sábado, 5 de marzo de 2022

Crónica Negra (1911-1930)

 

1911, 7 de novembro. Inés Pérez Figueroa estaba cruzando a rúa na Porta do Sol, en Vigo, cando foi atropelada por un coche que tentaba evitar chocar con outro. Foi conducida ao Cuarto de Socorro e trasladada á casa da súa nai, na rúa Taboada Leal, onde faleceu pouco despois. A finada era natural de Redondela e repartidora de pan.


1911, 9 de novembro. Cando o veciño do Viso, Juan Vidal Vidal, atopábase sacando auga dun pozo, no barrio de Alxán, tivo a desgraza de caer falecendo afogado.


1912, 22 de febreiro. Atopábanse en Quintela apacentando o gando José Reguera Salgado, José Carballo, Jesús e José Amoedo, José González Balado e Benito Balado Carballo. Estaban xogando á canícula ou estornela, cando Benito se sentou xunto a unha escopeta que trouxera Jesús. Deulle o gatillo e arma disparouse ferindo ao seu curmán José González de catorce anos de idade, que falecería horas despois.


1912, 16 de maio. Na estrada de Vigo a Redondela, a uns 7 km. da cidade, un neno duns doce anos subiu a un piñeiro a por piñas. Ao dobrar a pola co seu peso, tocou nos cables da luz caendo morto ao instante.


1912, 2 de xuño. Antonio Carballido de 70 anos, labrador veciño de Dapena (Vilar), vivía cun fillo coas facultades perturbadas de 40 anos. Mandou ao seu fillo a por auga e cando este volveu guindou o xarro á cara. Logo colleu un fungueiro e bateulle na cabeza. Antonio caeu ao chan e cando acudiron os veciños era xa cadáver.


1912, novembro. Declarouse un violento incendio nun grupo de casas que en Redondela posúe o propietario Sr. Castaño. Cando se descubriu a existencia do fuego, era demasiado tarde para apagalo. Dous edificios quedaron reducidos a escombros.


1912, 25 de decembro. José Lamela, veciño da Quintana (Reboreda), estaba na porta da súa casa coa súa tía e un fillo, cando chegaron os seus pais e dous irmáns a reclamarlle 150 pesetas que lle deixara á súa nai e que se negara a devolver varias veces. Ao negarse novamente a súa nai deulle unha labazada. Un dos irmáns saíu en defensa da súa nai e José cravoulle na cara unha tesoiras de podar. O agresor fuxiu, sendo detido pola garda civil e ingresando no cárcere.


1913, 27 de marzo. Preto de Redondela foi atropelada por un coche procedente de Vigo, que guiaba o cocheiro Ricardo Santos, e un cabalo montado por Ignacio García, unha muller chamada Josefa Álvarez, veciña de Trasmañó, quen falecería ás poucas horas.


1913, outubro. Foi condenado a cadea perpetua Juan Relín López coñecido como “El Brujo”, natural de Cedeira, onde a xente lle atribúe todo tipo de milagres. Foi acusado de que o 28-12-1912, envelenou con arsénico na taberna da Barromba, en Redondela, a Emilia Vilaboa, de 26 anos, veciña de Trasmañó, por despeito de que esta mantiña relacións cun canteiro chamado José Pérez.

1914, 4 de maio. En Chapela apareceu hai uns días o cadáver do veciño da mesma, Diego Fernández González, de 70 anos, que caeu nunha gaia.


1914, 6 de outubro. Ás 11 da noite declarouse un incendio na casa que Teresa López Soto posuía en Outeiro das Penas (Cesantes). Grazas aos esforzos da benemérita e algúns veciños, puideron salvarse Teresa e as súas fillas de 13 e 15 anos de idade, pero non a Manuel Soto Táboas, de 70 anos, tío da dona da casa, e que se supón que provocou o lume ao quedar durmido mentres fumaba na cama.


1915 O garda municipal Juan Varela evitou que tres individuos entraran ás dúas da noite nunha casa de Vilavella. Dous o suxeitaron polos brazos, mentres o terceiro o empurraba cara á Xunqueira, alí puido soltarse dándose os individuos á fuga.


1915, 4 de maio. Atopándose Ramón Rivas labrador veciño de Saxamonde de 36 anos, na casa do seu irmán José en Louredo (Mos), e nun momento de tolería, tirouse a un pozo de 16 metros de profundidade e dous metros e medio de auga, perecendo afogado.


