sábado, 18 de abril de 2020

Igrexa de Chapela

Proxecto de Antonio Palacios
        A derradeira igrexa construída en Redondela é a da parroquia de Chapela, polas pequenas dimensións da antiga. O seu moderno deseño contrasta con estilos como o románico ou o barroco aos que estamos máis afeitos os galegos. Pero o que moita xente non sabe é que en 1944 xa se iniciaran os traballos para a construción dunha igrexa deseñada polo célebre arquitecto porriñés Antonio Palacios. Na imaxe adxunta podemos ver o proxecto conservado no arquivo do Concello.
        O Arcebispo de Valladolid e administrador apostólico de Tui, Antonio García García aprobou os planos. Como contratista das obras figuraba José Mouriño, de Vigo. En agosto colocábase a primeira pedra e dan comezo os primeiros traballos. Chegan doazóns de varias vilas que son recollidas na Casa Reitoral de Chapela e na redacción de Galicia Social.
        Chega novembro e cando os obreiros ao levantar unha roca de grandes dimensións atopan dous machados prehistóricos de 720 e 540 gramos. A construción da igrexa suspéndese para realizar un estudo en profundidade. Poucos días despois un xornal de Vigo asegura que os traballos continúan, a cimentación atópase practicamente rematada e a Comisión pro-templo continúa a recibir numerosas doazóns.
        A realidade sería ben diferente e a igrexa nunca chegaría a construírse por mor da falta de financiamento e o falecemento do arquitecto Antonio Palacios.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
19440821/ 0911/ 1113 Hoja oficial del lunes-igrexa
19441110 El compostelano

No hay comentarios:

Publicar un comentario