domingo, 12 de abril de 2020

Ernestina Otero Sestelo (Vilavella (Redondela) 23-10-1890 / 13-2-1956) Pedagoga

Foto publicada en "Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga"
          Despois de rematar os seus estudios na Escola de Maxisterio de Pontevedra no 1908 coas máximas cualificacións, especializouse en Ciencias e Pedagoxía na Escola Superior de Maxisterio de Madrid.
          Iniciou a súa carreira na Escola de Maxisterio de Pontevedra na cátedra de Pedagoxía. Era 1915, nunha España na que no mundo laboral a muller tiña un papel ben distinto que hoxe en día. Isto non impediu que co tempo chegara a ser a directora deste centro. Puxo en práctica numerosas innovacións educativas como promover o roupeiro e o comedor escolar, a educación de adultos ou o fomento do estudio e investigación das características históricas, xeográficas e culturais de Galicia.
A Guerra Civil truncou esta actividade. Despois de 21 anos neste cargo, como moitos outros foi depurada, xa que dera o seu apoio a prol do Estatuto de Galicia. Primeiro foi suspendida de emprego e soldo e despois trasladada á Escola Normal de Ourense, onde traballaría durante 13 anos. No 1951 recuperou a súa cátedra en Pontevedra, exercendo o ensino ata o seu falecemento 5 anos máis tarde.
Nos anos 90 a súa figura foi homenaxeada en Redondela nun acto no que se lle da o seu nome a unha rúa da vila. No 2018 tamén lle foi imposto ao edificio do Reitorado da Universidade de Vigo despois dunha votación popular. En xaneiro do 2019 o Concello de Pontevedra aproba darlle o seu nome a unha das rúas do polígono de Tafisa. Ese mesmo mes a Asemblea Feminista Paxaretas crea o Premio Ernestina Otero, co obxectivo de “recoñecer a mulleres pioneiras e relevantes do concello de Redondela, así como a entidades, asociacións ou colectivos que teñan desenvolvido un labor a prol da igualdade real entre homes e mulleres de Redondela “.
Coa familia. Foto publicada en "Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga"

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga. Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.
Mestras de Redondela. 1900-1945. Ed. Asociación de Mulleres Xanela.
Unidade didáctica. Personas que dan nome as rúas e prazas de Redondela. Xose Manuel Moreira Docampo. (Inédito. Fondos da Biblioteca de Redondela)
Facebook>Asemblea Feminista Paxaretas
dogrisaovioleta.gal

No hay comentarios:

Publicar un comentario