Corría o ano de
1921 cando os membros da comisión de festas foron aos baixos da
escola a buscar a Coca para limpala e poñela en condicións para a
procesión de Corpus. Cal non sería a súa sorpresa ao non atopar a
Coca. Nun principio tentouse silenciar o sucedido, pero a tráxica
noticia pronto se espallou por a vila e as súas parroquias. ¡A Coca
desapareceu! ¡Quedamos sen festas, roubaron a Coca!
Foto da Coca en Vida Gallega con alusións ao seu roubo. |
Axiña se organizou unha manifestación
de protesta. A xente alporizada protestaba e tan só a intervención
da Garda Civil impediu que agrediran á comisión de festas, ao
director da escola, a corporación municipal e ao centulo, por
abandonar a garda e custodia da Coca.
O xulgado tomou
cartas no asunto, a benemérita iniciou unha investigación e ata un
adiñeirado
redondelán ofreceu unha recompensa por calquera pista, mais a Coca
non aparecía. Algún mariñeiro malicioso chegou a comentar que era
posible que resucitara e que, cansada de tan largo cativerio e
letargo, decidira volver
as andadas. O caso é que non aparecía e os xornais da época
comentaban que o balbordo causado era “maior
que o rapto de Elena, o rapto de Europa e o mismísimo rapto das
Sabinas”.
Ao día seguinte en
Soutomaior, uns pescadores atoparon no fondo do pozo coñecido como
Mestas, onde se unen o Oitabén e o Verduxo, unha caixa de latón
enferruxada coa palabra “Co 3
Ca” gravada no exterior. Acudiu ao
lugar o anticuario Sr. Solla, quen confirmou que o obxecto
fora mergullado
recentemente e probablemente o guindaran os ladróns da Coca na súa
fuxida. Nestas estaban, ata que pasou por alí un estudante de
Menciña quen dixo que diso nada, que “Co 3
Ca” era a fórmula do carbonato cálcico e probablemente a caixa
procedía da fábrica de carburos “Laforet y Cª”, de Arcade.
Mais non lle fixeron caso porque no interior da caixa había varios
papeis e entre eles un mapa da antiga estrada
Pontecaldelas-Soutomaior, sen dúbida o plan de fuga dos cacos.
A pista definitiva
a daban uns romeiros de Ponteareas que regresaban
das festas de Xende e, ao pasares por Pontecaldelas, viron no alto
dun monte un colosal lagarto máis grande que os cabalos que
montaban. Mortos de medo non se acercaron ao animal porque
descoñecían a noticia da
desaparición da Coca.
Cara Pontecaldelas marcharon todos,
os veciños de Soutomaior encabezados polo anticuario e os de
Redondela polo procurador Buenhijo Pérez Sobrino. Por sorte a
tarasca apareceu agochada nunha finca sen que ata o día de hoxe se
saiba a identidade dos ladróns nin cales eran as súas intencións.
O importante foi que os redondeláns recibiron san e salva á súa
Coca e as festas puideron celebrarse.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Galiciana-
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> El Diario de Pontevedra, La Integridad diario católico, Vida
Gallega
No hay comentarios:
Publicar un comentario