domingo, 19 de abril de 2020

Carolina García Tenreiro. A primeira concelleira

          Carolina García Tenreiro foi a primeira muller Concelleira de Redondela, tomando posesión o 13 de novembro de 1934. Naceu na provincia da Coruña, probablemente en Neda e chegou a Redondela polo seu traballo como mestra. Militaba no Partido Radical. A súa primeira intervención faría referencia aos excesos de velocidade dos coches ao seu paso pola vila. Noutros plenos reclamaría o abono da indemnización de casa-habitación aos mestres do partido e denunciaría o estado ruinoso dunha casa e, noutra ocasión, dunha fonte. Solicitou a excedencia no traballo para adicarse de pleno á política pero foi denegada en marzo de 1935. Ese mesmo ano, xunto ao alcalde e outros concelleiros, formou parte da comisión da festa da Coca, que non se librou da polémica. No xornal El País do 24-6-1935, denúnciase nun artigo que "incumprindo as disposicións do goberno da República sobre a laicidad, o alcalde en funcións, Juan López Sobrino, a señora concelleira, García Tenreiro; varios concelleiros; e o secretario do Concello, participaron na procesión da Festa da Coca". En decembro de 1935 presentaría a dimisión como concelleira.
           O seu periplo na educación comezara en 1907, cando foi nomeada mestra interina da escola mixta de Aranza (Soutomaior), praza á que renuncia en outubro de 1909 por problemas de saúde. En 1912 volta como sustituta a esta escola, presentando novamente renuncia en abril de 1914, pasando á de nenas de Marín. Despois seguiría como substituta en Codeseda (A Estrada) e Salceda de Caselas. A finais de 1916 foi nomeada mestra de Guláns (Ponteareas), alí púxose a mal co párroco quen a levou aos tribunais. O xornal "El Tea" conta que a sentenza non sería cumprida por presións de arriba pero o cura xunto co deputado Sr. Barrón, conseguiron que o seu nomeamento como mestra de Guláns quedara sen efecto.
           En agosto de 1918 sería nomeada mestra substituta en Vilaboa. Logo exercería en Chaín (Pontecaldelas), entre maio de 1921 e xuño de 1926, cando foi nomeada mestra de Santo Paio de Arriba (Reboreda).
           Como a moitos outros mestres, sufriu un proceso de depuración, sendo suspendida de emprego e soldo o 1-9-1936. En novembro de 1937 chega a publicarse: "La Sección interesa de doña Carolina García Tenreiro, Maestra de Sampayo de Arriba, el envío de documentos para su expediente de jubilación por imposibilidad física", apesares do cal e reposta en abril de 1938. Continuaría ensinando en Reboreda ata a súa xubilación en 1943.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002
Mulleres redondelás. Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade.
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Noticiero Gallego (Pontevedra), El Correo de Galicia (Santiago), La Correspondencia Gallega, El Diario de Pontevedra, El Tea, El Pueblo Gallego (Vigo).
No Centro Superior Bibliográfico de Galicia: http://www.csbg.net/ => El País.

No hay comentarios:

Publicar un comentario