lunes, 27 de febrero de 2023

Crónica Negra (1931-1950)

 

1931, 4 de agosto. Avelino Barrera González, ambulante, natural de Redondela e veciño de Salcedo, foi ferido dun disparo cando tentaba roubarlle o coche a un veciño de Leiro (Ribadumia), quen puxo os feitos en coñecemento da benemérita de Cambados.


1932, xaneiro. Na fonte da Ribeira tres mozos, un deles bébedo, intentaron abusar dunha servinte, acudindo os veciños a auxiliala.


1932, 3 de xaneiro. Atopándose Benigno López Chapela nunha taberna que en Chapela ten María López, entrou Manuel Castro Castro, que días antes tivera un altercado con aquel na mesma taberna, sacou un coitelo e deulle unha puñalada, falecendo á noite seguinte.


1932, xullo. O turismo que conducía Manuel Iglesias Pérez atropelou no alto de Cesantes á nena de catro anos, Carmen Bastos Barreiro, que sufriu unha fractura na base do cranio, falecendo pouco despois.


1932, 10 de agosto. Na estrada de Prado a Pazos de Borbén o veciño de Pías (Ponteareas), Claudio Bernárdez Bugarín, quixo subir a unha furgoneta cargada de piñeiros propiedade do veciño de Saxamonde Constantino Rodríguez Barciela. A camioneta estaba en marcha e caeu debaixo dela, pasándolle as rodas por riba das pernas, causándolle feridas graves. Despois de ser curado na Casa de Socorro de Ponteareas foi trasladado ao Hospital de Pontevedra onde faleceu.


1933, xaneiro. O día 20 pola noite foron colocadas varias bombas no barrio de Rande. Estouparon dúas que provocaron pequenos danos materiais nas casas de Manuel Cabaleiro e Carmen Rodríguez. Unha terceira causou danos por valor de máis de mil pesetas. Sospéitase que este suceso forma parte da presión que veñen sofrendo ás obreiras que traballan na fábrica de Portanét en Vigo.


1933, 14 de xullo. Faleceu afogado en Redondela, o veciño Félix Barral Otero, de 13 anos. Mentres se bañaba, crese que unha das veces que se botou á auga feriuse na cara, perdendo o coñecemento.


1933, 1 de setembro. Na vía férrea de Redondela a Vigo, á saída do primeiro túnel, foi atopado envolto nuns papeis un feto duns cinco ou seis meses en avanzado estado de putrefacción.


1933, 30 de decembro. Fai uns días rifaron Encarnación González e Ricardo González, porque ela cunha filla de 16 anos chamada María lavaba a roupa nun pozo que Ricardo pretendía cegar. Durante a disputa Ricardo golpeou a María no ventre e faleceu onte a noite. Practicada a autopsia, o médico forense ditaminou que a morte foi natural. A veciñanza da parroquia de Quintela, onde vivía María, esta indignado por crer que a rapaza faleceu por mor dos golpes de Ricardo. O Xulgado intervén no asunto.


1934, 21 de marzo. Un automóbil ocupado polo alcalde da Garda e varios concelleiros, atropelou en Outeiro das Penas, Cesantes a Julia Táboas, de 38 anos, solteira, deixándoa morta. Hai algún tempo a súa nai falecera atropelada por un tren.


1934, 7 de abril. A Benemérita detivo ao demente Juan Paz, fugado do Manicomio de Conxo. Estaba recluído por sentencia da Audiencia de Pontevedra, por asasinato dunha veciña súa. No momento de ser detido, montaba nunha bicicleta, e acompañáballe un portugués, que se deu á fuga. O xefe do cárcere non se comprometeu a recibilo, por inseguridade da mesma, quedando nos calabozos municipais.


1934, 14 de agosto. Un neno faleceu afogado no Muro. Francisco Montero Cabaleiro de 15 meses de idade era cuidado por unha nena menor de idade cando nun descoido caeu nun lavadoiro. Era fillo de Francisco Montero e Cándida Cabaleiro.


1935, 17 de xaneiro. Na casa de hóspedes de Redondela, chamada La Choqueira, apareceu morto, nunha habitación, un individuo, que semellaba obreiro sen traballo. Atopóuselle unha cédula persoal a nome de José Basanta Chan, de 47 anos, solteiro, fogoneiro, natural de Ferrol. Segundo o informe médico, a súa morte foi natural.


1935, 8 de febreiro. Esta mañá faleceu en medio de grandes dores, Angelita Amoedo Ruiz, de 26 años, natural de Redondela no momento na que a atendía la botadora de cartas Rosa Moreras. Crese que a morte foi producida por un abortivo que lle proporcionou non se sabe quen. O Xulgado intervén no asunto.


1935, 16 de marzo. Falece no incendio da súa casa na Quintana (Reboreda), o labrador Santos Ricón Míguez “Chiculate”, de 76 anos. Era viúvo e paralítico.


1935, 2 de maio. Celebrouse unha carreira ciclista en Redondela. Ao chegar os corredores á meta o coche do xurado quixo adiantalos, índose contra un grupo do público e atropelando a dezaseis persoas na súa maioría nenos. Resultaron feridos graves Isidoro Buceta, Castor Castro, Antonio González, e Marcial Pereira. Os demais menos graves.


1935, 28 de agosto. José Benito Míguez Amoedo, de 19 anos, veciño de O Coto-Cesantes, matou dunha pedrada ao seu pai Vicente Míguez Posada, quen o atacou cun coitelo de grandes dimensións. Eran continuos os altercados entre os dous porque o pai maltrataba a toda a familia, especialmente á súa dona Elisa Amoedo Otero. O falecido tiña mal carácter, segundo din por mor dunha enfermidade crónica. Estivera en América de onde regresou hai un ano, adquirindo débedas que descoñecen os familiares. José Benito foi detido.


1935, 13 de decembro. Nunha praia de Chapela atopouse o corpo do empregado de Telefónica, Alejandro Rojo, casado, de Victoria, de 47 anos de idade. Acudiron ao lugar o xuíz, o actuario Sr. Pintos, o oficial Sr. Pereira e o forense Sr. Torrado. A autopsia determinou que a causa da morte foi a asfixia. Crese que se trata dun suicidio porque días antes se despedira dos seus compañeiros de traballo.


1936, 7 de xaneiro. Á saída de Pontecaldelas precipitouse por un barranco unha camioneta cargada de aves. Dous dos ocupantes saíron despedidos sufrindo feridas leves. O terceiro, Luis Iglesias Domínguez, de 21 anos, natural de Ourense e veciño de Redondela, foi trasladado ao Sanatorio Marescot en estado crítico, falecendo ao día seguinte.


1938, 4 de xaneiro. En Angorén (Chapela), un automóbil atropelou á veciña Blanca Rivas, de 24 años, solteira, que faleceu no acto a causa do golpe recibido na cabeza, con saída de masa encefálica. No lugar atopábase o mozo da falecida, o sarxento de Artillería Angel López Corbal, de 25 años, quen saíu co seu automóbil en persecución do coche que cometeu o atropelo. Apiques estaba de darlle alcance, cando o paso dunha caravana automobilista procedente da Coruña evitou que identificara ao condutor.


1938, 7 de xaneiro. Faleceu en Cesantes a xove Dolores Crespo Míguez, de 17 anos, atropelada por un automóbil que se deu á fuga.


1938. Os familiares dun finado solicitaron a exhumación do cadáver por botar a faltar un obxecto valioso. Tan estraña petición foi concedida, e cal sería a súa sorpresa ó comprobar que ao morto faltáballe o traxe. Despois descubriuse que fora o sepultureiro municipal quen llo roubara.


1941, 31 de marzo. Incéndiase un almacén de materias inflamables que os propietarios da fábrica EIMA, lle tiñan alugado a Lloves, co resultado de varios mortos.


1942, 15 de xullo. Nunha canteira dos estaleiros de “Lorenzo y Compañía” sita no lugar do Espiñeiro, en Guixar, o contratista Antonio Costas Bugarín estaba colocando un barreno, que fixo explosión alcanzándoo, así como ao obreiro Herminio Rodríguez, de Chapela. Horas despois faleceron os dous a causa das feridas recibidas.


1942, 4 de agosto. Un automóbil atropelou no Pereiro a Preciosa Cabaleiro Vidal, causándolle fracturas de brazo e cranio. Foi trasladada a Pontevedra para o seu ingreso no hospital, pero dada a gravidade do seu estado foi levada á súa casa do Viso onde faleceu. A finada deixa tres fillos de curta idade.


1946, 6 de maio. Cando se atopaba en Redondela subido a un poste do tendido eléctrico sufriu unha descarga o empregado Manuel Ochoa Castiñeira, caendo ao chan e sufrindo tan graves lesións que falecería pouco despois.


1946, 25 de xuño. Manuel Rodríguez Fernández, veciño de Chapela, faleceu no acto ao caer dun terceiro piso cando traballaba nunha casa en construción no barrio de Espiñeiro.


1946, 31 de xullo. Polas forzas de Carabineiros de servizo no peirao de tras-atlánticos de Vigo descubriuse flotando o cadáver dun afogado. Resultou ser Serafín Reboreda Blanco, veciño de Redondela, de 62 anos. Suponse que caeu ao mar unhas horas antes.


1948, 18 de agosto. No serradoiro de Adriano Miranda, en Guixar, resultou con feridas graves e fractura da base do cranio por mor dun accidente o obreiro Crisanto Rivas Domínguez, de 37 anos, que faleceu pouco despois de ser conducido á súa casa en Chapela.


1950, 13 de xuño. Un mozo de Vigo perece afogado no “Pozo” ao tentar salvar ao seu irmán, que sería rescatado por un amigo.


1950, 22 de agosto. Aos 37 anos de idade, faleceu en Redondela, vítima de tráxico accidente, o debuxante valenciano Pascual Llop.




Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Gaceta de Galicia, El Diario de Pontevedra, La Integridad, El Progreso, El Regional, El Lucense, La Correspondencia Gallega, El Pueblo Gallego, Correo de Galicia...

www.boe.es => Gaceta Oficial de Madrid

www.consellodacultura.gal => Eco de Galicia (A Habana)

No Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es => El Correo Salmantino, La Correspondencia de España, El Lábaro (Salamanca)...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Globo (Madrid), El Liberal, El Día (Madrid), El Correo Español, El regional

La Voz de Galicia => http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Faro de Vigo => Hemeroteca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario