tribunal de Comercio de Bilbao e Comendador de la Real orden de Isabel la Católica e da de Carlos III. O seu tío Francisco sería fundador do Banco de Bilbao en 1857 e un fillo deste Felipe Uhagón sería alcalde de Bilbao.

Volvendo a Manuel Uhagón, exercería os cargos de: Padre de Provincia do Señorío. Deputado a Cortes por Baleares (1858 e 1863) e Barcelona (1864 e 1865). Senador electo pola provincia das Illas Baleares en 1872 e pola de Pontevedra en 1877 e 1879-80. Rexedor do Concello de Bilbao en varias ocasións. Redactor do xornal El Bilbaíno, onde redactaba os escritos e manifestos do concello. Conselleiro de Estado, Director General del Tesoro, Caballero de la Real orden de Isabel la Católica e Comendador de la orden de Carlos III

Casa do  Sobral ou Torre de Calle. Foto: idealista com.

 

Casado en 1827 con María Josefa Gregoria Aldecoa Olabarri coa que tivo 6 fillos. Ao falecer esta, en 1873, casaría en segundas nupcias con María Isidora Mier Elorriaga.

En que se relaciona Manuel Uhagón con Redondela? Pois que en 1877 anúnciase a posibilidade de que se presente a deputado provincial por Redondela. Probablemente non chegou a facer oficial a súa candidatura porque ese mesmo ano foi elixido Senador por Pontevedra. Pero non remata aí a relación coa nosa vila, xa que estableceu a súa residencia en Cesantes. Naquela parroquia mercaría en 1872 a finca ou granxa do Sobral. Na documentación desta finca fálase da granxa recreo Torre-calle, casa na que residiu. Hoxe en día esta propiedade é coñecida como Lugar de Vaghón.

Na bibliografía consultada sinálase como lugar de falecemento Vigo ou Pontevedra en 1882, contando daquela 73 anos, polo que o máis probable é que seguira residindo en Cesantes. Os seus restos repousan no cemiterio dos Eidos. En 1907 expediuse un certificado de taxación de leiras da Sra. viúva do Sr. Uhagón no Sobral, o que indicaría que por esta época a familia poría estas propiedades á venda.

Como curiosidade, dicir que estivo entre os que respaldou a Enrique Peinador na construción do Balneario de Mondariz.


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

www.senado.es

https://www.congreso.es

https://gw.geneanet.org/sanchiz?lang=es&n=uhagon+hurtado+de+corcuera&oc=0&p=manuel

Ayuntamiento de Bilbao https://www.bilbao.eus Biografías de alcaldes y gestión en el ayuntamiento de Bilbao.

Balnearios, intereses políticos y desarrollo turístico en el noroeste de España: el caso de A Toxa y Mondariz (1874-1935). Margarita Vilar Rodríguez, Universidad de A Coruña

Documentación da finca Sobral (Redondela, San Pedro de Cesantes). Arquivo Deputación de Pontevedra

www.idealista.com

 Aportes Xosé Moreira Docampo


No hay comentarios:

Publicar un comentario