domingo, 27 de diciembre de 2020

1898. Guerra de Cuba

 

Chegada dun barco de repatriados de Cuba. Arquivo Cruz Vermella Madrid
Chegada dun barco de repatriados de Cuba. Arquivo Cruz Vermella Madrid

O 5 de xullo de 1898 España é derrotada por Estados Unidos trala perda da escuadra do contraalmirante Cervera na baía de Santiago de Cuba. Os portos de Vigo convértese daquela nun lugar idóneo para a repatriación de Cuba e Santo Domingo das tropas por ser os máis occidentais da Península, ter o calado suficiente e dispor dos lazaretos de San Simón, no caso de Vigo, e de Oza, na Coruña.

Naquel momento no lazareto de San Simón apenas había mobiliario e utensilios. Tan só se contaba con 200 camas, non había pilas nin bañeiras, non se contaba con caldeiras nin combustible para quecer a auga, non había roupa para os enfermos e necesitábanse tendas de campaña para poder illar os casos de infeccións. Outro punto a ter en conta era que a Ría de Vigo era a rexión máis poboada da provincia de Pontevedra e fora o foco de infección do cólera en 1854. As posibilidades de propagación dalgunha das enfermidades que portaban os repatriados era un factor preocupante.

O Lazareto sucio, 1898. La revista moderna
O Lazareto, 1898. La revista moderna

 

O 23 de agosto de 1898. Comezan as obras de acondicionamento do Lazareto da illa de San Simón que urxían ante a inminente chegada dos repatriados. Acádase o número de 309 camas, pero entre as carencias que aínda había estaba a de comunicar o lazareto por telégrafo ou teléfono. Habilitouse para embarque e desembarque o peirao da Portela, prohibindo os carabineiros o paso de mercadorías e persoas desde Cesantes.

En Vigo tamén houbo que tomar medidas para a organización da axuda humanitaria. Unha delas foi, en setembro de 1898, desprazar a Redondela e Porriño dúas compañías do Batallón de Murcia para destinalas a outros puntos. Estas eran as tropas con base en Vigo, que terían que ceder os seus locais para albergue dos repatriados.

Cuba-Clasificación de feridos-Arquivo Cruz Roja Madrid
Clasificación de feridos. Arquivo Cruz Roja Madrid

 Moitos dos soldados repatriados falecerían d
urante a travesía polas feridas sufridas en combate ou de febre amarela, outras enfermidades que traían eran disentería e paludismo. En pouco máis dun mes chegaron ao porto de Vigo 7.215 soldados e oficiais. Os casos máis graves quedaban directamente no hospital de Vigo e o resto debía pasar corentena en San Simón. Dadas as escasas dimensións da illa desembarcaban nela os enfermos, pasando o resto da tripulación a corentena no propio barco no que viñan. Serían moitos os mortos durante a viaxe e a corentena, como dato dicir que en Pereiró (Vigo) serían enterrados 148 homes.


Chegada de repatriados á illa. La revista moderna
Chegada de repatriados á illa. La revista moderna

Algúns datos dos barcos que chegaron a San Simón

A chegada dos barcos á illa de San Simón produciuse entre o 28 de agosto, que chega o Isla de Luzón, ata a chegada do derradeiro barco o 6 de outubro.


Isla de Luzón

O Isla de Luzón saíu de Cuba con 2.213 persoas e deixou 32 mortos polo camiño. En San Simón desembarcaríanse 2 mortos máis, que son enterrados no cemiterio da propia illa, e 414 enfermos. Ao día seguinte trasládanse outros 50 doentes graves, quedando aínda no barco 30 enfermos dos que morren 3. Pasada a corentena varias gabarras levan ao porto de Vigo a 800 homes do barco e a 200 do lazareto, case todos necesitan angarellas e na illa aínda quedarían 42 enfermos graves.

León XIII

Neste barco chegou o xeneral Toral que era considerado un dos culpables da derrota en Cuba por ser o que rendeu Santiago de Cuba. En Vigo recibiuno unha manifestación dunhas 1.000 persoas que ao grito de ¡Abajo la guerra! lanzoulle pedras. Viuse na obriga de marchar por mar a Redondela pero avisadas as veciñas o increparon no momento do desembarco.


Barcazas empregadas para o desembarco das tropas. La revista moderna
Barcazas empregadas para o desembarco das tropas. La revista moderna

Redondeláns en Cuba

Ata o de agora non atopei unha base de datos cos alistados na Guerra de Cuba, polo que de momento haberá que conformarse cos datos que vou atopando en xornais da época:

Antero Rubín cara a 1895. Foto BNE
Antero Rubín cara a 1895. Foto BNE

Antero Rubín Homént, coñecido como o Xeneral Rubín regresou a España no Lazoti. En decembro de 1894 xa marchara a Cuba enfrontándose con 700 homes a 3.000 no Potrero de Las Varas, levando aos seus homes á vitoria apesares de ser ferido nunha perna, montou no seu cabalo levando ao seu batallón á vitoria. Esta acción fixo que pasara a historia como un dos heroes de Cuba. Unha vez reposto das súas feridas e ser ascendido a Xeneral de Brigada, embarcouse novamente cara a Cuba distinguíndose en varias accións recibindo a Cruz Vermella de 1ªclase do Mérito Militar. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html )

Manuel Barral Santostegui. Faleceu en Redondela en 1960 aos 86 anos, sendo o derradeiro supervivente redondelán da guerra de Cuba.

Enrique Borrajo. Asistente do Xeneral Rubín en Cuba. En Redondela era fíxose moi popular por ser durante moitos anos condutor da Coca.

Enrique Borrajo coa súa filla. Antonio Ocampo Otero Bodas de Oro
Enrique Borrajo coa súa filla. Antonio Ocampo Otero. Bodas de Oro


Juan Campelo (Chapela). Serviu na illa de Cuba no cruceiro Isabel II, do que pasaría ao Relámpago. Deuse a coñecer na prensa polo proceso que se lle seguiu en New York, por mor dun asasinato do que sería absolto ao ser descuberto o verdadeiro autor do delito. O 26 de xaneiro de 1897 a cañoneira Relámpago afundiuse despois dunha explosión que lle provocou a morte.

Fernando González Gómez"Rey Chiquito". Participou na guerra de Cuba coma xornalista e cabo do exército, sendo repatriado por unha ferida nun brazo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/fernando-gonzalez-gomez-rey-chiquito.html )

José Manero Loja. Aparece nunha listaxe de soldados procedentes de Cuba que en agosto de 1897 son socorridos na Coruña con roupas e 15 pesetas.

Ramón Muíños. Repatriado de Cuba

Aurelio Otero Villanueva. Aparece nunha listaxe de soldados procedentes de Cuba que en agosto de 1897 son socorridos na Coruña con roupas e 15 pesetas.

Cirilo Pereira Iglesias. Aparece nunha lista de licenciados da guerra de Cuba en 1891 no corpo Brigada de Transporte.

Martín Posada Barros. Soldado de Redondela falecido en Cuba.

Fermín Puertas de Manuel. Mariñeiro ordinario ferido de contusión leve na Fragata Numancia, comandada por Casto Méndez Núñez, tralo ataque ao Callao (Cuba). .

Ángel Sánchez Rodríguez (Saxamonde, 4-2-1867). Fillo de José e Florentina. Veciño de Saxamonde e de oficio labrador. Artilleiro da Batería de Montaña do Décimo Batallón de Plaza é licenciado do exército o 16-3-1894. Na Coruña embarcara para Cuba no vapor-correo Alfonso XIII o 22 de marzo de 1890.

Francisco Ventín Casqueiro. Soldado procedente de Cuba que en abril de 1897 chegou a Santiago de Compostela. Naquela cidade descansou no aloxamento de El Imparcial, sendo socorrido con 15 pesetas e 5 máis por orde do Arcebispo de Santiago, antes de continuar viaxe cara a Redondela.

 

        Da guerra en Puerto Rico poderiamos citar aquí a:

Francisco Iglesias Lamas. Natural de Redondela, solteiro, camareiro, soldado do Batallón provisional número 3, 6ª Compañía de guarnición en Puerto Rico. Morreu en San Juan en 1895 aos 27 anos. Fillo de Manuel Iglesias e Josefa Lamas.

Probablemente se refire aos seus descendentes a seguinte nova de 1902: Francisco Iglesias Lamas, de Redondela, ten dereito a percibir o seu “alcance de Cuba”, que se atopa xa axustado.

 

Repatriado de Cuba. Fundación Illa de San Simón
Repatriado de Cuba. Fundación Illa de San Simón


 

Outras novas

1897, xaneiro. Verificouse en Redondela unha postulación a prol dos soldados enfermos e feridos que regresan de Cuba e Filipinas. A comisión precedida pola banda municipal, estaba formada polo alcalde, Luciano Fernández Gándara; o abade párroco de Redondela, Bernardino Couñago; o vicario de Vilavella, Francisco Alonso; o concelleiro, Olimpio Táboas; o secretario do Concello, Paulino Otero García; e o escribinte do Concello, Casto Castro.

 

1898, maio. Na estación de Redondela foi visto un inglés tomando notas do movemento de tropas. O reloxeiro Sr. Testa preguntoulle se era espía dos yankis e el, sen contestar, ocultouse no restaurante.


O 6 de maio de 1898 créase en Redondela a Junta Local de Subscrición Nacional para a Guerra de Cuba, sendo constituída por: o cura párroco de Redondela, Bernardino Couñago (Presidente); o alcalde, Manuel Pérez Rivas; o maior contribuínte, Manuel Amoedo; o mestre de oficios, Manuel García; o Xuíz de primeira instancia, Adolfo Serantes; o médico titular, Fermín Alfaya Martínez; o mestre de instrución primaria, Román Ancoechea; e o obreiro máis ancián, Manuel Arines. Verificouse unha rogativa pública polo triunfo das nosas armas. Na procesión figuraban as imaxes da Virxe da Concepción e o Apóstolo Santiago.

Menos amable sería á manifestación da semana anterior. O chamamento da convocatoria remataba dicindo: “Queimaranse na praza Constitución, punto no que se disolverá a manifestación, varias efixies de suxeitos iankis, paisaxes e poboacións da referida nación e algúns buques da súa mariña de guerra. ¡Viva España! ¡Viva o Exército! ¡Viva a Mariña!”


1898, maio. Din de Redondela, que o domingo último pasou por aquela vila un coche en que ían algúns ingleses levando suxeito a un bastón un pano a guisa de bandeira. Unha muller que o notou, saudounos cun viva España, que foi contestado por aqueles con outro aos yankis. Ante esta provocación, o pirotécnico Ramón Varela, lanzoulles un sacho que foi dar na bicicleta doutro inglés que seguía ao coche, o cal foi a dar coa máquina en terra. Coa maior rapidez volveu montar o ciclista e dando con toda forza ao pedal e apartando os do coche ao gando, lograron poñerse a salvo de gran número de rapaces que a pedrada limpa correspondían á imprudente excitación dos mozos ingleses, pois parece que mozos eran.


1898, xuño. Verificouse en Redondela unha rogativa para impetrar do ceo o triunfo das nosas armas. Na procesión figuraban as imaxes da Virxe da Concepción e do Apóstolo Santiago. Ao acto asistiron numerosas persoas, entre as que ía o concello e varias comisións.


1898, setembro. Indo para Pontevedra o socio da Cruz Vermella, José Martínez Barciela, atopou en Redondela a un soldado enfermo. Levouno en coche a Pontevedra para arranxar a súa documentación na comandancia militar e no concello. Ademais de axudarlle con cartos do seu peto xestionou unha axuda de 20 pesetas da extinguida comisión da Cruz Vermella. Logo levouno á residencia familiar en Alba, para entregarllo á súa nai que non o recoñecía pola larga ausencia e o estado no que viña. Levaba 6 anos en Cuba e padece tuberculose.



Vixilancia desde a praia de Cesantes, 1898.  Blanco y Negro-ABC
Vixilancia desde a praia de Cesantes, 1898.  Blanco y Negro-ABC

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Historia de las Rías. Varios autores. Faro de Vigo.

Redondeláns para a historia: Antero Rubín. Por Xaime Conde. Publicado en Internovas

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

SEREN: Nº3. Os Eidos: “A vila dos mortos”. J. A. Orge Quinteiro

Algunos hijos ilustres de Redondela. Grandes Fiestas de la Coca. Redondela 1968. Comisión de fiestas de la Coca.

Unidade didáctica. Persoas que dan nome as rúas e prazas de Redondela. Xose Manuel Moreira Docampo. (Inédito. Fondos da Biblioteca de Redondela)

Antonio Ocampo Otero. Doctor en medicina y cirugía. Bodas de oro abril 1939-abril 1989.

As Illas de San Simón. Aproximación a súa historia. J.A. Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia.1999.

La formación del pueblo puertorriqueño. Estela Cifre de Loubriel. Ed. de la Universidad de Puerto Rico, 1989.

Arquivo Cruz Vermella Madrid

ABC

La Voz de Galicia

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Diario de Pontevedra, El pensamiento de Galicia, La Noche, El Correo Gallego, La opinion diario de Pontevedra, El lucense, El eco de Galicia, La correspondencia gallega, El Áncora, Céltiga (Buenos Aires)

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Día (Madrid), El Imparcial, El Correo español, El Heraldo de Madrid, El Liberal (Madrid), La Época (Madrid)

No Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es=> Boletín Oficial de la Provincia de Guadalajara, Diario de Córdoba, La Correspondencia de España,



No hay comentarios:

Publicar un comentario