Alá polo século XVIII unha parella con unha diferencia de idade moi grande estableceuse no barrio de San Andrés, en Valladolid. Tratábase de Francisca Rubiales, solteira, natural de Segovia, e que se criara como expósita, ou sexa, que era orfa ou fora abandonada. El chamábase Antonio Freire, viúvo, de oficio "albañil o lo que sale", nado en Reboreda (Redondela).
Para evitar dar que falar facíanse pasar por pai e filla, o que lles foi ben durante un tempo, pero todo se descubriu cando Francisca quedou embarazada. A situación sería denunciada por Roque Martín, alcalde do citado barrio de San Andrés, e a parella levada a prisión. O 10 de decembro de 1776 iníciase un proceso criminal contra os namorados acusados de "mantener relaciones ilícitas haciéndose pasar por padre e hija... A consecuencia de las cuales Francisca estaba embarazada".
O pleito sería levado por Don Fernando de Arjona, del Consejo de Su Majestad, Alcalde del Crimen de la Real Audiencia y Chancillería de la ciudad de Valladolid, quen decidiu poñelos en liberdade se regularizaban a súa relación. Os acusados accederon e casaron en Santa María de Reboreda, rematando o proceso cun final feliz.
En 1840 chegou a Redondela despois de ser nomeado promotor fiscal, Bernardo A. Portela Pérez, cargo que desempeñou, agás entre 1842 e 43, ata 1847. Era un rico propietario de Santiago que, entre outros cargos, ostentaría o de Xuíz de Ourense. Debeu de ser xa xubilado cando alternou a súa residencia en Santiago con largas estancias en Redondela, realizando continuas viaxes entre as dúas cidades, non sempre exentas de perigos. Así en 1888: "Esta mañá regresou de Redondela a Santiago D. Bernardo Portela, quen sufriu un accidente durante o camiño. O condutor quería castigar coa fusta a un cabalo, pero bateu fortemente nun cristal da berlina. Os anacos produciron feridas nos ollos e na cara do Sr. Portela, que por sorte non revestiron gravidade. "
En 1889 queda viúvo ao falecer a súa esposa María Santaló Vilomara de rápida enfermidade. Dous anos despois renuncia a ser concelleiro de Santiago pola súa avanzada idade, o que non impide que en 1893 case: "Ha contraido matrimonio en Redondela el rico propietario de Santiago D. Bernardo Pórtela Pérez, de ochenta y tantos años de edad, ex-Juez de Orense, con la joven señorita, de veintisiete años, Dª. Dolores Rivas,qne nació en la parroquia de Sen Félix de Santiago, y se hallaba avecindada en aquella villa. Los novios pasarán la luna de miel en la ciudad de Sevilla". O novo matrimonio seguiu vivindo a cabalo entre as dúas vilas, realizando doazóns ás igrexas de Vilavella e Redondela: "Recibiuse na igrexa de Vilavella a belísima imaxe da virxe de Lourdes que doaron os esposos Portela Pérez-Rivas." "O Sr. Portela Pérez regaloulle á parroquial de Redondela unha fermosa pila bautismal." Tanto cariño por Redondela levou a Bernardo a fixar a súa residencia definitivamente na nosa vila, na que comeza a aparecer nos censos de actividades no apartado "Propietarios".
Se este foi un matrimonio de conveniencia, non podemos sabelo, pero de selo non saíu de todo ben porque Bernardo A. Portela Pérez, non falecería ata 1909, en Puerto de Santa María, á idade de 98 anos. O máis abraiante do caso é que tivo varios fillos do segundo matrimonio e ningún do primeiro.
Autor:
Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Pares> Real Chancillería de Valladolid
Glub, por Rodrigo Cota.
La Voz de Galicia
Galiciana=> El Alcance, Gaceta de Galicia, El Áncora, El Correo de Lugo, La Correspondencia Gallega,
Biblioteca Nacional de España => Anuario Riera, Guía de forasteros de Madrid.
No hay comentarios:
Publicar un comentario