![]() |
| Casa de Postas do Viso. Foto: J. Migueles |
No Camiño de Santiago pola parroquia do Viso atopamos unha Casa de Postas que acaba de ser restaurada e convertida en albergue de peregrinos. Na súa fachada podemos distinguir a data de 1717 no portalón de entrada e a fiestra que era empregada para o intercambio de mercancías. A restauración foi bastante respectuosa coa estrutura do edificio empregando materiais modernos que combinan perfectamente co granito dos muros. No seu eido cabe destacar tamén un pozo e un canastro (hórreo) de pedra.
Localización: 42.316518,-8.607580
Unha Casa de Postas era unha pousada onde faría parada as dilixencias de pasaxeiros e os arrieiros, que transportaban todo tipo de mercancías. Aquí descansaban os pasaxeiros e podían trocarse os cabalos e mulas por uns frescos, algo fundamental para o servizo de correos. A distancia entre unha casa e outra rondaba os 20 quilómetros e un xinete podía percorrer ata 200 ao día grazas ao cambio de montura.
![]() |
| Fiestra de atención ao público. Foto: J. Migueles |
![]() |
| Data no lintel da entrada. Foto: J. Migueles |
O servizo postal en España remóntase a época romana, se ben é certo, que ata o século XV mantívose como un servizo exclusivo da Casa Real. A principios do século XVI, o Rei Felipe I “El Hermoso”, creou o oficio de Maestro mayor de hostes, postas y correos de su real corte, reinos y señoríos, quedando así regulado o servizo de postas para o transporte do correo, tamén particular, e as viaxes de altos cargos. O servizo iríase ampliando e mellorando nos séculos seguintes, sendo o método de transporte máis rápido ata a chegada do tren no século XIX.
As casas de postas caracterizábanse, como esta do Viso, por estar á beira dun camiño principal (aquí coinciden o Camiño Real e o Camiño Portugués de Santiago), ter unha ventá que facía as veces de mostrador para atender aos viaxeiros que nin baixaban do cabalo e por ter un patio central con fonte ou pozo para saciar a sede de viaxeiros e animais. Tamén contaban con habitacións para os viaxeiros e cortes para os cabalos.
![]() |
| Casa de postas, vista do patio. Foto: J. Migueles |
Outras casas que se conservan na unión deste camiño co Ribeiro serían a do lugar do Galeón, en Covelo, e a de Ceo (Mondariz), preto da Ponte de Cernadela. A pesares de existir casas de postas en moitos camiños históricos, é un tipo de construción que carece de protección legal polo que moitas delas permanecen en estado de total abandono, correndo mellor sorte as que son reconvertidas en Casas de Turismo Rural.
A Biblioteca Nacional de España adquiriu en 2019 o considerado Primeiro Mapa de Postas de España ou, o que sería o mesmo, a primeira guía de transporte público de España. Foi confeccionado en 1721 polo cartógrafo francés Hubert Alexis Jailot (1632-1712), sendo publicado en París baixo o título “Mapa de Alexis-Hubert Jailot. L´Espagne divisée en tous les Royaumes ses Principantés, Oú sont exactament Recuellies et Observées toutes les Routes de Posta d´Espagne, sur les Memories des Courriers Majors de Madrid”. Neste primeiro mapa xa aparece a Casa de Postas do Viso.
![]() |
| 1721. Mapa de Jaillot. BNE |
![]() |
| 1721. detalle do Mapa de Jaillot. BNE |
Haberá que agardar ata 1760, para que un cartógrafo español, Tomás López, debuxe o “Mapa de las Carreras de Postas de España...".
![]() |
| 1760. Tomás López. Mapa de las carreras de Postas de España. BNE |
Se realizamos o camiño de Santiago á inversa á altura do Parque do Loureiro, na parroquia de Cesantes, na outra beira vemos un muro. Por aportes orais sabemos que era o peche da casa de postas máis antiga e que pertenceu á Raíña Dona Urraca. Esta é unha personaxe histórica vinculada con todo tipo de lendas por toda Galicia. Crese que isto podería explicarse co uso do nome para referirse a unha muller da alta sociedade ou de certa relevancia.
Tan só se conserva un tramo do muro e non atopamos ningún indicio de que alí houbera unha casa. Outra curiosidade que se conta é que un oco que existe no muro empregábase para o intercambio da correspondencia.
Localización: 42.311335, -8.604669.
![]() |
| Muro da suposta antiga Casa de Postas. Foto: J. Migueles |
![]() |
| Fenda no muro da suposta antiga Casa de Postas. Foto: J. Migueles |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Alberte Reboreda. Arrieiros somos... Casas de postas no camiño desde Redondela ao Ribeiro. Faro de Vigo. Faro Cultura, 17 de febreiro de 2022.
Visitas guiadas. Xurxo Constela (A Citania S. L.)
Aportes: Xosé Couñago.
Biblioteca Nacional de España
https://www.bne.es/es/noticias/0513-bne-adquiere-primer-mapa-espana-postas
https://bnedigital.bne.es/bd/card?oid=0000000962&site=bdh
El antiguo Régimén de España
https://antiguoregimen.com/as-carreiras-de-postas/
Eduardo Rolland. Galicia, no primeiro mapa de postas. Gciencia.
https://www.gciencia.com/retro/postas-galicia/
Red Jaén. Francis.
http://www.redjaen.es/francis/?m=c&o=140861&letra=&ord=&id=140862
Órgano Oficial de la Agrupación Filatélica y Numismática de Calp. José Ivars Ivars
https://ifacfilatelico.blogspot.com/2019/05/el-primer-mapa-de-postas-de-1721-hace.html









No hay comentarios:
Publicar un comentario