sábado, 19 de abril de 2025

Festas de Redondela: O Samaín

 

 

Foto: J. Migueles

        A celebración celta do día dos defuntos foi recuperada no casco urbano de Redondela a principios do presente século pola asociación Xoeira. Suporía unha exaltación da nosa historia fronte o Hallowen estadounidense. Nas primeiras edicións se organizaban na Alameda Castelao obradoiros, xogos populares e magosto, rematando a festa con queimada e gaitas. Posteriormente asumiría a organización o Concello, variando a programación cada ano e afastándose desta iniciativa.


        O que sabemos de antes desta recuperación é por aportes orais. Na época da posguerra, apesares das carencias, había nenos e nenas que baleiraban cabazas ou calacús e prendían a vela no seu interior para colocalas en muros ou en canastros que estiveran á beira dos camiños. Marcelina Túnel tamén conta que ademais das cabazas poñían sabas brancas.


        Nos anos 60, Félix Cal lembra que era costume: “nas columnas das escaleiras de detrás do Adro, poñer cadansúa cabaza cunha vela dentro. Logo, algúns nenos subiamos ó campanario da igrexa e asabamos castañas nunha lata de marmelo furada, mentres nos turnabamos para tocar as campás polos defuntos”.


        Grazas a Antonio Ricón Rodríguez coñecemos unha historia que lle contaba a súa avoa materna Carmen López Ochoa: “Na noite de defuntos, a mocidade da súa época adoitaba ir a facer unha castañada e festa ao Campo das Redes. Noite de troula e esmorga. Pois en certa ocasión, nunha desas noites, unha amiga da minha avoa xa se retiraba para a súa casa cando viu a un home sentado baixo o peto das ánimas do Campo Santo coa cabeza baixa e cunha boina. A moza, como xa vinha de beber uns vinhos da festa, quixo facerlle unha broma e tiroulle a boina, levándoa con ela entre risos. Resulta que esa mesma noite ,e durante unha semana, ese home aparecéuselle en soños como un pesadelo, atormentándoa e reclamando a súa pertenza. A moza xa estaba preocupada e foi falar co párroco quen lle dixo que en certa noite e a certa hora, debía volver ao peto das ánimas e sen dirixirse a el, tinha que poñerlle a boina devolta na súa cabeza, rezar varias oracións e e prenderlle candelas durante unha semana porque era unha alma en pena que non encontrara o seu camiño ao máis alá. A moza foi a aquel encontro chea dun medo profundo e alí estaba, coa cabeza baixa, sen apenas vérselle o rostro. Ela achegouse, púxolle a boina na cabeza, fixo os rezos, prendeu as candelas e fuxiu correndo para casa. Desde entón, o home deixou de se lle aparecer en soños e nunca máis a atormentou”. Debía ser un conto popular da vila porque Alfonso Calvo tamén lembra que a súa avoa tamén o contaba dando os nomes e apelidos da moza e o cura.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo

Aportes Nacho Lueiro, Teresa Muíños Lago, Marcelina Túnel, Félix Cal, Antonio Ricón e Alfonso Calvo.

Aportes orais.


No hay comentarios:

Publicar un comentario