sábado, 11 de diciembre de 2021

1760-1763 Vilavella.

 

Vilavella no s. XIX. Oleo G. Vivian
Imaxe máis antiga de Vilavella. S. XIX. Óleo G. Vivian

A mediados do século XVIII Vilavella era unha xurisdición independente de Redondela, pertencendo a primeira ao Bispado de Tui e a segunda ao de Santiago. O documento de referencia para investigar esta etapa é o Catastro de Ensenada que data de 1752. Nesta ocasión aproximámonos a un novo censo tan só uns anos despois, concretamente ao período comprendido entre 1760 e 1763.

Os límites de Vilavella serían: Principia en el mojón de la Cabrita, desde este sigue al Regueiro do Barro, desde allí al escampado del Muro Longo, desde este sitio da vuelta al mojón del sitio donde llaman el Amieiro; desde el a la Ravadeira de Avajo, desde alli sigue al frente del Castañal, desde este sigue al mojón de la Coutada, desde alli a la Coba do Ouro y por otro nombre Carbón Queimado, desde este prosigue hasta el mojón que se halla junto a la casa de d. Phelipe Magi vecino de la villa de Vigo, desde este a la fuente y Poza de Outide, y desde allí a la mar y una piedra que tiene una cruz y sirve de mojón junto al terreno de Domingo de Outeiro vecino de la feligresía de San Andrés de Cedeira, y desde allí sigue por la orilla del Río arriba que es azia la parte del Norte astta llegar al Puente Longo que es la que divide el término de esta población y la de la villa de Redondela y desde este sigue al marco dos Pasas que aunque no le ay se halla fixado su división avajo de la casa que fue de D. Antonio Gago Presvitero aora difunto, y desde alli sigue a la fuente del Canudo, y al marco da Cabrita primera demarcación”.


Como vemos o Puente Longo, actual Praza Ribadavia (A Farola), unía a xurisdición de Vilavella coa de Redondela. O río Alvedosa actuaba de límite polo que rúas como a actual Ernestina Otero, daquela despoboada, pertencían a Vilavella. A poboación chegaba aos 133 habitantes e concentrábase na única rúa de Vilavella que ía desde o convento ata o Puente Longo. No resto da freguesía (barrios de Outide, Rabadeira, Salgueiral, Muro e Canudo) tan só vivían 10 persoas.


Nas variacións do censo anterior cítase a existencia de 15 colmeas, 12 de Andrés Cerezo e as 3 restantes de don Gaspar Conde y Acosta. Durante este século a produción de mel é un negocio moi lucrativo polo que os seus ingresos son recollidos en todos os censos e son numerosas as colmeas en todas as actuais parroquias de Redondela. Noutra entrada danse de baixa dous muíños fariñeiros que son propiedade da viúva María del Villar e que se atopan arruinados e non moen.

A primeira curiosidade que atopamos é que o Xuíz e Xustiza Ordinario, o que hoxe chamamos alcalde, Juan Antonio Figueroa non residía en Vilavella, se non que era veciño da freguesía de San Pedro de Cesantes.

A ocupación sería a seguinte: o citado Xuíz, un Rexedor, un Procurador Xeneral, dous escribáns, un subdelegado de Mariña, un médico, un cirurxián, un boticario, cinco escultores, tres carpinteiros, un Tenente Receptor do sal, un Medidor do mesmo, tres xastres, catro oficiais de xastre, catorce zapateiros, outros tantos oficiais, dous cerralleiros, tres ferreiros, un prateiro, un oficial do mesmo oficio, un tecedor, un forneiro, un oficial de pintor, un tratante de material do oficio de zapateiros, un fidalgo, un Mordomo das Relixiosas desta vila, tres particulares, dezaoito labradores, dezanove viúvas, vinte unha solteiras e cinco pobres. 

Vilavella nos anos 30. Postal
Vilavella nos anos 30. Postal

 

Non se recollen os ingresos por desempeñar cargos públicos pero si polos oficios propios de cada quen. No caso do Xuíz non se especifica o seu oficio probablemente por declarar eses ingresos en Cesantes. O Rexedor, Francisco Fontela, exerce como escultor e o Procurador, Manuel Pérez, como prateiro.

Algúns oficios ben pagados como o de escribán, médico ou boticario permiten que estas persoas dispoñan de servizo, principalmente son mulleres as que traballan como criadas, pero tamén se citan criados. Caso aparte é o do único nobre da vila, un fidalgo que é o que mantén a máis persoas ao seu servizo:

Don Francisco de Borxa Sarmiento viudo, edad 46 años, tiene dos hijas, dos paxes de 28 años de edad cada uno, una criada maior, cuatro criadas, dos criados maiores de los 18, y un Negro de edad de 36.

Atopamos aquí outra curiosidade a que probablemente sexa a primeira persoa de raza negra en chegar ao noso Concello e, o que é máis lamentable, o máis que posible primeiro escravo. Agardemos que sexa o único.

Entre as profesións curiosas podemos ampliar as relacionadas co depósito do sal. O sal era moi importante naquela época porque era fundamental para a conservación dos alimentos. O converterse en Administrador do sal daba tantos beneficios que esta persoa normalmente residía lonxe e contrataba empregados que rexían o negocio. Neste caso chama a atención que estes traballadores residiran en Vilavella cando o alfolí se atopaba na vila de Redondela.

Theniente Receptor de la Sal. Alphonso Nuñez Sotomaior, edad 4o años tiene un hijo menor de los 18, un sobrino mayor y dos criadas, por administrar los alfolies de la sal de la villa de Redondela como theniente receptor en nombre de D. Francisco García Carrasco se le pago por este en cada un año 5.500 rv y lo restante que produce la Administración lo percibe dicho D Francisco García Carrasco.

Medidor. Miguel Alvarez, edad 42 años, casado tiene un hijo menor de los 18 y dos hijas y una cuñada por el oficio de Medidor de la Sal se le regula y contempla de utilidad al año 730 rv.


Dos tres citados como “particulares” tan só se cita o oficio dun deles:

Don Antonio Terlup, edad 66 años, viúdo tiene una hija y una criada. No exerce el oficio de theniente Cónsul en esta Provincia de las dos Naciones de Francia y Holanda por haber hecho dimisión del atento su avanzada edad.


Como estamos vendo o papel da muller está totalmente supeditado ao home. Cítase os fillos e ao servizo e nalgún caso outras persoas ao cargo (cuñada, sogra...), pero nunca se fai referencia á esposa que semella que non existira. No referente aos fillos, se son varóns especifícase se son menores ou maiores de 18 anos. Neste último caso recóllese a súa ocupación e ingresos. Por contra, no caso feminino tan só se enumeran independentemente da súa idade.

Nos apartados viúvas e solteiras, recóllense os nomes das mulleres que viven soas ou son cabeza de familia enumerándose as persoas que cohabitan con elas. No caso de ter algún fillo barón maior de 18 anos, como nos casos anteriores si se recollen a súa ocupación e ingresos. A única excepción sería a seguinte:

Marta de Otero, divorciada tiene una criada. Sirve la casa en que habita de Mesón regular se le ve utilidad al año 50 r. v.

Temos aquí outra curiosidade, será este o primeiro caso de divorcio no Concello de Redondela? Case con seguridade o seu ex-marido sería o oficial de zapateiro:

Carlos Manuel de Grandal, edad 45 años, Divorciado, gana por su oficio al día Real y medio vellón.


En Vilavella existían daquela dous Casas-Mesóns mais:

...tres Casas de Mesones que la primera es de Rosa González da Pena, la segunda de Francisco de Abiles y Vasquez que racayó en la de Dominga Gonzales...


Máis adiante podemos comprobar que algunhas destas mulleres tiñan como principal fonte de ingresos as rendas producidas polo alugueiro dalgunha casa ou o foro de terreos. Pero paraa a maioría a vida non debía ser sinxela como reflexa o dato que dos cinco pobres que había na xurisdición, catro eran mulleres.


Como vemos, os oficios nos que se empregaba máis xente era o de zapateiro, xastre e labrador. Sorprende a presenza de tan só un forneiro, tendo en conta que a actual Rúa Juan Manuel Pereira era coñecida como a Rúa dos Fornos. Dúas explicacións posibles serían que foran mulleres as que traballaran como forneiras e non se recolleran os seus ingresos, ou que os fornos foran atendidos por veciños de Redondela, dada a súa proximidade.


Nunha xurisdición tan pequena e cun convento é indiscutible o gran peso que tiñan os relixiosos naquela época.

Convento de Nuestra Sra. de la Purificación orden de Nuestro Padre San Lorenzo Justiniano, componese de 30 Religiosas Profesas y 13 criadas seglares de particulares y 2 de comunidad.

Según parece consiste en 4 eclesiásticos sacerdotes, 30 religiosas profesas y 17 individuos familiares Villavieja de Redondela.



Non serían estes os únicos relixiosos con intereses en Vilavella, xa que tamén tiñan foros o Prior de la Abadía de Covadonga (Asturias), o Convento de Relixiosas de Santa Clara da vila de Pontevedra, o párroco de Moscoso (Pazos de Borbén) e varios presbíteros e clérigos veciños de Redondela.


Por último, atopamos unha referencia a unha confraría relixiosa:

Bienes del Santísimo Sacramento de esta villa del que es su actual mayordomo D. Francisco Fontenla... Habita la casa de arriba D. Joseph Bernardo Pérez actual Mayordomo del convento de Religiosas de esta villa...


Este Mordomo do convento o vimos citado cando falamos da ocupación da veciñanza porque ademais de casa gratuíta o seu soldo permitíalle contratar a unha criada:“...producele su empleo de utilidad al año dos mil duzientos Reales Vellon”. Un bo soldo se temos en conta que os soldos máis comúns ían de un a tres reais de vellón ao día.


Selo do Sacristán. Familia Fernández Otero.

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

PARES http://pares.mcu.es => Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Villavieja de Redondela (Mos, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución.

Catastro de Ensenada de Vilavella e Redondela.



No hay comentarios:

Publicar un comentario