1915, 11 de xuño. Preto do túnel de Redondela foi atopada morta unha muller de 22 anos, veciña de Trasmañó, que ten ao seu home en Liverpool. Saíra da casa para ir á feira a mercar unha tenreira. Suponse que foi asasinada para roubarlle e que o crime non se cometeu no lugar onde foi achado o cadáver.


1917-xullo. Cando unha muller chamada Paulina Pérez Lourido pasaba pola calzada de Teis (Vigo), levando unha cesta na cabeza, foi atropelada por un tranvía, ó intentar cruzar a vía. O automotor deulle tan forte golpe na rexión occipital, que foi recollida do chan sin sentido. Conducida á súa casa no barrio da Bouza, da parroquia de Chapela, deixou da existir sen poder articular palabra, segundo comunica ao xulgado o facultativo que a asistiu ata o derradeiro momento. As autoridades xudiciais ordenaron á garda civil que investigue para saber o número do tranvía que causou tan mortais feridas.


1917-outubro. Unha cuadrilla de malfeitores asaltou a casa reitoral de Saxamonde. Entre a unha e as dúas da madrugada, atopándose na cama o párroco don Ricardo Sampedro Folgar, ancián de 72 anos, foi sorprendido por dous individuos, que lle deron cun legón un formidable golpe na cabeza, sen dúbida con ánimo de asasinalo ou inutilizalo para a defensa. Logo obrigárono a levantarse da cama para que lles entregara o diñeiro que gardaba. Vacilando e chorreando sangue, chegou o ancián ata unha cómoda, da que, aproveitando un descoido dos bandidos, sacou unha navalla de grandes dimensións; pero antes de que puidera usala, perdeu o coñecemento. A criada do cura, que acudira ó lugar en que se desenrolaba a tráxica escena, recibiu tamén unha tremenda contusión na cabeza, que a fixo caer sen sentido. Xa donos da casa os asaltantes, abriron os mobles e efectuaron un concienciudo saqueo, levándose todo o que acharon dalgún valor. Logo fuxiron nun coche.


1917-novembro. Atópase fóra de perigo o cura párroco de Saxamonde, don Ricardo Sampedro Folgar, vítima do audaz atentado e roubo daquela reitoral. Polo de agora non foron achados os covardes ladróns apesares das activas xestións que practican as autoridades do distrito.


1918, 10 de xaneiro. Cando ían xuntos pola rúa Marqués de Valladares, de Vigo, José Lista Valenzuela, de 29 anos de idade, vendedor ambulante, e Carolina Gómez Cordero, de 21 anos, veciña de Redondela. De súpeto o home sacou unha navalla e cravoulla na cara a Carolina. Conducida a ferida á Casa de Socorro, déronlle 17 puntos de sutura. José ingresou no cárcere e a vítima declarou que foi agredida por que se negou a acceder ás relación que o home propuña.


1918, 29 de agosto. Un automóbil das cocheiras do Sr. Herrador, de Vigo, que regresaba do partido de Pontevedra, e que guiaba José Lourido, atropelou ao neno de 7 anos Agustín Alfaya Esteiro. En grave estado foi conducido á casa do médico Antonio Ocampo, onde o médico do lazareto de San Simón D. Federico practicoulle a primeira cura, apesares do cal faleceu horas despois. O condutor ingresou no cárcere do partido e o auto foi depositado no garaxe do alcalde, Ricardo Contreras.

1919, 6 de xuño. Foi detido en Redondela o xove de 19 anos, Basilio Martínez, acusado de violar, a nena Manuela Álvarez Cabaleiro, de 9 anos de idade.


1919, 08 de setembro. Discutiron os serranchíns portugueses Joaquín Domínguez, de 20 anos de idade, e Juan Serrano, de 26, causando o primeiro ao segundo cunha machada varias lesións de prognóstico reservado. Joaquín foi detido e posto a disposición do xulgado.


1920, 25 de marzo. Un home tentou saltar dende o viaduto de Redondela pero, probablemente por non ter valor suficiente, rematou pegándose un tiro na cabeza. Ao paso do tren os viaxeiros puideron ver o corpo tendido na ponte. Resultou ser Ramiro Cantero Martínez, recadador de contribucións daquel Concello, de 38 anos natural de Ourense. O xuíz de 1ªinstancia recibiu unha carta na que o finado lle encarga faga entrega dalgúns obxectos que gardaba no baúl da súa propiedade na casa de hóspedes na que se aloxaba.


1920, 03 de agosto. En Saxamonde polo rego dunha finca discutiron o labrador Ángel Rodríguez e Manuel Figueroa sen segundo e coñecido como Portugués. Dos ditos pasaron aos feitos e o Portugués disparou un tiro de escopeta a Rodríguez, matándoo instantaneamente. En xullo de 1921, celebrouse causa contra Manuel Figueroa, e o veredicto foi de culpabilidade, sendo condenado a oito anos de prisión e obriga de indemnizar con 5.000 pesetas aos fillos de Rodríguez.


1921, 22 de marzo. En Chapela un automóbil atropelou á nena de 7 anos Constantina Castro Fernández, deixándoa morta. O xulgado de Redondela abriu sumario contra o condutor, veciño de Teis.


1921, 9 de abril. A veciña do Porriño, Perfecta Areal, de 40 anos de idade, ía co seu home nun carro no que levaban calzado para vender na feira de Redondela. Ao pasar pola ponte de Quíntela, un tren de mercancías asustou ao cabalo marchando por un ribazo. O golpe que recibiu a muller na caída ocasionoulle a morte instantánea. Estaba embarazada e deixa sete fillos. O marido tamén recibiu golpes de consideración, fracturándose tres costelas.


1921, 15 de xullo. Celebrouse causa contra Manuel Figueroa, sen segundo, veciño de Saxamonde de 27 anos, quen polo rego dunha finca matou dun tiro ao seu veciño Ángel Rodríguez. O veredicto foi de culpabilidade e impúxoselle a Figueroa oito anos de prisión e obriga de indemnizar con 5.000 pesetas aos fillos de Rodríguez.


1922, 16 de xuño. Nas festas da Coca o xove de Lavadores, José Pérez Rodríguez, coñecido como "Moreno", estaba bailando cunha moza. De súpeto, acercóuselle José Cajarville, de Vigo e casado, e quitoulle a parella. Ofendido " Moreno" chamoulle a atención e o outro deulle unha labazada. Cando ía devolverlla o vigués sacou un revólver e deulle un tiro no estómago, que lle provocou a morte. O asasino foi detido pola Garda Civil.


1923, 22 de maio. Un automóbil de Vigo atropelou en Chapela a Ángela Lago López, que faleceu pouco despois de ser levada á Casa de Socorro. Era viúva e contaba 46 anos. Os ocupantes do vehículo estaban bébedos e ao darse conta da gravidade do atropelo déronse á fuga.


1923, 24 de xullo. En Chapela afogouse un mozo de Vigo, de 18 anos. Crese que se golpeou cunha rocha ao lanzarse de cabeza.


1923, 07 de agosto. No lugar da Garonda, en Reboreda, por unha discusión polos regos das fincas, Antonio Amoedo Camiña golpeou co seu legón na cabeza a Valentín Amoedo Reguera producíndolle a morte.


1923, 14 de novembro. Foi achada a pistola marca “Belga” coa que foi asasinado o veciño de Cabral Eulogio Lago Iglesias, o 20-08-1922, cando volvía da festa de San Bernardo. Albino e Cándido Cabaleiro Cabaleiro, xunto con Rosalino Barciela Barciela, auxiliaron á vítima e atoparon a arma, decidindo enterrala para non implicarse no proceso. Os tres, veciños de Vilar, ingresaron no cárcere quedando a disposición do xulgado.


1924, 6 de marzo. O veciño de Cesantes, Apolinar Ricón Mercedes, apareceu morto nun camiño. Suponse que ao retirarse para a súa casa bébedo, caeu sufrindo un colapso.


1925, 19 de xullo. Os gardas de Redondela detiveron en Rande (Cedeira) ao xove de 23 anos, Gregorio Santorio Cabaleiro, casado e veciño de Teis, acusado da violación da rapaza de 16 anos Isolina Lago Álvarez, cando esta se atopaba segando herba nunha finca en Trasmañó. A denuncia foi presentada polo pai da xove.


1925, 26 de decembro. O depositario do Concello, Justo M. Tojeiro, dirixíase á súa finca de Reboreda, cando o xove Vicente Mariño Rodríguez, fillo de Manuel Mariño, que ten perturbadas as súas facultades mentais, lanzoulle un poste de pedra dun metro seguido dunha choiva de pedras. O sr. Tojeiro foi conducido á súa casa con feridas de prognóstico reservado, falecendo ás 8 da noite. O tolo ingresou no cárcere.


1926, 19 de maio. En Redondela faleceu o neno de de tres anos Manuel Paredes, que ao subirse con outros rapaces a unha pila de auga quente que había nunha bodega para encascar aparellos, esvarou, caendo dentro. As queimaduras foron de tal gravidade, que lle ocasionaron a morte.


1926, xuño. Atendida na Casa de Socorro de Vigo: María Domínguez García, contusión con hematomas na cabeza, desgarro na mucosa e meixela esquerda, contusións en ámbalas dúas pernas, cualificados de prognóstico reservado. Agredida en Chapela polo seu noivo Manuel Vidal López.


1927, abril. Regresando de Pontevedra un coche propiedade dun veciño de Tui, entrou na rúa Ribeira na que estaban estacionados dous camións do lado esquerdo. Ao cruzar o neno de 9 anos, Claudio Pintos Serín, non puido evitar ser atropelado, falecendo aos poucos minutos. Era fillo único, de nai viúva, que se atopa en Buenos Aires.


1927, 27 de abril. Juan Ramón Giráldez Leirós e Manuel Leirós Cabaleiro foron procesados polo xulgado de Redondela, porque o 3-6-1926, nun baile en Mos agrediron con armas brancas a un veciño de Guizán, causándolle feridas que tardaron 25 días en curar.


1927, 24 de maio. Os quincalleiros ambulantes José María Iglesias e Manuel Rodríguez discutiron por asuntos do negocio ata tal punto que o primeiro disparou ao segundo dous tiros, causándolle unha ferida no ombro de carácter leve. O agresor deuse á fuga, sendo detido en Chapela polo condutor dun automóbil, quen o entregou á Garda Civil de Vigo.


1927, 8 de novembro. O mozo de 13 anos, José Alfonso Domínguez, foi atropelado na Riveira, ao saír correndo dun posto de castañas. Foi conducido á farmacia de Otero Milleiro, sendo atendido polos médicos Ocampo e Otero Milleiro. Sería trasladado despois a unha cama da casa de beneficencia, onde faleceu pouco despois.


1928, 25 de xaneiro. A garda civil de Redondela detivo á veciña de Cesantes, Flora Bouzón Bouzón, que feriu nunha man cun coitelo a Moisés Iriarte, cando este tentaba quitarllo.


1928, 29 de xaneiro. Manuel Cruz Carrera, toneleiro de 67 anos de Vilar de Infesta, faleceu despois de ser atropelado por unha camioneta no Alto de Barreiro. Deixa viúva e 4 fillos. Dous homes, Manuel e Eliodoro que prestan servizo como domésticos na residencia dos Xesuítas e dúas fillas, chamadas Ramona e Leonor.


1928, agosto. O xove Ramón Rivero Ocampo, fillo de Ramón Rivero Alonso i Engracia Ocampo, estivo en Redondela con tres amigos montando en bicicleta para cumprir un encargo dun procurador dos tribunais desta vila. Ao regresar á súa casa en Vigo faleceu ao ser atropelado por un camión.


1928, outubro. Atopábanse colocando un armazón de madeira na obra dunha casa de Tuimil (O Viso), os carpinteiros Porfirio Pereira Vidal (propietario da casa), Ángel Rivas García e Ramón Sestelo Amoedo, cando o muro se desprendeu sobre as táboas que facían de andamio. Ramón Sestelo conseguiu agarrarse e saíu ileso pero Porfirio e Ángel resultaron feridos graves. Horas despois Ángel Rivas, natural de Cesantes, falecería, dándose a circunstancia de que ía casar cunha xove do Viso.


1928, novembro. Na veira da estrada Pontevedra-Camposancos, en Cesantes, apareceu unha recen nacida que faleceu pouco despois. Non presentaba indicios de violencia e crese que foi abandonada por alguén que chegou en automóbil.


1928, 24 de decembro. Ignacio García, labrador do barrio de Canabal ( O Viso) foi buscar batume ao monte de Agrelo acompañado do seu fillo de 15 anos e da súa filla, Sofía García López de 9 anos. O pai quedou falando cun amigo e indicou aos seus fillos que marcharan e xa lles daría alcance. De súpeto o gando asustouse e o neno soltou a corda para tentar suxeitar á súa irmá, que caeu golpeándose na cabeza. O pai acudiu axiña e trasladouna, sendo atendida polos médicos Antonio Ocampo e José Torrado, apesares do cal faleceu horas despois.


1928, 29 de decembro. Na parroquia de Saxamonde entraron a roubar na casa

de Dolores González Alonso, de setenta años, solteira, que vive sola e ten fama de rica.

Os ladróns sorprendérona na cama, atándoa de pes e mans. Logo rexistraron os mobles e colchóns, apoderándose de 40 pesetas, as únicas que tiña en casa. Mentres os ladróns maniobraban Dolores simulou estar desvanecida para evitar que a asasinaran.


1929, 30 de xaneiro. Ingresaron no Hospital de Pontevedra os nenos Antonio Regueiro, veciño da Estrada, de 9 anos, e José Cadavid Monteagudo de Ventosela (Red.), de 12. Ámbolos dous presentan esnaquizada a man esquerda e o primeiro, ademais, outras feridas. Causáronllas dous pistóns de dinamita que andaban a manipular.


1929, 12 de febreiro. En Saxamonde apareceu afogada unha mendiga duns 65 anos e de nacionalidade portuguesa que vivía da caridade, na canle do muíño do Buraco, no barrio dos Valos. Non se atopou sinal de violencia polo que se cre caeu casualmente afogándose no regato.


1929, 3 de setembro. Por unha disputa polos regos das súas leiras, maltratáronse de palabra e obra os veciños de Reboreda e Redondela, José Couñago Veiga e Juan Amoedo Rivas, resultando este con graves coiteladas no ventre, polo que foi trasladado ó hospital de Pontevedra. O agresor foi detido.


1930,10 de abril. Un automóbil procedente de Ferrol, atropelou en Redondela á moza daquela vila Concepción Barros. Foi recollida en grave estado.


1930, 21 de xuño. Esta noite fronte á Chicharra un carro tirado por mulas que ocupaban José Pío Vázquez, domiciliado en Chapela, e os seus tres fillos, Antonio, Adolfo e José, e que regresaban a Vigo dende Redondela, caeu por un terraplén, debido a que se asustaran as mulas, caendo o vehículo e os seus ocupantes á vía férrea. Os tres rapaces de entre 6 e 10 anos resultaron gravemente feridos e o seu pai ileso.


1930, 3 de xullo. No barrio de Tuimil (O Viso) apareceu o cadáver de María Alján Rodríguez de 60 anos, presentando profundos tallos nas pernas e grandes feridas na cabeza. Horas despois detívose a Teresa Alján de 70 anos, irmá da morta, por sospeitas, pois a detida tiña uns zapatos rotos manchados de sangue e na súa casa atopouse un legón tamén manchado de sangue. Teresa nega rotundamente que matara á súa irmá.


1930, 5 de xullo. David Dacosta Ferreira que viaxaba na baca dun autobús caeuse na estrada cerca do pobo de Redondela, por mor de tropezar cun arame que cruzaba o camiño a seis metros do chan. David sofre graves feridas.


1930, 12 de agosto. Os bois que arrastraban o carro que guiaba Clemente Figueroa asustáronse. Levaron por diante ao coitado Clemente, sobre o que pasou o eixo matándoo.




Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Gaceta de Galicia, El Diario de Pontevedra, La Integridad, El Progreso, El Regional, El Lucense, La Correspondencia Gallega, El Pueblo Gallego, Correo de Galicia...

www.boe.es => Gaceta Oficial de Madrid

www.consellodacultura.gal => Eco de Galicia (A Habana)

No Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es => El Correo Salmantino, La Correspondencia de España, El Lábaro (Salamanca)...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Globo (Madrid), El Liberal, El Día (Madrid), El Correo Español, El regional

La Voz de Galicia => http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Faro de Vigo => Hemeroteca.


No hay comentarios:

Publicar un comentario