Cesantes, anos 50-60. Arquivo Antonio M. Verdeal |
As Gataladras (Carballiño). No rueiro (2009) Camiño das Gataladras. Recollido no Catastro actual como Ladras.
Godoi / Lugar de Godoi. Nomes recollidos no Catastro actual.
Igresario de San Pedro
A Insua (O Coto). Pequena illa no curso dun río, neste caso o río Pexegueiro. No rueiro (2009) Camiño da Insua.
A Jurita. Pode ser un alcume. Recollido no Catastro actual.
As Lagoas
As Laxes / Muíño das Laxes. Unha laxe é unha pedra de cara superior alisada, de pouco grosor.
A Leira. Unha leira é un terreo de labranza. Recollido no Catastro actual.
As Leiras. Recollido no Catastro actual.
O Lombo (Outeiro das Penas). Pequena elevación. No rueiro (2009) Camiño do Lombo. Recollido no Catastro actual. En documentos antigos atopamos: cancela do Porto do Lombo, donde se puso un marco en la vereda Real que va de Redondela a Sotomayor (1647) Cancela do Lombo (1849)
As Lopas. No rueiro (2009) Camiño das Lopas.
O Loural de Abaixo (Outeiro das Penas). Lugar con abundantes loureiros. No rueiro (2009) Rúa do Loural. Recollido no Catastro actual.
O Loural de Arriba
O Lugar (Outeiro das Penas). No rueiro (2009) Camiño do Lugar.
O Lugar de Reis
A Maruxa
O Matadeiro. Lugar onde estaba localizado o matadoiro municipal. Recollido no Catastro actual.
A Mellora (San Pedro). No rueiro (2009) Camiño da Mellora.
O Melón (Cesantes/Reboreda) Recollido no Catastro actual. Foros que antigamente se pagaban ao Mosteiro de Melón (Ourense). Recollido no Catastro actual.
O Merendeiro (San Pedro). Lugar onde estaba un negocio de comidas da familia Borines e que sería vendida a José Otero Mañas. Este construiría unha conserveira que continúa en activo baixo o nome Rodríguez y Pascual, S. A. Envasando as conservas Coca. No rueiro (2009) Camiño do Merendeiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html )
A Millada (O Coto). No rueiro (2009) Camiño da Millada.
A Mina (Outeiro das Penas). No Catastro de Ensenada (1752) aparece como linde de Cesantes, marco la Mina. No Arquivo Deputación de Pontevedra> Novo arranxo e establecemento dos Reais Plantíos e Devesas nos pobos das xurisdicións de Redondela, Vilavella, Saxamonde e Cedeira (1792), aparece sitio da Mina. En Censo de montes baldíos, realengos e de dono non coñecido que se atopan no Partido Xudicial de Redondela (1845), cítase: Monte da Mina. No rueiro (2009) Camiño da Mina. Recollido no Catastro actual.
A Minada. Propiedade onde hai unha mina de auga.
O Moíño (O Coto). Recollido no Catastro actual. O muíño máis próximo que se conserva é o Muíño da Joaquina do Lobo do Caldo.
A Monteira. Recollido no Catastro actual, Monteira.
O Muíño (O Coto (Cesantes)/O Viso). Pode facer referencia ao Muíño de Adelaida, da Insua ou de Maruja de Carolina. Recollido no Catastro actual.
O Nogueiral (San Pedro). Lugar con abundancia de nogueiras, árbores. Nun documento de 1705 do Fondo Casto Sampedro aparece o campo do Nogueiral. No rueiro (2009) Camiño do Nogueiral. Recollido no Catastro actual, Nogueiral.
Novás (Carballiño). No rueiro (2009) Camiño de Novas. Recollido no Catastro actual.
As Noves (O Coto). En Visitas ás reais devesas e plantíos da antiga Provincia de Tui (1750) aparece, Veigas das Nobles. No rueiro (2009) Camiño as Noves.
Outeiro das Penas / Camiño do Outeiro das Penas. Ver barrio. Nun documento de 1669 do Fondo Casto Sampedro aparece herdade chamada da Cortiña e Outeiro de Penas. Recollido no Catastro actual.
Padrón (Cesantes/O Viso). Recollido no Catastro actual.
A Pantalla (O Coto). Recibe o nome dun leguario que hai no lugar. Trátase dun marco-panel chamado popularmente A Pantalla, polo seu gran tamaño. No rueiro (2009) Rúa da Pantalla. Recollido no Catastro actual. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/a-pantalla-cesantes_20.html )
A Pantalla. Foto: J. Migueles |
Pazán. Recollido no Catastro actual.
Pedrás
A Pedreira. Lugar cheo de pedras.
A Peixota. Debe referirse a unha propietaria co apelido Peixoto. Recollido no Catastro actual.
Peleteiro. Probablemente polo oficio dun veciño que traballaba ou comerciaba con peles.
Penas
Pereira. Pode referirse á arbore ou ao apelido. Recollido no Catastro actual.
O Pereiriño
O Pereiro / Fonte do Pereiro (Cesantes/O Viso). Referido a pereiras ou terreos cheos de pedras. Nun documento de 1669 do Fondo Casto Sampedro aparece unhas leiras da herdade do Pereiro. lugar do Pereiro (1849). Recollido no Catastro actual. No rueiro (2009) Estrada do Pereiro.
Peroxa: Lugar
Petadas de Abaixo
Petadas de Arriba (San Pedro). No rueiro (2009) Camiño das Petadas. Recollido no Catastro actual, Petadas.
O Pexegueiro (O Coto). Terreos inmediatos ao Río Pexegueiro. Recollido no Catastro actual, O Pexegueiro. Ver Río Pexegueiro.
Pío (San Pedro). Recollido no Catastro actual.
A Pirinola (San Pedro). Bugalla ou galla do carballo.
A Pita (Carballiño). No rueiro (2009) Camiño da Pita. Recollido no Catastro actual.
O Pombal (San Pedro). Lugar onde hai ou se crían moitas pombas. Recollido no Catastro actual, Pombal. Tamén atopei o topónimo Pombal de Abaixo.
A Ponte. Lugar. Recibe o nome da ponte do ferrocarril coñecida como Ponte de Fontán. Nos límites co Viso aparece: marco de Fontán (1647)
A Ponte de Esteiro (O Coto (Cesantes)/Redondela). Ponte que une Cesantes e Redondela. O nome de esteiro estaría relacionado coa desembocadura do río, pero o emprego da preposición de induce a pensar no apelido Esteiro. No Diccionario Madoz (1850) aparece, Puente de Esteiro. Na Documentación da finca Sobral (Redondela, San Pedro de Cesantes. Arquivo Deputación de Pontevedra) son citados en 1910, Muíños de Esteiro. No Rueiro (2009) Camiño do Esteiro.
A Ponte das Pereiras. Une as illas de San Simón e San Antón.
Por de Miguéns. Recollido no Catastro actual como A Por de Míguez.
A Porta Levada (Carballiño). Nun documento de 1669 do Fondo Casto Sampedro aparece “un pedazo de territorio e toxal chamado do Porto Alebada”. No rueiro (2009) Camiño da Porta Levada. Recollido no Catastro actual.
A Porta Levada de Abaixo
Porto do Río (San Pedro). No rueiro (2009) Camiño do Porto do Río.
Poza dos Tres Abades. Chamado así porque os abades de Cesantes, O Viso e Reboreda (Ventosela aínda non se segregara) estableceron esta fonte como o punto onde limitaban as tres parroquias. Atopo: Casal do Eido de Baijo (1647) Casal do Eido de abajo (sitio conocido hoy como fuente de los Tres Abades) (1849).
O Pozo da Chispa
As Pozas
Camiño da Quiringosta. Variante de congostra, camiño estreito e angosto.
Quitariño. Recollido no Catastro actual.
A Rabicha
O Rabiño (San Pedro). Terras próximas ao accidente xeográfico Punta do Rabiño, que é chamada así pola súa forma coma un pequeno rabo. Recollido no Catastro actual Rabiño. No rueiro (2009) Camiño do Rabiño.
O Redondo. Recollido no Catastro actual.
A Rega. Rego, condución da auga para regar os cultivos. Recollido no Catastro actual, Rega. No rueiro (2009) Camiño Rega do Alto.
O Regato. Recollido no Catastro actual.
O Resio. Seseo por recio ou variante de rexo. Pode ser unha terra grosa e vigorosa. Pola súa situación tamén pode referirse á que está exposto ao forte vento do mar. Recollido no Catastro actual.
O Rial (San Simón). Con no Arquipélago de San Simón. No Arquivo da Deputación de Pontevedra>Fondo Encinas Diéguez>Tres censos en Redondela (1605) aparece Campo do Viso do Rial. Recollido no Catastro actual, O Rial. No rueiro (2009) Camiño do Rial.
O Ribeiriño. Pequena propiedade na ribeira do mar. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece Campo da Ribeira ou Ribeiriña.
A Rochela. Diminutivo de rocha. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece Heredad da Rochela. Recollido no Catastro actual.
A Roleira (San Pedro). Pode referirse ás rolas, aves semellantes ás pombas pero un pouco máis pequenas. Rola tamén é unha división que os labradores fan dunha leira mediante sucos para recoller neles a auga da chuvia, para dividir partes sementadas con diferentes cultivos etc.
A Rotea. Designa a terreos gañados ao monte para o seu cultivo.
A Rúa do Alto. Recollido no Catastro actual.
A do Ruco. Probablemente alcume ou hipocorístico do propietario.
As Saíñas (Carballiño). Lugar onde se forma o sal ou depósito de sal. Non hai constancia de saíñas neste punto, quen sabe se posteriores investigacións dirán o contrario. No rueiro (2009) Camiño das Saíñas. Recollido no Catastro actual.
San Pedro. No Arquivo da Deputación de Pontevedra>Fondo Encinas Diéguez>Tres censos en Redondela (1605) aparece San Pedro de Cesantes, como parroquia e San Pedro Santo como lugar. No rueiro (2009) Rúa de San Pedro. Recollido no Catastro actual.
Santa Clara.
Santiago.
As Sarnes (Outeiro das Penas). No rueiro (2009) Camiño de Sarnes. Recollido no Catastro actual.
Sobral. Sería un sobreiral, lugar poboado de sobreiras. No Arquivo da Deputación de Pontevedra na Documentación da finca Sobral aparece lugar de Sobral (1788, 1791 e 1819), leira Sobral (1866-1873), granxa do Sobral (1876), finca do Sobral (1900) e leira do Sobral (1909). Hoxe en día coñecida como Vagón (Ver máis adiante).
O Sobreiro / Punta Sobreiro (Outeiro das Penas). A sobreira ou corticeira é un tipo de árbore, en castelán alcornoque. Leira coñecida tamén como Finca do Alemán, por ser propiedade de Heinz Gerd Sauer, veciño de Vigo. Nela atopouse un dos miliarios de Cesantes en 1975, cando xa pertencía a José Fernández Pérez, Paulo José Groba Rodríguez e José Pache Cabezas que a mercaran o ano anterior. Recollido no Catastro actual, Sobreiro. No rueiro (2009) Camiño das Sobreiras.
Soutiño de Arriba. Terreo onde abundan os castiñeiros.
As Taberneiras. No rueiro (2009) Camiño das Taberneiras.
Tangorelle
O Tanque / Fonte do Tanque (O Coto). Depósito ou presa de auga. No rueiro (2009) Camiño do Tanque.
Tapela. Recollido no Catastro actual.
La Tapera (Redondela/O Coto (Cesantes)). En algúns países de América significa casa en ruínas e abandonada. É o nome que recibiu o pazo Torres de Agrelo cando o mercou en 1914 o emigrante retornado Concepto López Lorenzo. Recollido no Catastro actual. ( Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html )
Lugar de Testa. Apelido do propietario, Testa. Recollido no Catastro actual.
A Tizona. Recollido no Catastro actual, Tizona.
Torre de Calle. O nome pode vir dunha casa que probablemente pertencera a Lorenzo de Calle veciño de San Pedro de Cesantes quen testou en 1581. Neste camiño consérvase unha casa de 1796, pero o topónimo é anterior. No Arquivo da Deputación de Pontevedra, no Fondo Encinas Diéguez>Tres censos en Redondela (1605) xa aparece Torre de Calle. No Arquivo da Deputación de Pontevedra na Documentación da finca Sobral aparece granxa-recreo Torre-calle (1883). No rueiro (2009) Rúa da Torre de Calle. Recollido no Catastro actual.
A Trigueira (Cesantes/Ventosela). Recollido no Catastro actual.
Texto: J. Migueles
Continua en
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/05/toponimia-de-cesantes-3-3.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario