Embarque de tropas en Vigo. Foto: Pacheco
Calcúlase que entre 1859 e 1927 arredor de medio millón de españois participaron nas guerras de África.
Non é sinxelo atopar información dos redondeláns que participaron nestas contendas pero xa entre 1859 e 1860 podemos citar ao Xeneral Leoncio Rubín y Oroña, substituíndo ao Xeneral Prim ao mando da División de Reserva. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-de-celis-y-orona-leoncio.html ). Non confundir co seu sobriño, o tamén xeneral Antero Rubín Homent, que da nome á Rúa Xeneral Rubín. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html ). Precisamente o seu pai Evasio Rubín y Oroña, irmán de Leoncio, loitou xunto ao Xeneral Prim na Guerra de África e na do Norte co Xeneral Martínez Campos, retirándose cando obtivo o ascenso a Xeneral.
Nesta época a inxusta lei de quintas permitía que as familias acomodadas pagaran para que os seus fillos non cumpriran o servizo militar e foran substituídos por mozos pertencentes á clase baixa. Por contra a Lei de 1912 reducía o servizo activo de seis a tres anos, pero créase o soldado de cuota. Esta figura abre a posibilidade de reducir aínda máis o servizo: a oito meses pagando mil pesetas e a cinco pagando dúas mil, podendo elixir destino e quedando exentos de servir en África. Resumindo, na práctica seguían sendo as clases medias e baixas as que ían á guerra.
Outra práctica común na época era que os mozos que non se presentaban a filas eran declarados prófugos. Se eran detidos os condenaban a penas de cárcere que eran conmutadas polo alistamento forzoso á fronte de África.
Polo Ministerio de Gobernación foron indultados da penalidade de prófugos os mozos:... Serafín Martínez Blanco, da quinta de 1914 por Redondela... Todos sufrirán o sorteo correspondente para servir en África. (xuño de 1917)
Embarcando para a guerra do Rif. Vigo 1921 Foto: Llanos |
Uns meses antes desta nova, concretamente en febreiro dese ano, atopamos estoutra:
Onte verificouse no Cuartel de San Fernando, o sorteo dos reclutas que teñen que ir servir ao exército de África: ...De Redondela: Miguel Acosta Míguez, José Martínez Cabaleiro, Maximino Soto Lamas, Jaime Rodríguez Álvarez, Enrique Fernández Quijeiro, Ricardo Cabaleiro Lago e Porfirio Gómez Figueroa.
O papel de Redondela nesta contenda viría marcada pola situación estratéxica da estación do ferrocarril para o transporte das tropas. Na nosa vila os trens ateigados de tropas procedentes de Coruña e Vigo enlazaban coa liña a Ourense, dirixíndose ao sur, onde embarcarían cara ao continente africano e, como veremos máis adiante, noutras ocasións sería lugar de paso cara o porto de Vigo.
Unha das fontes de información que podemos consultar é a dos cronistas que participaron na guerra para informar a través dos xornais. Entre eles podemos citar ao ourensán Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben Cho Shey) ou a Valentín Paz Andrade, pero tamén ao redondelán Joaquín Canós que en 1921 se alistou no Tercio de Estranxeiros partindo cara a Melilla para actuar como correspondente de “La Concordia” de Vigo.
A finais de 1921 centos de mozos do rexemento de Murcia con sede en Vigo embarcan para ir loitar a África. Sería o 29 de agosto cando o vapor Guillén Sorolla parte con 1.200 homes ao mando do tenente coronel Lino Cordal. Pouco antes, entre xullo e agosto, producírase o coñecido como o Desastre de Annual, no que preto de 11.500 españois perderon a vida. Ás escenas de dor na despedida no porto vigués deron paso á preocupación pola falta de noticias dos soldados desde a fronte e desembocaron, a principios de 1922, nun clamor pola volta daqueles homes. O primeiro caído sería o soldado Gumersindo Fernández, durante una emboscada o 18 de outubro de 1921. O combate más importante sería o 18 de abril de 1922 en Miskrella, onde faleceron José Orol Méndez, José González Fernández, Pepito Portela Fontán, Antonio Somoza Rodríguez e Ramón Fraga.
Na escola de Erundina Pérez Sobrino celebrouse o Sagrado Corazón de Xesús. Asistiu o párroco de Vilavella, José Sátiro Redondo. As nenas iniciaron unha subscrición para mandar dicir misas polos soldados falecidos en África.
Escola de Erundina, 1925. Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro. |
Non sería ata outubro de 1922 que as tropas do rexemento de Murcia volverían no vapor Romeu despois dun longo ano de combates. Non é sinxelo atopar datos dos redondeláns alá destinados. A continuación citaremos os que van aparecendo.
Un dos licenciados nesta data sería Alfredo Basanta Puig, oficial de Correos en Pontevedra e fillo do xefe de Telégrafos de Redondela, Alfredo Basanta Useletti. Co tempo este mozo acabaría sendo trasladado á nosa vila, casando máis tarde en Reboreda con Gloria Criado Fontán. En 1931 volvería a traballar en Pontevedra.
En outubro de 1922 publícase outra nova:
Cantidades recadadas polas escolas para o Aguinaldo do Soldado e soldados aos que van destinadas: Escola de nenas de Redondela, 45; Soldados: Julián Calzas González, Wad-Ras. Escola de Vilavella, Josefa Valverde, 10; Soldados: Juan Sarmiento, Burgos, e Juan Rodríguez, Murcia.
De Juan Sarmiento aínda non fun quen de atopar datos pero os outros dous si que son coñecidos:
Julián Calzas González foi nomeado mestre de Trasmañó en 1919 como opositor procedente da provincia de Soria. Pouco despois é dado de baixa do servizo ao alistarse para combater na guerra de África. Alí sería ferido e despois de licenciarse reincorporouse a dita escola. En setembro de 1925 concédeselle a praza que solicitara en Peñaranda de Dueso (Burgos) o que supón a súa marcha da nosa vila. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-as-ata-mediados-do-s-xx-l.html )
Equipo do Rexemento de Murcia. Juan Rodríguez 6º de pé. Vida Gallega |
Juan Rodríguez López “Redondela” foi un dos precursores do fútbol en Redondela. Alistado no batallón de Murcia con base en Vigo venceu no Campionato de España Militar de 1920. Este pode considerarse o primeiro triunfo do fútbol galego e as rúas da cidade olívica ateigáronse de xente para recibir aos seus heroes. Este éxito non o librou de servir en África, pero unha vez licenciado, en outubro de 1922, fichou polo Real Fortuna. Con este equipo formaría ata a súa desaparición ao ano seguinte, cando se fusionou co Real Sporting de Vigo para fundarse o R. C. Celta. Na súa traxectoria xogaría cos principais equipos galegos: Pontevedra Athletic, Deportivo da Coruña, Eiriña, Orense F. C. E unión Sporting de Vigo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-os-precursores-futbolistas-da.html )
Campionato Militar 1920, recibimento en Urzáiz. Vida Gallega |
Ademais de Juan Calzas cando menos outro mestre loitaría en África, sería o mestre da graduada de Redondela Joaquín Pais Llorens. Sarxento do batallón expedicionario de Murcia destinado en Xauen (África), en xaneiro de 1921, desfruta dun mes de licenza, convalecente dunha enfermidade da que tivo que recuperarse durante dous meses no sanatorio “Pedrosa” de Santander. Como os anteriores licenciouse en outubro de 1922 reincorporándose ao seu posto. Máis tarde sería director da escola de Redondela e alcalde interino da Comisión Xestora de Redondela entre marzo e abril 1933. Tras o golpe de Estado de 1936 esta implicación na política local o levaría ao cárcere e á perda do seu emprego, véndose na obriga de subsistir dando clases particulares. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-as-ata-mediados-do-s-xx-m-z.html )
Joaquín Pais Llorens. Foto publicada en Bodas de Oro. Antonio Ocampo |
Outro licenciado da Guerra de África en outubro de 1922 sería:
Co batallón de Murcia regresou de África o soldado voluntario e alumno avantaxado de Maxisterio, Antonio Extremadouro Otero.
Dentro da propaganda animando aos mozos a alistarse atopamos en agosto de 1921:
O xove de Redondela, Eusebio Otero Figueroa, que segue a carreira de mariña mercante, elevou ao ministro de Mariña unha instancia ofrecendo os seus servizos voluntaria e gratuitamente para desempeñar calquera cargo nun buque hospital destinado a feridos en Marrocos.
Eusebio Otero, 1927. Cedida pola familia Fernández Otero |
Ata o de agora non fun quen de constatar ningún falecemento dun soldado redondelán, pero si a do familiar dun dos nosos veciños en 1926:
Faleceu en Sidi Dris (guerra de África) o tenente médico militar Luis Hermida Pérez, que estudara na Universidade de Santiago e era irmán do rexistrador da propiedade de Redondela, Felipe. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/rexistrador-da-propiedade.html )
Os soldados que marcharon a África con poucos recursos tampouco nadaban na abundancia ao seu regreso:
A garda civil busca a un ex-lexionario en África pola roubo no almacén do ferrocarril dun fardo de pezas de satén dirixido ao xastre de Redondela Joaquín López. (19231202 El correo de Galicia (ARX))
Chegada do vapor Romeu a Vigo. Foto: Pacheco |
Non a todos lle foi mal en África, a familia Saavedra de Reboreda faría fortuna producindo roupa para o exército nas colonias españolas do norte de África, como Larache.
Nos sucesivos anos moitos redondeláns seguirían tendo que cumprir o servizo militar no continente africano:
Saíron para África para cumprir os seus deberes militares, Paulino Villar Martínez e José Barreiro Barreiro. (19290414 El pueblo gallego)
Chegou procedente do Norte de África, Luis Cuntín, en disfrute de licenza. (19561002 El pueblo gallego)
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Vigo en la guerra del Rif. Eduardo Rolland. https://www.vigoe.es/.../mas-vigo/vigo-en-la-guerra-del-rif/
La guerra del Rif. 01. El injusto sistema de quintas. Fernando R. Quesada Rettschlag. https://www.frquesada.com/la-guerra-del-rif-01-el.../.
La tropa viguesa en África. Jorge Lamas. http://lamasdono.blogspot.com.es/.../la-tropa-viguesa-en…
Militares censados en el campo de Granada. Gerardo González Martín. Atlántico Diario. https://www.atlantico.net/articulo/vigo/militares-censados-campo-granada/20160214034319514615.html
Diario de un testigo de la guerra de África. Pedro Antonio de Alarcón. Luarna Ediciones 2009.
La Voz de Galicia
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El norte de Galicia, El Diario de Pontevedra, Vida Gallega, La Integridad, Galicia diario de Vigo, El Correo de Galicia (Bos Aires), El Heraldo Gallego, El Ideal Gallego, El Noticiero Gallego
No hay comentarios:
Publicar un comentario