lunes, 18 de enero de 2021

Redondela. A película.

 

      

        No ano 1987 estrease a película “Redondela”, dirixida por Pedro Costa e protagonizada por Patrick Newell, Carlos Velat, Fernando Guillén e Carlos Larrañaga. Rodada principalmente en Vigo, pero con algunha escena en Redondela, rodándose no interior do convento de Vilavella.

         A película estaba baseada nun caso real, coñecido como”caso Reace” (Refinerías del Noroeste, Aceites y Grasas S.A). En 1972 desapareceron 4.052 toneladas de aceite de oliva en Guixar (Vigo). Isto provocou un escándalo no que estaba implicado Nicolás Franco, irmán do Generalísimo. Durante a instrución do sumario foron asasinados varios acusados e testemuñas do caso, un deles nunha cela do cárcere de Vigo. No xuízo tampouco puido comparecer o denunciante porque tamén falecera. Ao final nin o aceite apareceu nin caeu ningún alto cargo.

        ¿Que tiña que ver Redondela neste asunto? Pois practicamente nada, parece ser que a empresa fundouse nesta vila, pero no momento dos feitos a central estaba localizada en Guixar (moitas informacións sitúan Guixar en Redondela, cando en realidade pertence a Vigo). A parte disto, houbo rumores de que o aceite foi agochado no alto da Encarnación (Chapela) ou na nave coñecida como a Fedora na Portela, pero nunca se demostrou nada. No caso da Fedora a nave estaba alugada pero os depósitos nunca chegaron a encherse. 

 

Convocatoria de xunta de accionistas de REACE.


 

        O caso pasou a historia como Reace o aceite de Redondela, o que provocou as protestas, con pouco éxito, do alcalde de Redondela pola mala imaxe que daba do noso Concello.

        En canto á película tamén deu que falar coa misteriosa desaparición do actor protagonista, Patrick Newell, poucos días antes da proxección da mesma. Ao final todo pareceu ser un truco de marketing para unha película que pasaría sen pena nen gloria polas carteleiras españolas. 

 

Botella de aceite REACE de 1 litro. Foto: todocoleccion.net

 

 Autor: Juan Migueles

 

BIBLIOGRAFÍA.

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

La Vanguardia: www.lavanguardia.es/hemeroteca

El País

El Pueblo Gallego

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario