jueves, 27 de mayo de 2021

Toponimia de Cesantes (3 / 3)

 

1920 cara a lazareto de San Simón, ed. Hauser y Menet
Illa de San Simón, anos 20, Ed. Hauser y Menet

Vagón / O Vaghón. Como xa miramos, esta propiedade era coñecida anteriormente como Sobral. Recollido no Catastro actual, lugar de Bagón. Recibe o nome de Vagón porque pertenceu ao político Manuel Uhagón (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/04/uhagon-y-hurgado-de-corcuera-manuel.html )

O Valado de Abaixo. Un valado é unha cerca construída con pedra ou outros materiais que delimita un espacio. No Índice de documentos que pertenceron ao Mosteiro de Melón. B11 César Vaamonde Lores-RAG, aparece en (1365) Conchouso do Balado. No rueiro (2009), Camiño dos Valados.

O Valado de Arriba. Recollido no Catastro actual, O Balado de Arriba.

A Veiga de Abaixo. Veiga é un terreo cultivado á beira dun río ou regato. Recollido no Catastro actual, Veigas de Abaixo.

Veiga Darriba (San Pedro). Recollido no Catastro actual.

A Veiga do Eido. No rueiro (2009) Camiño da Veiga dos Eidos. Recollido no Catastro actual, Veiga do Eido.

A Veiga Longa

A Vella (San Pedro). No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece Campo da Vella. No rueiro (2009) Camiño da Vella. Recollido no Catastro actual.

Estrada Vella. No rueiro (2009), tramo inutilizado da N-550.

Vilaflores

A Vilela. No rueiro (2009) Camiño da Vilela.

O Vimbieiro. Lugar de onde se sacan as vimbias para atar as viñas.

A Viña Vella. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece “la mitad da Viña bella”. Recollido no Catastro actual, Viña Vella.

A Xesteira (Carballiño). Lugar inzado de xestas. No rueiro (2009) Camiño da Xesteira. Recollido no Catastro actual.

O Xirelo (San Pedro). Probablemente o alcume dun mariñeiro, tipo de peixe. Recollido no Catastro actual.

O Xote. Probablemente unha alteración ou un alcume, neste último caso o máis parecido que atopamos son os alcumes Pixote e Xexote. Recollido no Catastro actual. No rueiro (2009) Camiño do Xote.

Zacande (San Pedro). No rueiro (2009) Estrada de Zacande. Recollido no Catastro actual.


Ríos

Regato da Porta Levada. Ver Porta Levada.

Regato de Cedantes. Ver Cedantes.

Regato do Picho (San Pedro). No rueiro (2009) Camiño do Picho.

Río Grande (San Pedro). No rueiro (2009) Camiño do Río Grande.

O Río Pexegueiro. Como todos os ríos debía recibir diferentes nomes segundo o tramo no que te atoparas. Así, na Documentación da finca Sobral (Arquivo Deputación de Pontevedra) aparece em 1673-1676, Río Merdeiro, e no Diccionario Madoz (1850): Río Merdeiro e Río Pereiro. No 2005 acondicionouse unha senda na súa desembocadura co nome de Paseo do Pexegueiro.


Montes

Monte de Abaixo. Recollido no Catastro actual.

Monte Boavista. En Censo de montes baldíos, realengos e de dono non coñecido que se atopan no Partido Xudicial de Redondela (1845), cítase: Monte Buena Vista.

O Monte Cabaleiro. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece Fuero de Martin Cabaleiro de Cesantes. Este feito semella confirmar como máis probable a explicación de que sexa un apelido. Recollido no Catastro actual, Cabaleiro.

Monte Catusa. O alcume Catuxo existe en Cesantes, xa no século XVII atopo Juan do Souto da Catuja, veciño de Soutoxuste (O Viso).

Monte da Costa. Ao estar lonxe do mar faría referencia ao forte desnivel de acceso.

Monte Gracia (San Pedro). No rueiro (2009) Camiño do Monte Gracia.

Monte Longo

Monte Moreira (San Pedro). Tipo de árbore. Recollido no Catastro actual en castelán, Monte Moreda.

Monte Piñeiral. Abundancia de piñeiros. Recollido en Galicia Nomeada (Xunta de Galicia) coa forma castelanizada, Monte Pinal.

Monte Pousado

A Telleira / Monte da Telleira / Camiño da Telleira (San Pedro). Lugar onde se facían tellas. No rueiro (2009) Camiño da Telleira e Rúa da Telleira. No s. XVIII sería coñecido como Monte Gordo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/as-telleiras.html )


Cotas

Alto de Cesantes ou de Os’tras (Cesantes)

Outeiro das Penas (Cesantes): 161 m.


Toponimia da Costa

A Barra ou As Barras. As barras do ría Alvedosa é unha construíronse para resolver os problemas de calado do peirao de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/09/instalacions-maritimas.html )

Os Barreiros. Tramo da praia de Cesantes con abundante barro (arxila). Recollido no Catastro actual, Barreiros.

A Cova (A Telleira-San Pedro). É un entrante estreito do mar. No rueiro (2009) Camiño da Cova. Recollido no Catastro actual, A Cova.

Cova da Serpe. A antiga existencia dun peirao neste punto podería explicar o topónimo Serpe como a maneira de manobrar as embarcacións para achegarse a este punto. O termo Cova refírese a entrante do mar. No Catastro de Ensenada (1752) xa aparece Cova de Serpe. No Arquivo Deputación de Pontevedra>Visitas ás reais devesas e plantíos da vila e xurisdición de Redondela (1785), aparece Coba de Serpes, engadindo que dentro deste monte se atopa a devesa da Boca da Serpe e ao seu pé hai un embarcadoiro. En Novo arranxo e establecemento dos Reais Plantíos e Devesas nos pobos das xurisdicións de Redondela, Vilavella, Saxamonde e Cedeira (1792), aparece Cova da Serpe. En Censo de montes baldíos, realengos e de dono non coñecido que se atopan no Partido Xudicial de Redondela (1845), cítase: Monte Coba da Serpe. O Obradoiro de Estudos Fernando Monroy recolleuno como O Cabo da Serpe. Recollido no Catastro actual, Cova da Serpe. No rueiro (2009) Camiño Cova da Serpe.

A Cova do Asno. Entrante do mar. O termo Asno podería referirse a equivocación que suporía achegarse cunha embarcación a este punto cando de antigo existía un peirao na Cova da Serpe.

O Esteirón (Outeiro das Penas). Esteiro é unha zona de costa onde desemboca un río e que queda cuberta pola preamar. A presión urbanística levou a desaparición dunha pequena lagoa que se formaba neste punto. Algo típico en areais con dunas, que neste caso serían arrasadas cando se construíu o paseo marítimo. No rueiro (2009) Camiño do Esteirón. Recollido no Catastro actual, Esteirón.

O Lago Morto. Na costa, probablemente por formarse un lago nas mareas mortas.

O Loureiro /Praia do Loureiro (Carballiño). Era o apelido do propietario dun estaleiro no lugar. Popularmente o tramo da praia onde se atopaba era chamado Os Astilleros. No rueiro (2009), Camiño do Asteleiro, en lugar da forma normativa estaleiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/09/instalacions-maritimas.html )

A Marina / Praia da Marina (San Pedro). Tramo da Praia de Cesantes. Probablemente por un erro, o Catastro actual localiza Marina no lugar de Cedantes (Carballiño).No rueiro (2009) Camiño da Marina.

As Marismas (Redondela/Cesantes): Este espazo está practicamente desaparecido na súa totalidade polos recheos que se iniciaron nos anos 40 pola necesidade de terreos para a construción de instalacións educativas e deportivas.

A Pedra Rubia. Rocha na praia. Probablemente fai referencia a cor que ten ou que lle dan as algas.

Pedras do Castañal. Cons na praia de Cesantes, fronte ao lugar do Castañal.

As Pedras Longas. Cons na Praia Vella.

As Pedras Redondas. Cons na Praia Vella.

Porto (ou Peirao) de Cesantes

O Pozo. Punto da costa moi profundo, provocado polas correntes mariñas entre A Punta e San Simón. Recollido no Catastro actual.

Praia da Banda do Norte. Tramo da praia de Cesantes máis ao norte.

Praia de Cesantes ou Areal do Arco: En Visitas ás reais devesas e plantíos da antiga Provincia de Tui (1750) aparece porto de mar do Arco. Dividida en: Praia Vella, Praia Nova, A Marina, Praia do Bichiño, Praia do Loureiro (ou os Astilleros) e a Punta do Cabo. No rueiro (2009) Estrada da Praia de Cesantes e Paseo da Praia.

A Praia Nova. Nome popular que se lle deu ao tramo da praia máis próximo ao peirao en contraposición á praia Vella.

Praia do Regato

Praia do Rolo

A Praia Vella

A Punta. Pola forma da praia.

Punta da Canteira (A Telleira-San Pedro). É de supoñer que en época recente se extraeu pedra deste cabo. No s. XVIII, era coñecida como Punta do Monte Gordo. No rueiro (2009) Camiño da Punta da Canteira. Recollido no Catastro actual A Punta da Canteira.

Punta do Cabo. Forma máis avanzada do areal da punta que forma un cóbado (cabo).

Punta Mouriño. Pode vir do apelido Mouriño ou ser un diminutivo de mouro, polo que faría referencia a unha cor escura da terra ou da vexetación. No Catastro de Ensenada (1752) aparece como linde parroquial de Cesantes, Pozo do Mouriño.

Punta do Rabiño (Cesantes). Fai referencia a que esta punta ao adentrarse no mar é tan pequena que parece un rabiño, diminutivo de rabo.

Punta Sobreiro. Ver O Sobreiro.

Punta Sobreiro (Outeiro das Penas). Xa o vimos ao falar do Sobreiro.


Arquipélago de San Simón

Enseada de San Simón. Fondo da Ría de Vigo que se ensancha a partires do estreito de Rande. Recibe o nome da illa. Chamada así polo Arquipélago de San Simón, que popularmente é chamado Illa de San Simón, por ser esta a máis grande. Tamén foi chamado o Lazareto porque en 1838 iniciouse nela a construción dun lazareto, lugar onde os barcos pasaban a corentena antes de entrar no porto de Vigo. A illa de San Simón era o Lazareto Limpo e a de San Antón o Lazareto Suxo, onde estaban os casos máis graves. O lazareto estaría en funcionamento ata 1927. (https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/a-illa-de-san-simon.html )

O arquipélago estaría formado de norte a sur polas illas:

O Cagarrón. Con no Arquipélago de San Simón.

O Canal. Canal navegable entre San Antón e Pedra Blanca.

Os Casqueiros. Cons entre O Corbeiro e a Illa San Simón. Neste caso casqueiro pode ter o significado de vao en corrente de agua.

O Cuartel (I. de San Simón).

Pedra do Campanario.

A Pedra Mexiloeira. Por criar nela moitos mexillóns.

Peirao das Pereiras

Peirao de Afora. Peirao máis próximo á boca da ría.

A Ponte. Ponte que une as illas de San Simón e San Antón. Foi construído polo enxeñeiro Alejo Andrade Yáñez como parte das infraestruturas necesarias para a construción do lazareto que entrou en funcionamento no 1842. Daquela contaba con portalóns nos extremos para separar o lazareto limpo (San Simón) do lazareto sucio (San Antonio, enfermos máis graves).

O Puido. Con no Arquipélago de San Simón.

 

Illa de San Simón. Foto: J. Migueles


Outros topónimos históricos

Abaixo. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece Heredad debaixo.

Apartada. heredad da Leira do Seijo da dehesa da Apartada de censo das Táboas (1647) heredad da Apartada (1726) sitio de Apartadas / mojón de Apartadas (1806), Leira do Seijo (1849), Leira do Sijo da Devesa da Apartada (1850)

O Carmen. Aparece El Carmen “heredad al norte de Cesantes de labradío, tojal y dehesa” nunha listaxe de propiedades á venda por Real Orde Testamentaria á morte de Buenaventura Marcó e a súa dona (Diario de avisos de Madrid 08-12-1834 pag 1 y 2)

Campo entre as Viñas. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece Campo entre las Viñas.

O Campo. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece Heredad do Campo.

O Cobo. Citado nun documento de 1681 do Fondo Casto Sampedro, “... da peza da herdade do Cobo".

Cocho de Lamas. Citado nun documento de 1681 do Fondo Casto Sampedro,cocho de herdade chamado de Lamas”.

Cortiña do Pereiro. Citado nun documento de 1669 do Fondo Casto Sampedro, “... dúas leiras de herdade que se din da Cortiña do Pereiro".

Couselo. Citado nun documento de 1681 do Fondo Casto Sampedro,”...cocho de herdade chamado de Couselo”.

Cova do Ouro. pedazo de terreno sito en el punto conocido como Coba do Ouro, junto a la taberna do Pereiro (1849) la propiedad de Sobreira do Ouro (1849)

Eido de Arriba. Laje y camino de Casal do Eido de Rivas (1647) Laje do Regueiro do Porto de Casal do eido de Riva (1647) Lage y camino de Casal do Eido de Arriba (1849)

A Lagoa. Citado nun documento de 1705 do Fondo Casto Sampedro, “... da sua parte de herdade da Lagoa".

Lagoa do Amieiral. Citado nun documento de 1665 do Fondo Casto Sampedro, “...herdade da lagoa do Amieiral, de un ferrado de pan de sembradura, con carga de 2 cuartillas de pan ...”.

Lugar de Espiña. El convento de Santo Domingo de Pontevedra contra Juan Belo y consortes, sobre reivindicación por el lugar de Espiñas, sito en San Pedro de Cesantes. (1601 / 1700 (comprendido entre) Galiciana>Arquivo do Reino de Galicia>ConventosES.GA.15030.ARG/1.1.1.2.3.1.2.5.//Caixa 1522-3)

Lugar de Miguel de Ana. casa o lugar de Miguel de Ana próximo a un sendero que conducía a la iglesia de Cesantes (1849)

Monte da Mámoa. Nos límites co Viso nun documento de 1647. Suponse que existiría unha mámoa da que hoxe nada se sabe.

Muíño Vello / Fonte do Muíño Vello. No Catastro de Ensenada (1752) aparece como linde parroquial de Cesantes, fuente del Molino Viejo. Tamén atopo: el molino viejo (1647) molino viejo que fue de Juan Martínez (1849)

Outeiro dos Porros do Corbo. En 1647.

Pesqueiro. Aparece Pesqueiro “labradío” nunha listaxe de propiedades á venda por Real Orde Testamentaria á morte de Buenaventura Marcó e a súa dona. (Diario de avisos de Madrid 08-12-1834 pag 1 y 2).

Presa do Areal. Citado nun documento de 1681 do Fondo Casto Sampedro, Venda de media posada de agua da presa do Areal”.

Regal. O 26 de xuño de 1933 o Concello trata no pleno o asunto da parcela "Regal" de Cesantes. Débese identificar a finca, así como esclarecer quen pagaba o foro que redimiu o señor Bastos por documento privado ao señor Contreras, polo que queda pendente. (El pueblo gallego)

Regueiro das Peiriñas. Reguero que se dice das Peiriñas (1647)

O Río. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece Heredad do rio.

Sertan. Citado nun documento de 1665 do Fondo Casto Sampedro,unha peza de herdade chamada da Sertan".

Viña de Abaixo. Citado nun documento de 1705 do Fondo Casto Sampedro,”... unha viña chamada de Baijo", de medio ferrado de sembradura de centeo”

Viña de Arriba. Citado nun documento de 1705 do Fondo Casto Sampedro, “... un anaco de herdade da viña de Riba".

A Viñiña. Citado nun documento de 1705 do Fondo Casto Sampedro, “... un anaco da herdade da Viñiña, de un ferrado e medio de pan de sembradura”.


NOTA: No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece ilexible: Campo ¿del teiron? / ¿de uterion?



Rueiro. Outros. (2009)

Camiño da Abreavella (O Coto). O significado de A Brea Vella é o de camiño vello. Sería unha continuación do Camiño Real. Aparece así escrito, sen separación entre palabras, no Rueiro (2009).

Camiño do Adro de San Pedro (San Pedro). Toma o nome da igrexa parroquial.

Rúa do Alto (Carballiño). Situada nunha cota máis elevada. Nome dado no Rueiro (2009).

Camiño das Barcias (Outeiro das Penas). Conxunto de terras próximas a un río. Recollido no Rueiro (2009).

Camiño da Cana (San Pedro). Sería un terreo onde abundaban as canas. Recollido no Rueiro (2009).

Estrada de Cesantes. Tramo da N-550. Recollido no Rueiro (2009).

Camiño do Coruxo (O Coto). Nome dun peixe polo que podería ser o alcume dalgún veciño. Outros significados serían: terreos en costa cheos de pedras ou ave semellante ao moucho. Recollido no Rueiro (2009).

Camiño da Darena (Outeiro das Penas). Probablemente sexa un castelanismo de area, outra posibilidade sería un alcume. Recollido no Rueiro (2009).

Camiño Fondo (San Pedro). Camiño cun trazado máis profundo que os terreos das beiras. Recollido no Rueiro (2009). Recollido no Rueiro (2009).

Camiño da Ganga (O Coto). Converteuse en alcume familiar por ter unha tenda chamada A Ganga. Recollido no Rueiro (2009). Recollido no Rueiro (2009).

Camiño do Lugar de Vaqueiro (O Coto). Persoa que cuida vacas, probablemente sexa alcume. Recollido no Rueiro (2009). Recollido no Rueiro (2009).

Camiño Mato do Lombo (O Coto). Mato significa arbusto e lombo faría referencia a unha costa ou pequena elevación. Recollido no Rueiro (2009). Recollido no Rueiro (2009).

Camiño do Panelo. Sinónimo de “argazo”, tipo de alga. Recollido no Rueiro (2009).

Camiño do Panquente (O Coto). Alcume. Aínda non confirmei o motivo pero probablemente terían un forno de pan. Recollido no Rueiro (2009).

Camiño do Parque (Outeiro das Penas). Debe o nome á existencia dun parque na zona. Recollido no Rueiro (2009).

Camiño do Piñón (Outeiro das Penas). Piñón é o froito do piñeiro. Non atopei referencias deste topónimo non sendo no rueiro oficial (2009) polo que pode tratarse dun nome de repertorio por haber piñeiros na zona.

Rego de San Pedro, Cño. do (San Pedro). Recollido no Rueiro (2009).


Para coñecer máis topónimos de Cesantes visitar:

Muíños => https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html

Pontes => https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/pontes.html

Fontes => https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/fontes-e-lavadoiros.html



Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Guía didáctica para escolares: Nº5. Aproximación á toponimia do Concello de Redondela. Álvaro Iriarte Sanromán

Os Nomes da Ría de Vigo II. Gerardo Sacau Rodríguez. Instituto de Estudios Vigueses (Fundación Provigo).2000.

Galicia Nomeada. Proxecto da Xunta de Galicia levada a cabo polo SNL de Redondela. Topónimos recollidos polo Obradoiro Fernando Monroy. https://galicianomeada.xunta.gal/sixtop/inicio

Catastro de Ensenada. Cesantes.

Diccionario Madoz.

Real Academia Galega-RAG => Indice de documentos que pertenecieron al Monasterio de Melón. B11 César Vaamonde Lores.

Deputación de Pontevedra => depo.es

Novo arranxo e establecemento dos Reais Plantíos e Devesas nos pobos das xurisdicións de Redondela, Vilavella, Saxamonde e Cedeira (1792) https://atopo.depo.gal/Record/arc.ADP_0003228936

Pares => Memorial cobrador de rentas do Convento de Vilavella (1699-1779)

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego

Dicionario de dicionarios. http://sli.uvigo.es/DdD/

Diccionario RAG https://academia.gal/dicionario

Diccionario RAE https://dle.rae.es

Diccionario Portugués https://www.dicio.com.br/

Toponimia do concello de Lugo. Carlos Vázquez García. Tese doutoramento. Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía. Departamento de Filoloxía Galega.

Toponimia de Ames. Terra Nomeada. López Boullón, Xosé Ramón (2019). A Coruña. Real Academia Galega

Toponimia do Val do Fragoso2. Lavadores. Iván Sestay Martínez. Área de normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

Toponimia do Val do Fragoso. Lavadores. Iván Sestay Martínez. Área de normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Lorena Carrasco-Gonzalo Navaza. Área de normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

Arquivo Histórica da Universidade de Santiago de Compostela.



No hay comentarios:

Publicar un comentario