1936. Cura de Redondela. Recorte de foto. |
No período comprendido entre finais do século XIX e principios do XX, atopamos varias noticias referentes a os curas de Redondela que non deixan de ter a súa gracia.
Dous tiran especialmente a matar. Serían publicados en 1885 en El Motín, xornal madrileño que debía ser tremendamente anticlerical, tendo en conta estas publicacións:
Regresaba
o párroco de Redondela de administrar o Viático a un enfermo, cando
divisou na
rúa a unha moza falando co seu noivo, a cal, xa sexa
por distracción, ou por levar un balde de auga na cabeza ou porque
non lle deu a gana, non se axeonllou ao pasar o corvo.
Nada dixo este en aquel instante, mais en canto chegou á igrexa
subiu ao púlpito e puxo á aludida como "chupa de
dómine" excitando aos fieis contra ela. E como algúns destes
supoñían que aquela rabia puidese moi ben explicarse por certos
desaires que a moza en cuestión fíxolle noutro tempo, non produciu
a "filípica" o efecto desexado. Valese máis que esa
energúmena cascuda obrase recatadamente coa súa ama,
sobriña, criada ou o que sexa, e se adicara a socorrer enfermos ou
aliviar pobres ás horas que perde no
teatro.
E din que dixo o "presbiteroide" José, nunha novena que celebraba en Santa Mariña (Redondela): «Hoxe é o último dia que vos digo a novena, pois onte dixestes que estaba bébedo; e así, xa que estou bébedo, buscade outro que volo faga peor, digo mellor.» Non sabia que este cura se emborrachaba; pero cando el o confesa...
Poucos anos despois, en 1892, un suceso foi cuberto por numerosos xornais da época.
O cura de Vilavella negoulle sepultura a un morto e dous días despois o corpo continuaba sen enterrar. Tratábase do inspector de ferrocarril José Barral. Nun primeiro momento os medios máis progresistas aludiron a motivacións políticas ao tomar esta medida tan radical: “o finado era antigo servidor dos Marqueses de la Vega de Armijo, e fora durante moitos anos cocheiro da casa”. O Marqués, Antonio Aguilar y Correa, era propietario do Castelo de Soutomaior e durante cinco décadas un destacado político do Partido Liberal, ostentando en varias ocasión a presidencia do Congreso.
Para saír ao paso destas acusacións, e ante os enfrontamentos da familia do finado e o sacerdote, tivo que terzar o Bispo, que asumiu que fora el quen lle ordenara ao párroco: “...que oficiase á autoridade civil para que esta se fixese cargo do cadáver, e non permitira que fora enterrado no cemiterio católico o que renegou en vida toda clase de relacións coa igrexa, nin cuidou de cumprir os deberes máis elementais do cristianismo.” Esta decisión baseábase en que: “...hai catorce anos que non confesaba nin comulgaba nin asistía a misa os días de precepto. A estes motivos, abondos por si sós, unha vez que non deu o aludido sinal de arrepentimento,para a grave determinación do revendísimo Prelado, engadiuse que o morto opúxose durante anos, e ata no derradeiro, a que o párroco penetrara na súa casa a cumprir coa piadosa práctica da Bendición Pascual e sempre amosou manifesto noxo aos Sacramentos da Igrexa, como proba o feito de ter un fillo 3 anos e sen bautizar, permitindo, ao fin, que o seu fillo recibira o Santo Bautismo, non pola fe no Sacramento, se non por condescendencia coas persoas que llo rogaron. ”.
A toda esta vida pouco contemplativa engadíase o agravante de que tampouco amosara arrepentimento na enfermidade que o levou á morte: “... ningún aviso se deu ao Ecónomo, nin deste se solicitou auxilio espiritual algún para o moribundo. Cando o encargado da parroquia tivo noticia do falecemento foi ás nove da mañá por conduto do médico sr. Queimaliños”.
Os curas tampouco eran os culpables de todo e tiñan os seus propios problemas:
“... o cura párroco de Redondela negouse a celebrar a función do día da Concepción si o Concello non lle pagaba tres mil e pico reais que viña debendo dende Semana Santa. O alcalde ante esta ameaza e por temor ao escándalo pagou a débeda”. (1891)
Outra ameaza que sufrían era os intentos de furtos e timos:
“Damos a voz de alerta aos señores Párrocos, Coadxutores, Ecónomos e demais encargados de igrexas, ermidas..., porque sabemos que por estes arredores anda certo paxaro que se chama dorador de obxectos de culto, e que roubou a un párroco un cáliz de prata co pretexto indicado. O individuo en cuestión para sorprender mellor, exhibe certificados de párrocos (non deste bispado) onde consta que é de todo proveito. Non se deixen enganar”. (1893)
“Foi detido en Redondela José Casqueiro Amoedo, veciño de Calvos, en Fornelos como autor de estafa de diñeiro ao presbítero da parroquia de Reboreda, Manuel Fernández, e ao abade da mesma parroquia Manuel Ucha”. (1915)
Por sorte para eles sempre podían recorrer á xustiza:
“Por blasfemar ao paso dunha procesión foi denunciado ao xulgado municipal de Redondela, o cocheiro Antonio Sande”. (1908)
O malo é que non sempre estaba do seu lado:
“Sentenza absolutoria na causa contra Manuel Casal, de Redondela, por inxurias contra o cura de Trasmañó”. (1912)
Pobriños os nosos curas, que mal o pasaban naqueles tempos! (Modo ironía) Non é de estrañar que a algún se lle levantara o sentido:
“O cura de Redondela, Juan Álvarez, deulle unha labazada en público ao ancián José Angulo, promovéndose por tal motivo un forte escándalo. No medio de gran tumulto, o pobo pedía a detención do cura, tendo que intervir a garda civil. Témense novos disturbios”. (1913)
Autor: J. Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Motín, La Justicia (Madrid), El Siglo futuro
La Voz de Galicia
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Gaceta de Galicia, El Lucense, La Voz del Pueblo, El Diario de Pontevedra, La correspondencia gallega, El Correo de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario