viernes, 17 de abril de 2020

O programa das Festas da Coca ao longo da historia.

 
Praza de touros. Foto de José Bellver Álvarez
Praza de touros. Foto de José Bellver Álvarez
 
    As programacións das festas teñen acollido competicións deportivas (fútbol, traíñas, balonmán...), cucañas, feiras de gando con premios, certames de gaitas, baile e cantos populares... Tamén en varias edicións deslucidas pola choiva celebrouse a “Recoca”, na que as festas tiñan continuidade no fin de semana seguinte. Outras actividades serían:

As Montaxes Artísticas.
A principios do século XX, os bares e restaurantes da vila realizaban montaxes artísticas durante a Festa do Corpus ou da Coca. Esta iniciativa era un atractivo máis para a xente que viña a Redondela nesas datas.
 
1907, Montaxe artística. Foto: Saturno Cal
1907, Montaxe artística. Foto: Saturno Cal

 ¿Touros en Redondela?
        En 1952, durante as Festas do Corpus ou da Coca, celebráronse por primeira vez na nosa vila corridas de touros baixo o nome de “Redondel de Redondela”. A praza situouse na rúa da Ribeira, mais ou menos onde agora está o parque infantil. 

Praza de touros1952-Foto cedida por la familia Fernández Otero
      
           Entre o xoves e o domingo lidáronse 8 novelos da gandería de Cipriano Martín. Pero o prato forte ofreceuse o venres, despois dun desfile polas rúas e unha velada de boxeo, coa celebración da becerrada, na que as cuadrillas de afeccionados, dous de Vigo (Peña Taurina e Bar Ligero) e unha de Redondela atrevéronse con algúns xatos. A cuadrilla de Redondela, chamada “Os Choqueiros”, estaba composta por: matador, Gabriel Sánchez “Er Niño Grande”; sobresaínte, Tomás López “El Camisolas”; peón 1º, Augusto Torrado “Pincha Uvas”; peón 2º, Manuel Rodríguez “El Bacalao”; banderilleiro 1º, Santiago R. Salinas “Cepillo Grande”; banderilleiro 2º, Severo Fernández “Cepillo Chico”; picador, Jaime Carrera “El Cabritero”; monosabios, Félix Casal Escámez “El Miraguano”, e Llan “El Cantaor”. Tamén houbo actuacións cómicas e, ata un concurso de corte de leña do Frente de Xuventudes. Neste ano, tras o toque de cornetas, o primeiro en saltar ó rodo foi Amador Pérez que subido a un cabalo de cartón, cedido por un fotógrafo, arrincou as risas do público empuñando unha vasoira. 
 
Amador. Foto cedida por Pepe Álvaro
 
Aproveitando que a praza estaba instaladaorganizouse un espectáculo cómico taurino o 18 de xullo dentro dos actos que celebraban o aniversario do Alzamiento Nacional. Voltou a haber outra becerrada o día 25 de xullo, con motivo da Festa de Santiago Apóstolo, organizada pola Hermandad Sindical de Agricultores y Ganaderos. Nesta ocasión foron lidadas catro reses por cuadrillas de Vigo, Porriño e dúas de Redondela. Estas últimas formadas por: Primeira: matador, “Llan el Cantaor”; banderilleiros, “El Atrevido” e “El Ingeniero”; peóns, Pichi “El Castizo” e Tino “El Galeno”. Segunda: matador, Gabi “Er Extremeño”; banderilleiros, “Rivitas” e “Er Decidido”; peóns, “Picho III” e Carlos “El Estudiante”.

            Nas Festas da Coca de 1956 volveron a aparecer os touros no programa.
Por terceira vez houbo corridas de touros nas Festas da Coca de 1971. A praza instalouse daquela na Marisma, celebrándose o xoves: “Gran novillada, con intervención de notables espadas y la rejoneadora brasileña Lolita Muñoz”, o sábado velada de boxeo e loita grecorromana e o domingo remataba a festa co “Gran Festival cómico-musical-taurino”.
 
Publico durante unha corrida. Foto cedida pola familia Docampo
Publico durante unha corrida. Foto cedida pola familia Docampo


 
A derradeira corrida foi en 1985 pero non nas festas da Coca. Nesta última, montouse a praza xunto o Colexio de E. X. B. de Redondela. Só se tourearon xatos pero unha tarde de touros non está completa se non salta un espontáneo. Este non foi outro que o gran Benito Cascallo. Lanzouse ó tendido cunha colcha de flores por capote (digo lanzouse porque o saltar caeu con evidentes síntomas de embriaguez). Esquivou ó becerro unha vez pero á segunda mallouno. Os toureiros sacáronlle o animal de enriba, ergueuse... e volta a tourear. Cada vez que tiraba con el, aí escapaba dos organizadores para volver a intentar dar un pase. As mulleres berraban, os homes e os nenos rachaban a rir. Quitábanlle a manta e ía sen ela. O final ata lle rompeu o pantalón. Pouco faltou para que aquel día a Coca quedara sen guía. Non sei se esa corrida será lembrada no mundo taurino pola súa espectacularidade. O que si é certo e que entrou na historia de Redondela coma unha das tardes máis divertidas que houbo na vila. 
 
 

Concursos

Durante os anos 60 do pasado século o programa adoitaba contar con algún tipo de concurso. Podemos citar como exemplo: concurso de destreza mariñeira (1965), concurso xornalístico (1967), concurso de debuxo infantil (1968) ou concurso de balcóns e ventás. Para completar tanta competición non podían faltar os concursos de beleza nomeando á raíña das festas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/concursos-de-beleza.html )



Entrega de premios do Concurso Xornalístico, 1967. Foto Fotsca-La Noche
Entrega de premios do Concurso Xornalístico, 1967. Foto Fotsca-La Noche


Recreación histórica
Dende a supresión do Corpus como festivo nacional, a festa da Coca foi perdendo visitantes. Para paliar isto no 2008 incorporouse a “Recreación histórica”. Deste xeito Redondela subiuse ó carro da ambientación medieval tan de moda nestes tempos cun mercado e actuacións (bufóns, loitas de espada, espectáculos con fogo...). Si ben tivo os seus detractores, o caso é que a afluencia de persoas á festa lembrou tempos pasados. No 2011 o novo governo local decidiu nun celebrala polo seu alto custe.
 
2009. Foto: Juan Migueles

Autor: Juan Migueles
 

BIBLIOGRAFÍA:
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
Caderniños do Instituto de Chapela. Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975). Coordenador: X.M.González Fdez.
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Noche, El Pueblo Gallego
Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario