Plus Ultra no porto de Palos de la Frontera, antes de iniciar o voo Foto Wikipedia |
A chegada, en 1926, do comandante
Ramón Franco e os seus compañeiros a Arxentina a bordo do Plus
Ultra, converteuse nun fito na historia da aeronáutica e unha
páxina brillante na historia de España. En todo o país festexouse
o acontecemento e Redondela non podía ser menos.
Pola Alcaldía ditouse un bando dando
a coñecer a grata nova aos veciños e disparándose numerosas bombas
e en todas as igrexas do concello se tocaron as campás. Con urxencia
celebrouse no Concello unha reunión para nomear á comisión
organizadora dos actos, e dentro dela a dirección da mesma: o
alcalde, Saturno Cal; o director da graduada, José Gallego; e o
procurador nos tribunais, Buenhijo Pérez Sobrino. Tamén se nomeou
como depositario a José Reboredo. Para realizar a colecta formáronse
grupos constituídos polas señoritas: Placer Vidal, Aurea Montero,
Luisa Paseiro, María Méndez, María Pérez, Gloria Contreras,
Pitusa Lera, Dula Reboredo, Pilar Menéndez, Tránsito Guzmán,
Isabel Villar, Carmen Prez, Rosario Cal, Josefa González, Luisa
Gómez e Aldé Rivero.
Chegada a Arxentina. Foto Wikipedia |
Publicouse
outro bando pedindo aos veciños que engalanaran os seus balcóns e
aos comerciantes que pecharan os seus establecementos por ser día de
festa. A igrexa de Redondela estivo repleta de fieis na celebración
dun solemne Te Deum
costeado polo cura párroco, José María San Martín.
Predicou o sacerdote de Vigo, Emilio Álvarez Martínez, que loou
as grandezas de España, a Relixión e a Patria, describiu a saída
de Celón e de Franco e, rematou, lembrando o patriotismo dos
españois e, en especial, dos galegos. Rematada a misa celebrouse
unha manifestación que foi das máis numerosas que se organizaron en
Redondela. Estivo presidida pola Corporación municipal e
autoridades. Asistiron
portando os seus estandartes as Sociedades Agrarias de O Viso e
Cesantes, a Asociación de Mariñeiros, a de Canteiros, e as
Socialistas. Tamén figuraban os nenos das escolas públicas e os da
particular de Fernando González. Marchaban tamén un grupo de
fermosas señoritas e a banda de música dirixida por Manuel Lorenzo.
Tripulación. Foto: Wikipedia |
O alcalde Saturno Cal, pronunciou un
discurso patriótico que foi moi aplaudido. En nome do Concello,
enviou un cablegrama ao presidente do Centro Galego en Bos Aires,
para que transmita aos heroes a felicitación do pobo de Redondela.
Tamén telegrafou ao Rei e ao Goberno pedindo o indulto para os
prófugos desertores. O señor Álvarez Martínez
sumouse á celebración achegando á comisión organizadora dos actos
o necesario para asistir aos pobres e aos presos da vila. Pola tarde organizouse un serán no
recheo, tocando a banda de música ata ben entrada a noite.
Ao ano seguinte unha axencia de viaxes
ofrecería a posibilidade de sobrevoar Vigo e as vilas veciñas no
Plus Ultra.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Galiciana-
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> El pueblo gallego, El correo de Galicia, El Heraldo Gallego
No hay comentarios:
Publicar un comentario