jueves, 16 de abril de 2020

As medallas dos concelleiros, o bastón de mando e o estandarte de Redondela.

1936. O alcalde Francisco Cunqueiro e os concelleiros coas medallas. Foto cedida pola familia  de Dula Reboredo
1936. O alcalde Francisco Cunqueiro e os concelleiros coas medallas. Arquivo Dula Reboredo
       

Calquera que asistira a unha procesión en Redondela tivo a ocasión de ver as medallas que os concelleiros portan nestas celebracións. Pero case ninguén coñece a orixe desas medallas. Pois ben, anunciado o paso por Redondela do rei Amadeo I de Saboya, a Corporación Municipal reunida en sesión celebrada o 18-8-1872, con asistencia dos concelleiros José Otero Martínez, Manuel Alfaya Lamas, Salvador L. Barros, Jose Benito R. Arango, Pedro Lago, José Cabaleiro, Manuel Ricón Sánchez, Francisco Campelos, Fernando Monroy, Juan Pérez Soto e Ramón Queimaliños, e actuando como secretario Ramón Barbeito. Decidiron facultar ao alcalde Ramón Francisco Pardo Ferro para mercar unhas medallas cos gravados do escudo da vila e no reverso “Año 1872”, para que luciran os concelleiros na recepción. Nos anos sucesivos estas medallas serían empregadas polos concelleiros nos actos oficiais e, como non, en todas as procesións nas que participaron.

Segundo publicou Rodrigo R. Muñoz no Faro de Vigo, o bastón de mando foi mandado facer no mesmo ano que as medallas. O único pero a esta afirmación é que unha descendente de Manuel Pérez Rivas “O Corvo”, nomeado alcalde de Redondela en tres ocasións (1897, 1900 e 1909), conserva o bastón de mando de Redondela que lle foi regalado cando este emigrou a Arxentina. Sexa coma sexa na empuñadura de ouro do bastón que se conserva no Concello pódese ler: “Alcaldía constitucional de Redondela”. Os sucesivos alcaldes usaron este bastón con esa lenda incluso durante a ditadura franquista, período sen ningunha Constitución vixente. O único alcalde que usou outro bastón sería Xaime Rei, que adoitaba pedir prestado un fermoso bastón tallado polo ebanista Sesé Fernández para participar nas procesións.

 

Bastón de mando conservado por Genoveva Loureiro

Bastón obra de Sesé Fernández. Foto: J. Migueles
Bastón obra de Sesé Fernández. Foto: J. Migueles

O estandarte ou pendón da vila, tamén é de 1872 e foi un dos elementos a ter en conta para establecer o escudo e a bandeira oficiais do Concello de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/o-escudo-e-bandeira.html ) Tradicionalmente o portador nas procesións adoitaba ser un concelleiro ou tenente alcalde, se ben é certo que actualmente hai varios partidos que se opoñen a representar ao Concello en actos relixiosos. O acompañamento dos maceiros ao estandarte, foi unha innovación de principios do 90 do pasado século. Estas figuras e a súa vestimenta medieval foron unha imitación dos maceiros que participaban nos actos da Deputación de Pontevedra.

O pendón e o alcalde Francisco Cunqueiro con bastón e medalla. Arquivo Dula Reboredo
O pendón e o alcalde Francisco Cunqueiro con bastón e medalla. Arquivo Dula Reboredo


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => 19540617 El pueblo gallego. Escrito por J. Fontenla

19930611 Faro de Vigo. Escrito por Rodrigo R. Moz.



No hay comentarios:

Publicar un comentario