sábado, 5 de marzo de 2022

Crónica Negra de Redondela 1 (1850-1910)

 

       

1851, 21 de Novembro. Incendiouse unha casa en Redondela resultando morta a súa dona. Foi atopada nun armario envolta nun cobertor e co rosario nas mans. A criada salvouse rompendo unha táboa para saír á rúa.


1880, 25 de Febreiro. Nun camiño de Trasmañó foi atopado o cadáver dun home. Despois dun recoñecemento estableceuse que a causa da morte fora a fame e o frío.


1880, 12 de agosto. Un derrube de terras ocasionou a morte dun veciño de Redondela que se atopaba realizando escavacións na súa leira.


1881, outubro. Atopouse o cadáver dun bebé preto de Redondela. O neno tiña unha corda fortemente atada ao pescozo o que lle provocou a morte. Parece ser que a nai, veciña de Vigo, non podía facerse cargo da criatura polo que decidiu entregala á Inclusa, polo que encargou a condución a unha muller á que pagou 60 reais. Parece ser que esta é a autora do crime e permanece detida agardando ás dilixencias do xulgado de Redondela.


1883, 14 de outubro. A unha xove de 18 anos cortáronlle as orellas e o pelo, ademais de mutilarlle brutalmente varias partes do corpo. Crese que non sobrevivirá. Os tribunais tentan esclarecer o caso.


1885, 12 de marzo. O temporal destes días foi tan forte que o vento sacou dos raís os vagóns de reposto que había na estación de Monforte. Na ponte do Cabe o vento fixo caír aun operario carpinteiro veciño de Redondela. A caída, duns sete metros de altura, provocoulle a morte poucas horas despois.


1887, 20 de outubro. Morre un pirotécnico e dous dos seus fillos nunha explosión na súa casa.


1891, 19 de agosto. En Chapela, un home estaba limpando un revólver cando nun descoido disparóuselle a arma causando unha ferida na barriga á súa esposa que se atopaba embarazada. A muller está en estado tan grave que o máis probable e que non sobreviva.


1893, 10 de xaneiro. No sitio de Outide apareceu morto un xove de Cedeira. Tiña un perdigón debaixo do peito esquerdo, descoñecéndose se foi un descoido cazando ou un asasinato.


1895-Xuño-27. No Chan das Herbas (Negros) aparece morto Manuel Ramiro Álvarez Crespo natural de Cabeiro, coa cabeza esnaquizada cunha gran pedra. Foron detidos o seu irmán Constante, e a súa muller Teresa García, posta esta última en liberdade tras o pago dunha fianza de 2.500 pesetas. No xuízo, celebrado un ano despois, o reo foi declarado inocente e posto en liberdade. Á súa saída da Audiencia de Pontevedra varios veciños de Redondela tentaron linchalo e xa na vila tivo que ser protexido pola Garda Civil. O mesmo pasaría co cura e varios veciños de Cabeiro que ao chegar á vila tiveron que escapar por debaixo das viñas. A tensión era tal que o alcalde publicou un bando prohibindo os grupos nas rúas. Unha copla da época reflexa o sucedido:

En Cabeiro andan a tiros,

Constante matou a Ramiro.

En Cabeiro andan a paus,

Constante matou ó irmao.


1897, xaneiro. En Redondela pereceu afogado un home que, vítima dun ataque epiléptico, caeu ao río.


1897, 6 de febreiro. En Chapela atopábase podando Francisco López, cando de súpeto soou un disparo e unha bala atravesoulle o pescozo, resultando ferido grave. Crese que foi un veciño que discutiu con el e xurou vingarse. As autoridades detiveron a José Otero e Manuela López, sogros do ferido, e a Peregrina Rodríguez.


1898, 28 de novembro. Un incendio arrasou completamente unha casa en Redondela. Faleceron dúas nenas e a súa nai sufre graves queimaduras. O pai despois de traballar sen descanso por apagar o lume quedou trastornado e tentou poñer fin á súa vida.


1899, 30 de novembro. Carolina Vidal “a Costeira”, veciña de Quintela, en paradeiro descoñecido. Está acusada de infanticidio dun neno que deu a luz e apareceu afogado nunha praia preto de Redondela.


1900, 26 de maio. Atopándose na taberna de Bernardina Castro (en Quintela), Ramón Muíños e Manuel Barral, repatriados de Cuba, e Bienvenido Suárez e Castor Garrido, todos mozos daquela parroquia. Tamén había varios mozos de Redondela, entre eles Manuel Otero Alén e Francisco García Soliño co seu fillo Jesús. Por unhas sardiñas comezou unha discusión entre Muíños e Otero. A cousa pasou a maiores resultando Francisco García ferido grave por varias puñaladas en diferentes partes do corpo. Trasladado á súa casa faleceu pouco despois, sendo detido como presunto autor dos feitos, Manuel Barral.


1900, 31 de xullo. En Vilar faleceu un xove duns 21 anos que foi goleado cun pao na cabeza durante a romaría de Santiago na parroquia de Guizán. Caeu ao chan sen coñecemento e aínda que despertou dous días despois, faleceu a mañá do venres. Dise que o presunto autor deuse á fuga.

1900, 27 de setembro. No barrio de Alxán (O Viso), atopábanse cavando nunha trincheira Santiago Martínez, Francisco Martínez e Manuel Lorenzo, cando un desprendemento sepultou aos tres homes. Deseguido chegaron moitos veciños que tan só puideron sacar con vida a Manuel, aínda que con feridas moi graves.


1900, 22 de agosto. En Vilar de Infesta un porco matou a unha nena de 6 meses, coméndolle os dedos dunha man e parte da cara. Era filla dunha pobre coñecida como a “Palmera”.


1900, 31 de agosto. Cando volvía de Redondela para Vilar conducindo unha vaca, tivo a desgraza de que o animal acometeu contra un neno de curta idade deixándoo en bastante mal estado. Unha muller que acudiu en axuda do rapaz recibiu tamén algunhas cornadas.


1900, 1 de novembro. En Quintela, atopándose fora da súa casa a veciña Josefa Martínez realizando os seus labores, a súa filla dun ano de idade chamada Angélica, sufriu un accidente. Deixouna con tres nenas que debían cuidala pero a nena achegouse ao lume da cociña que lle prendeu na roupa. Aos gritos das nenas acudiu a nai que nada puido facer para evitar que falecera pouco despois.


1900, decembro. Por unha carruaxe cargado de gaseosas foi atropelado en Vilavella un neno de catro anos chamado Francisco Villar, que faleceu días despois por mor das feridas. Foron detidos os condutores Manuel Méndez i Eustaquio Gómez.


1901, 25 de xuño. En Cesantes unha anciá caeu dunha cerdeira falecendo por mor das feridas.


1901, 26 de xullo. No barrio da Igrexa na parroquia de Negros, o xove Antonio Garrido, de 15 anos, que hai pouco perdeu un perna, tropezou caendo contra a parede onde estaba colgada unha escopeta con perdigóns que se disparou. A mala sorte fixo que o tiro atinara na gorxa á súa irmá Rosa, de 12 anos, que se atopa moi grave. Hai pouco o seu irmán maior morreu atropelado por un carro.


1902, 9 de febreiro. En Redondela incendiáronselle as roupas a unha nena de curta idade, quedando en grave estado por mor das queimaduras.


1902, 22 de marzo. No río Carballo, preto de Redondela, apareceu o cadáver dun home que representa ter uns 60 anos de idade.


1902, 04 de xullo. O mozo José Fernández, de 18 anos, que montaba un cabalo de raza do país para domalo, tivo a desgraza de saír despedido. O desgraciado mozo faleceu aos poucos momentos a consecuencia do terrible golpe que recibiu no peito.


1902, 05 agosto. Pola Garda Civil de Redondela foi detido Manuel Pazos, veciño de Soutoxuste (O Viso), de 38 anos e tratante de gando, como presunto autor da colocación de dous cartuchos de dinamita na parede da casa do seu veciño, Manuel Joaquín Rodríguez. Un dos cales estoupou derribando parte da parede, sen que por fortuna houbera danos persoais. Á noite seguinte Manuel Joaquín faleceu atropelado por un tren, indicando todos os indicios que fora el o causante da explosión. O móbil era matar a súa muller e os fillos para casar cunha xove de Madrid coa que mantiña relacións facéndose pasar por solteiro.


1903, febreiro. Pereceu sepultado baixo unha masa enorme de terra que se desprendeu dun terreo a gran altura, o coñecido industrial e veciño de Cesantes, Jose Manuel Freire, cando este se atopaba extraendo xabre e area de dito terreo para conducir en carro a Redondela.


1904, xaneiro. Nunha devesa en Reboreda apareceu asasinada unha nena de 4 anos, desaparecida o día anterior da casa da súa nai Matilde Ricón, mentres esta saíra ao monte a coller toxo. O autor confeso é o mozo Ángel Freaza Míguez, veciño do mesmo lugar, ao que se ten por imbécil, quen penetrou na casa e sacando á criatura da cama tentou estrangulala, levándoa nunha cesta á devesa onde a rematou asestándolle cunha poda golpes mortais en peito e cabeza, deixándoa logo entre os toxos. Dise que por resentimentos coa nai, á que xa ameazara. O criminal fuxiu ao Viso, a casa dunha tía, onde foi arrestado.


1904, 18 de febreiro. En Vigo, o fotógrafo daquela localidade, Sebastián Marco asasinou á súa amante Matilde Lage, de Redondela, e despois se suicidou. Os cadáveres foron atopados por unha curmá da vítima, Teresa Figueroa, tamén de Redondela.


1904, 1 de marzo. En Coto Ferreiro, Cabeiro, apareceu morto Manuel Rodríguez, de oficio carpinteiro. O cadáver presentaba feridas na cabeza causadas cunha chave inglesa. O corpo estaba mollado polo que se cree que foi asasinado noutro lugar.


1904, 22 de xullo. Ante a Audiencia causa do xulgado de Lalín contra Casiano Penido Niveiros. O 16 de decembro atopábase na taberna de Carmen Iglesias "a Caneda", en Chapela, con Mariano Niveiros xogando as cartas con José Varela Losada e Ramón Cabaleiro. Despois dunha breve disputa polo pago do viño que perdera no xogo, o procesado ao saír disparou contra Cabaleiro causándolle unha ferida na parte inferior dereita no hipogastrio que necesitou 18 días para a súa curación.


1904, 29 de outubro. Varias persoas estiveron cortando millo nunha finca de José Amoedo e entre eles Luis da Riva e a procesada. Tomaron no campo un pouco de viño e na cunca de Florentina botou Luis unllas e cinza do cigarro, dicindo despois que ela estaba borracha. Xa de noite, cando ían cear na casa de Amoedo, ao entrar Luis, a Florentina, coñecedora do sucedido, botouse contra el dándolle unha labazada. A loita rematou cando Florentina lle asestou unha navallada que tardou 27 días en curar. A fiscalía pide 2 meses e 1 día e a defensa a absolución, baseándose en que a ferida causouna o propio Luis ao caer.


1905, 10 de febreiro. Por maltratar de obra á súa nai foi detido e posto a disposición do Xulgado, o mozo Urbano Casal Álvarez, veciño do barrio de Canedo (Reboreda).


1905, 15 de agosto. Estaba Generoso Otero Freire, de Ventosela, na festa de Reboreda falando con varias mozas. O seu veciño Manuel Regueira chamoulle a atención por falar coa súa noiva. Interviron amigos de ámbalas partes e agarráronse, sacando Manuel un coitelo que lle cravou a Generoso, quen resultou gravemente ferido. O irmán da vítima tamén sería levemente ferido. Manuel sería detido polo cabo de municipais, ingresando no cárcere.


1905, 23 de agosto. En Cedeira varios homes quixeron apoderarse dunha carruaxe de alugueiro golpeando ao cocheiro. Este defendeuse cunha navalla deixando a un gravemente ferido. A Garda Civil practicou varias detencións.


1905, 19 de setembro. Dolores Casal declarou ante o inspector xefe da policía de Vigo, que a nai da nena e María Bouzón encargáronlle que a conducira á Inclusa de Pontevedra e que se non cabía polo torno, a abandonase en calquera sitio aínda que fose retorcéndolle o pescozo. A declarante engadiu que foi a Pontevedra e como non cabía polo torno ao regreso abandonouna no monte preto de Redondela, recibindo da nai 20 pesetas. As tres mulleres ingresaron onte á noite no cárcere e a desgraciada criatura quedou depositada por conta da Alcaldía. Apesares de ter cinco anos de idade é raquítica, ten as pernas arquexadas e non representa arriba de dous anos.


1906, 31 de xullo. Dous estudantes de Menciña e Veterinaria, Florentino Pereira e José Carreira, aproveitando as vacacións levaron en coche ás súas noivas ás festas de Arcade. Á volta empeñáronse en dar un paseo nunha zona con vistas á Illa de San Simón. Ante a negativa das mozas que tiñan medo de chegar tarde, as levaron arrastras ata unha carballeira ameazándoas cun revólver. Unha delas defendeuse cunha pedra e escapou, pero na súa fuxida caeu por un desnivel onde quedou inconsciente ata o amencer, cando por fin logrou chegar polo seu pé ata a casa onde agardaban os seus pais. A outra moza apesares de defenderse, atáronlle as mans e os dous amigos abusaron dela mentres estaba desmaiada. Logo a montaron no coche e a deixaron preto do domicilio do pai, que rexenta unha farmacia. Dáse a circunstancia de que á nai da moza déronlle morte hai catro anos en Vigo, suicidándose o asasino. Florentino Pereira sería detido días despois no hotel que o seu pai ten en Oporto, onde despois sería posto en liberdade baixo a promesa de casarse coa vítima.

Y para compersarle el disgusto,

entiendo que es muy justo,

le pongan en Redondela

al frente de una escuela.


1906, 7 de agosto. Preto de Redondela o coche dun comerciante de Vigo atropelou ao labrego Antolín Alonso, ocasionándolle a morte.


1906, 10 de setembro. En Rande un coche atropelou a Antonio Alonso, de 65 anos. Trasladado a Redondela, faleceu ao pouco de chegar.


1907, 04 de abril. Un violento incendio destruíu en poucas horas a casa-comercio de Francisco Castro, na rúa Loureiro. Parece que o incendio foi casual, calculándose as perdas nunhas 8.000 pesetas.


1907, 31 de outubro. Comunican de Redondela que foi ferido gravemente cunha navalla o paisano Manuel Martínez, por José Castro, con saída dos intestinos.


1908, 4 de Marzo. Avaro morto. En Redondela atopouse, preto da finca "das de Mos" na estrada de Vigo, falecido por mor da fame e de frío un mendigo procedente de Portugal. Rexistradas as roupas que vestía encontráronselle nos petos preto de 3.000 pesetas en moeda portuguesa e algunha prata. Tiña arredor de 60 anos e resultou ser natural de Estacas (Fornelos).


            1908, 27 de Xullo. José García García "o Franqueiro", de 26 anos, de Amoedo, violou á moza de 18 anos Cándida García, considerada daquela como "imbécil" e, cando aquela o ameazou con dicirllo ao seu pai, depositario do Concello, afogouna tapándolle a boca co pano co que ela recollía o cabelo. No xuízo celebrado ao ano seguinte, foi condenado a 38 anos de cárcere.


1909, 5 de Febreiro. No sitio de Pousadouro apareceu morto o xove Perfecto Molinos. O cadáver atopábase tendido no chan sobre un cable de alta tensión. Sospeitase que a morte se produzo por efecto dunha descarga eléctrica. Era natural de Redondela, solteiro, de 27 anos e de oficio albanel. 

 

 

Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Gaceta de Galicia, El Diario de Pontevedra, La Integridad, El Progreso, El Regional, El Lucense, La Correspondencia Gallega, El Pueblo Gallego, Correo de Galicia...

www.boe.es => Gaceta Oficial de Madrid

www.consellodacultura.gal => Eco de Galicia (A Habana)

No Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es => El Correo Salmantino, La Correspondencia de España, El Lábaro (Salamanca)...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Globo (Madrid), El Liberal, El Día (Madrid), El Correo Español, El regional

La Voz de Galicia => http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Faro de Vigo => Hemeroteca.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario