jueves, 16 de abril de 2020

Falecemento dun carabineiro en Endarlatsa.

1ªhomenaxe realizado en 1907 ArquivoAurelio Rodríguez

         Bera é un concello de Navarra que permaneceu a meirande parte do tempo en mans carlistas durante a 3ª Guerra Carlista (1872-1876). A súa proximidade á provincia de Guipuzcoa, provocou que se convirtira nun lugar de continuos conflitos. A ponte de Endarlatsa era estratéxica, pois cruza o Bidasoa, sendo o límite natural entre as dúas comunidades. O xeneral ao mando do exército liberal de Norte, Ramón Nouvilas, ordenou daquela defender esta posición.
         O 23 de abril de 1873 o coronel Tejada comezou a fortificación da ponte de Endarlatsa para a súa defensa e xa ao día seguinte de comezar as obras foi atacado polas faccións de Manuel Ignacio Santa Cruz Loidi "Cura Santa Cruz" e outras, en total uns 600 homes, que obrigaron ao coronel Tejada a mobilizar a toda a súa columna para afastar aos carlistas da ponte.
         Cando por fin logra rematar as obras estas consisten simplemente en reforzar unha casa na que residía o encargado de cobrar o imposto de peaxe aos carros. A este improvisado forte foi destinado un destacamento de miqueletes guipuscoanos. Serían substituídos por un corpo de carabineiros formado por un oficial e 40 homes, poucas forzas, que o 4 de xuño foron sitiadas no forte pola partida do Cura Santa Cruz. Finalmente a posición sería tomada e dos carabineiros liberais 35 resultaron mortos, dos que, cando menos24, foron enterrados no cemiterio de Bera. Tan só seis se salvaron, dous fuxindo pola estrada e catro cruzando a nado o Bidasoa. A ponte sería derrubada ao día seguinte. Na listaxe de falecidos aparece:
        Juan Pazos Táboas, Carabineiro da Comandancia de Guipúzcoa, de 50 anos de idade, Natural de Redondela provincia de Pontevedra. Casado con María Palmas.

Monumento destruído en 1936. Foto: labasquebondissante.blogspot.com.es
         Os falecidos non serían esquecidos, xa no Heraldo de Zamora do 8 de agosto de 1898: “[…] en el tronco de un hermoso castaño que desde algunos metros arriba en la falda de la montaña parece extender sus ramas sobre el lugar de la ejecución, ha grabado un sencilla memoria […] Dice así: Fusilamiento de Carabineros - Día 4 de Junio – Año 1873 – R.I.P”.
          En 1903 a unha das rúas de Irún déuselle o nome de "Mártires de Endarlaza". En 1907 constrúese un monumento na súa memoria que sería destruído en 1936 e reconstruído en 1940. Despois dun continuo deterioro e o seu desmantelamento po mor de obras na estrada sería restituído no 2009, e alí segue coa listaxe de mortos onde aparece este redondelán.

Monumento actual. Foto: labasquebondissante.blogspot.com.es
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Bera, enterramientos 3ª Guerra Carlista 1872-1876. por Aurelio Gutierrez. https://oroimena.bera.eus/es/author/aurelio/
La vida pasa. Blog de Aurelio Gutiérrez Martín https://aureliogutierrez.blogspot.com.es
Fusilamientos de Endarlatza: Crónica de un desastre anunciado. Hechos, Anécdotas y Relatos de las Guerras Carlistas; por Jesús Arrate. http://mikelatz.blogspot.com.es/2016/12/los-fusilamientos-de-endarlaza-cronica.html
La Basque Bondissante. Blog de Juli Gan. https://labasquebondissante.blogspot.com/

No hay comentarios:

Publicar un comentario