Cesantes 1912.Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001. |
CESANTES (San Pedro): A súa terminación dáse en outros lugares como Arantes, Barrantes... e tamén fóra de Galicia. Según Gerardo Sacau viría do latín caedere, significando: “a poboación que ocupa o desnivel ou cortadura do terreo”. Outra teoría sería a adaptación da frase gaélico-irlandesa cé sanctáin, polo que tería o significado de “peirao dos santos”, facendo referencia ás illas de San Simón e San Antón.
Popularmente tamén é coñecida como Os Trás. No Diccionario Madoz (1850) cítase: “Antiguamente se criaban muchas y exquisitas ostras en esta feligresía y de ahí vino el llamársele Ostras cuyo nombre cambió posteriormente por Cesantes, con que hoy es conocido, por haber cesado o escaseado la pesca del apreciado marisco”. A acentuación fainos pensar noutra explicación. Tras, como no caso de Trasmañó, soe significar detrás de, polo que induce a pensar que podería ser os de detrás da Illa de San Simón.
Barrios
Carballiño: Mais que de carballo, este nome podería proceder do preindoeuropeo car-b (planta de terreo fragoso, de rocha, planta dura) ou de kar- (rocha). Tamén podería significar “leña miúda”.
O Coto: Pode ser unha castelanización da forma couto (territorio pequeno con lindes fixadas) ou proceder do prerromano cotto (coto, prominencia).
Outeiro das Penas: Outeiro é un lugar elevado e Penas son rochas.
San Pedro: O santo titular da igrexa da nome ó lugar.
Toponimia
Dispoñible a localización de algúns destes topónimos en https://toponimia.xunta.gal/gl/visor?termino=
Abilleira (Cesantes/O Viso). Recollido no Catastro actual.
Acasarado. Lugar.
Agrelo / Camiño de Agrelo (O Coto(Cesantes)/Reboreda). Forma diminutiva de agro, terra labrada. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio de Agrelo e nun documento de 1785 monte de Agrelo. Nunha listaxe de propiedades á venda por Real Orde Testamentaria á morte de Buenaventura Marcó e a súa dona (Diario de avisos de Madrid 08-12-1834) aparece Bosque de Agrelo “...con robles, pinos y castaños... con murallas”. Aparece no Catastro actual. No rueiro (2009) Camiño do Agrelo. Recollido no Catastro actual.
O Alto da Torre (San Pedro). Posiblemente existira neste punto unha torre de vixilancia da entrada ao porto de Redondela, pero ata o de agora non hai catalogado ningún resto que confirme esta hipótese. Hai que ter en conta a desaparición de boa parte deste monte pola presión urbanística. En 1647 atopamos como linde parroquial de Cesantes Pilar de S. Pedro. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece El lugar da torre de San Pedro. No Catastro de Ensenada (1752) aparece novamente como linde, pilar de San Pedro. No rueiro (2009) Camiño do Alto da Torre.
O Alto de Ostrás (San Pedro). Xa citado ao inicio do apartado. No rueiro (2009) Rúa do Alto de Ostrás.
Andiana (San Pedro). Recollido no Catastro actual como Andiaxe.
As Ánimas (Outeiro das Penas). Terreos nas inmediacións do Peto de Ánimas da Macarella, que recibe o nome do alcume dos propietarios. Unha persoa desta familia non sabía a orixe do mismo pero escoitara que tiña relación coa Virxe da Macarena. Recollido no Catastro actual.
Peto de Ánimas da Macarella. Foto: J. Migueles |
Antraleiras. Derivado de “entre leiras”. No rueiro (2009) Camiño das Antreleiras.
O Arcal
O Areeiro (Carballiño). Lugar de moita area. No rueiro (2009) Camiño do Areeiro.
Arrieiro. Recollido no Catastro actual.
O Arxón(Outeiro das Penas). Arxón son os paus ou estacas que se colocan para soster os tallos dos tomates, xudías... Outro significado sería conxunto de estacas que sostiñan as cepas das viñas. No rueiro (2009) Camiño de Arxón. Recollido no Catastro actual, Arxón.
A Banda da Maré. Lugar á beira da Marisma onde se nota a subida e a baixada do mar. Recollido no Catastro actual, Banda do Mar.
A Bañeira da Moura. Rocha escavada formando unha gran pía cadrada. e a Bañeira da Moura co chamado Portela da Pía. Outra rocha próxima ten gravada unha cruz e varias coviñas polo que debe tratarse dun antigo linde entre Cesantes e o Viso. Probablemente pertenza ao deslinde feito en 1674 polas similitudes que garda cos gabados da Pedra da Moura, en terreos hoxe do Viso. Neste documento podería corresponder co marco chamado Portela da Pía. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-baneira-da-moura-e-pedra-da-moura-o.html )
O Barcelo. Barcelo ou bacelo vén do latín BACILLUM “bastonciño”. Refírese a unha viña nova. En Visitas ás reais devesas e plantíos da antiga Provincia de Tui (1750) aparece heredad do Barcelino.
A Barraca. Recollido no Catastro actual.
A Barreira. Fai referencia ao paso a nivel das vías do tren. Tamén atopei o topónimo Eido da Barreira.
Barreiros. Lugar con abundante barro polo paso do Regato da Porta Levada. Recollido no Catastro actual. Recollido no Catastro actual.
A Barronca. Nun documento de 1681 do Fondo Casto Sampedro aparece herdade da Barronca. No rueiro (2009) Camiño da Barronca. Recollido en plural no Catastro actual, Barroncas.
O Bosque (O Coto)
A Bouza Fría (San Pedro). Bouza segundo a RAG: “Terreo inculto poboado de mato, como toxos, xestas, uces etc.”. Recollido no Catastro actual como Bouza Fría.
Cabanas. Faría referencia a casetos en primeira liña da praia que empregaban os mariñeiros para gardar os apeiros.
As Cacharelas. Variante de cachadela, diminutivo de cachada, “porción de monte ou de terra inculta que se roza e rotura para o seu cultivo”.
O Camiño Real. Son chamados de forma xeral Camiños Reais aos camiños medievais, romanos ou prerromanos. E citada como: Vereda Real que va de Redondela para Sotomayor (1647). No Diccionario Madoz (1850) aparece, Puente del Camino Real. No rueiro (2009) Camiño Real de Cesantes.
O Camiño Real
Os Campiños. Recollido no Catastro actual en singular, Campiño.
Campo da Pereira. Recollido no Catastro actual.
O Campo do Medio. Recollido no Catastro actual, Campo do Medio.
O Campo dos Frades
Os Campos
Os Campos Abertos (San Pedro). No rueiro (2009) Camiño dos Campos Abertos. Recollido no Catastro actual, Campos Abertos.
Os Campos da Ribeira (Outeiro das Penas). No rueiro (2009) Camiño dos Campos da Ribeira.
As Cancelas. Cancela é: Porta formada por táboas ou paus separados entre si e unidos aos traveseiros, que pecha o paso a unha propiedade. No Catastro de Ensenada (1752) aparece como linde parroquial de Cesantes o marco de a Cansela.
A Canteira (O Coto). Lugar onde se extraería pedra.
O Cañoto. Pode facer referencia á parte do talo que queda pegada á raíz despois de cortar unha planta ou parte interior da mazaroca de millo. Recollido polo Obradoiro Fernando Monroy en masculino pero atopeino en feminino, forma coa que aparece no Catastro, Cañota.
A Carballa da Auga /Fonte da Carballa da Auga (Outeiro das Penas). Carballa pode referirse a unha landra ou a un carballo vello pero moi frondoso que estaría nunha zona húmida. No rueiro (2009) Camiño da Carballa da Auga. Recollido no Catastro actual, A Carballa da Auga.
A Carballeira. Lugar con moitos carballos.
O Carballiño. Lugar con moitos carballos de pequeno tamaño. Recollido no Catastro actual, Carballiño. No rueiro (2009) Rúa do Carballiño.
Casal do Eido. Fai referencia a unha casa destacada cunha pequena horta. Nun documento de 1665 do Fondo Casto Sampedro cita a herdade do Cassal do Heydo. (Ver Fonte Virtú)
O Castañal (San Pedro). Lugar con moitos castañeiros. No rueiro (2009) Camiño do Castañal de San Pedro. Recollido no Catastro actual.
Os Castiñeiros (Outeiro das Penas). Lugar con moitos castañeiros. Nun documento de 1628 do Fondo Casto Sampedro aparece herdade dos Castiñeiros. No rueiro (2009) Rúa dos Castiñeiros. Recollido no Catastro actual.
Catapeixe (San Pedro). Lugar. Cata- viría de Captatorium e Captatoria, “miradoiro”. Significaría miradoiro ou lugar alto desde o que se pode ver o peixe ou por extensión a chegada dos barcos de pesca. No Arquivo da Deputación de Pontevedra:
Marquesado de Mos> 1575, herdanza de Catapeire.
Fondo Encinas Diéguez>Tres censos en Redondela (1605) aparece Viña de Catapeixe.
Nun documento de 1628 do Fondo Casto Sampedro aparece herdade de Catapeije.
No Diccionario Madoz (1850) aparece, lugar de Catapeixe. Recollido no Catastro actual. No rueiro (2009) Estrada do Catapeixe. Outro topónimo sería Devesa de Catapeixe.
A Cavada. Terras cavadas son as gañadas ao monte para o cultivo. No rueiro (2009) Camiño da Cavada.
A Cavada
As Casas Vellas. Zona de casas máis antigas que as da contorna. No rueiro (2009) Camiño das Casas Vellas.
Cedantes. Recollido no Catastro actual.
O Cereixo. Lugar onde abunda esta árbore ou hai unha de gran porte.
O Cerqueiro (O Coto). Cerqueiro é un tipo de carballo. No rueiro (2009) Camiño do Cerqueiro. Recollido no Catastro actual.
A Chan. Recollido no Catastro actual.
O Chan (O Coto). Recollido no Catastro actual. Tamén atopo O Cruce do Chan.
A Cirina (Carballiño). Cirín é un tipo de paxaro. Outra posibilidade é que derive do apelido Cerin, presente no noso concello cando menos desde o século XVII, que evolucionou a Serín. No rueiro (2009) Camiño da Cirina.
O Cocho (Carballiño). Un cocho é un porco, pero como topónimo quedaremos co significado de terreo pequeno cultivado. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece Cocho da Eira. No rueiro (2009) Camiño do Cocho.
O Cocho
A Cociña Aberta (Carballiño). Atopei o topónimo Cortiña Aberta polo que cociña sería unha deturpación. Cortiña é un diminutivo de corte, lugar onde se recolle o gando, que ao estar aberta non tería porta ou cancela. No rueiro (2009) Camiño da Cociña Aberta.
As Codeseiras (Outeiro das Penas). Sinónimo de codesal, lugar poboado de codesos, arbusto tamén chamado piorno. No rueiro (2009) Camiño das Codeseiras.
O Convento (O Coto (Cesantes)/Reboreda/Ventosela). Fai referencia ao Convento de Agrelo. Recollido no Catastro actual. No rueiro (2009) Camiño do Convento. Recollido no Catastro actual. Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/o-convento-de-agrelo.html
A Cordaleira. Ten o significado de persoa que ten o oficio de facer cordas ou utensilios de cáñamo. Ao estar nunha zona mariñeira podería ser alguén que facía ou reparaba as redes de pesca.
Correlo. Recollido no Catastro actual.
Cortixo (Asnelle de Abaixo(Reboreda)/Cesantes). Probablemente derivado de corte, local onde se garda o gando. Haberá que ter en conta a opción do español cortijo, finca rústica. Recollido no Catastro actual.
O Coto / Fonte do Coto (o Coto). Xa o vimos ao falar dos barrios. Elevación no terreo ou punto máis alto dun monte ou outeiro ou terreo acoutado. No Diccionario Madoz (1850) aparece, lugar de Coto. No rueiro (2009) Camiño do Coto e Estrada do Coto. Recollido no Catastro actual.
O Coto (San Pedro). Recollido no Catastro actual.
O Coto de Abaixo (O Coto). Recollido no Catastro actual.
O Coto de Arriba (Cesantes (O Coto) /Redondela). Recollido no Catastro actual.
O Couto do Mexo
As Cristas. Recollido no Catastro actual.
Devesa. Unha devesa é unha parte de monte arborado con un ou varios propietarios que está delimitado con valados ou marcos. Atopo: heredad de Benito Fernández que se dice da Devesa (1647)
O Eido da Brava. Un eido é un pequeno terreo adicado á agricultura e a Brava sería un alcume. Os seguintes topónimos terían o mesmo significado variando a parte final en: alcumes, nomes ou apelidos.
O Eido da Cachopa. Cachopa é un tronco seco ou a medio secar dunha árbore vella ou a parte do tronco que sobresae da terra despois de ser cortado. Neste caso sería un alcume. No rueiro (2009) Camiño da Cachopa. Recollido no Catastro actual, A da Cachopa.
Eido da Cancela. Recollido no Catastro actual.
Eido da Curva
O Eido da Miniña
Eido da Moura / Outeiro da Moura. É unha zona ligada ás lendas das mouras. Aquí atópase a Bañeira da Moura e, en terras do Viso, a Pedra da Moura. Nomes recollidos no Catastro actual. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-baneira-da-moura-e-pedra-da-moura-o.html )
O Eido da Neta (Outeiro das Penas). Alcume da antiga propietaria, A Neta. No rueiro (2009) Camiño do Eido da Neta.
Eido da Pepa do Crego
O Eido da Varela. Varela é un diminutivo de vara, pero é máis probable que se refira ao apelido do propietario.
Eido Dancaceira. Recollido no Catastro actual.
O Eido de Andrea ( O Coto). No rueiro (2009) Camiño Do Eido de Andrea. Nome da propietaria.
Eido da Barreira. Ver A Barreira.
O Eido de Caroi (Outeiro das Penas). No rueiro (2009) Camiño do Eido do Caroi.
O Eido de Casal
O Eido de Fructuoso. Recollido no Catastro actual como Eido Frutuoso.
O Eido de Lucas (San Pedro). Nome dun propietario. No Censo electoral de 1883 atopamos en Outeiro das Penas ao contribuínte José Cabaleiro “de Lucas”. Recollido no Catastro actual como A de Lucas.
O Eido do Ferreiro (Outeiro das Penas). No rueiro (2009) Camiño do Eido do Ferreiro.
O Eido do Roxo
O Eido Vello
Os Eidos (San Pedro). No rueiro (2009) Camiño dos Eidos de San Pedro.
A Eira Vella. As eiras son terreos próximos ás vivendas onde se realizaban algunhas tarefas agrícolas.
A Eiriña
A Encrucillada (Outeiro das Penas). Nun cruce. As leiras do entorno chámanse “As da Encrucillada”. Recollido no Rueiro (2009), Camiño da Encrucillada.
Extremadoura. Faría referencia a unha estrema, linde. Recollido no Catastro actual.
Faro
A Ferreira (San Pedro). No rueiro (2009) Camiño da Ferreira.
Finca da Torre
Finca da Vía
As Fincas de Rivas /Fonte de Rivas (O Coto (Cesantes) / Redondela). Faría referencia ao apelido do propietario. Recollido no Catastro actual, Fincas de Rivas. No rueiro (2009) Camiño da Fonte de Ribas.
As Folgosas (O Coto). Lugar onde abondan os fentos. No Catastro de Ensenada (1752) aparece como linde parroquial o marco de la Cancela de Folgozas. No rueiro (2009) Camiño das Folgosas. Recollido no Catastro actual. En documentos antigos: marco de Folgosas, que está en heredad del mismo nombre en la Quiringostra de Folgosas (1647) heredades das Folgosas (1726) sitio Cancela de Folgosas (1849) sitio de Folgosas de Abajo (1849)
O Fondo do Eido (San Pedro). Como dixemos anteriormente, un eido é un pequeno terreo adicado á agricultura.
A Fonte. Recollido no Catastro actual.
Fonte Coviña. No Catastro de Ensenada (1752) aparece como linde parroquial de Cesantes, Fuente Cova. Recollido no Catastro actual, A Coviña. No Rueiro (2009) Camiño da Fonte Coviña.
A Fonte do Gorgollón (O Coto). No rueiro (2009) Camiño do Gorgollón.
A Fonte de Neira (Outeiro das Penas). No rueiro (2009) Camiño da Fonte de Neira.
Fonte do Pazo. Recollido no Catastro actual.
A Fonte de Rial (San Pedro). Lugar onde se orixinan moitos rios ou regatos. No Catastro de Ensenada (1752) aparece Río do Rial. No rueiro (2009), Camiño da Fonte de Rial.
Fonte Virtú (O Coto). Cultivo. Aparece Fonte Virtud o Casal do Eydo nun documento de 1792. (Ver Casal do Eido). Nunha listaxe de propiedades á venda por Real Orde Testamentaria á morte de Buenaventura Marcó e a súa dona-Diario de avisos de Madrid 08-12-1834 aparece: heredad a labradío Fuente de la Virtud. Fernando, Agustín e Victoria Docampo Alfaya menores de idade en 1917, poñen á venda o terreo labradío Fonte da Virtud. No rueiro (2009), Camiño da Fonte Virtú. Recollido no Catastro actual como Fonteverdú.
A Fontiña ou Fonte da Praia Vella. Fonte reformada polo recheo no que se construíu o estaleiro e os casetos dos mariñeiros.
O Foro (San Pedro). Terreo aforado, podía traballarse a cambio de pagarlle ao propietario con parte estipulada da colleita. Recollido no Catastro actual. No Rueiro (2009) Camiño do Foro.
Frade de Abaixo. Probablemente terreo aforado que sería propiedade dunha comunidade relixiosa. Recollido no Catastro actual.
A Fradesa. No rueiro (2009) Camiño da Fradesa. Recollido no Catastro actual.
A Furna (Carballiño). Pode ser unha fenda no terreo, neste caso entre dous pequenos outeiros. No rueiro (2009) Camiño da Furna.
Texto: J. Migueles
Continua en
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/05/toponimia-de-cesantes-2-3.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario