Xornalista. Director do semanal “Galicia Social” de Vigo. Foi un dos fundadores do xornal en 1919 e comezou a dirixilo en 1923, cargo que ocuparía ata o seu falecemento. Este xornal era de marcada ideoloxía católica como o marca o feito de que organizara peregrinacións a Lourdes ou Covadonga. En 1925 tamén dirixiu un novo semanario vigués chamado “Última hora”. Correspondente da axencia Logos ademais de realizar crónicas para o diario Ya.
Tenente alcalde do Concello de Vigo (en 1928). En 1929 aparece como concelleiro suplente. Destacado membro da Sindicato Obrero Católico de Vigo do que era vicepresidente a finais dos anos 20. En 1930 aparece como presidente do re-fundado C. D. Bosco, equipo de fútbol ligado á escola dos salesianos. Xa na 2ª República, en xaneiro de 1932, aparece como vocal do partido político confesional católico recen fundado en Vigo, Acción Nacional. Este partido sería a base da Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA).
Durante a Guerra Civil apoia ao bando franquista, participando en Radio Vigo no programa “Charlas patrióticas”, desde setembro de 1936. En 1939 comeza a escribir artigos e crónicas deportivas para El Correo Gallego dos que destacaremos, no referente a Redondela, os adicados á busca do tesouro de Rande en 1940. En 1947 foi homenaxeado con motivo de cumprir 25 anos á fronte da dirección de “Galicia Social”. Por esa época convértese en redactor de Hoja Oficial del Lunes e comeza a colaborar con El Pueblo Gallego e Faro de Vigo. Tamén sería nomeado vogal de honra da Asociación de Prensa de Vigo. Faleceu en 1960 aos 65 anos.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Galicia, Vida Gallega, El Pueblo Gallego, El Diario de Pontevedra, El correo de Galicia, El Ideal Gallego, Hoja oficial del lunes, El Eco de Santiago, El Correo Gallego
No hay comentarios:
Publicar un comentario