Reboreda desde o alto da Garonda Foto: J. Migueles |
Na parroquia de Reboreda contamos co gran traballo: Reboreda os camiños da identidade. 2001. Gonzalo Navaza. Sociedad L. Cultural de Reboreda, polo que boa parte deste apartado é un resumo do mesmo pero recollendo máis topónimos, tanto no panorama actual como os achados en documentos antigos.
REBOREDA (Santa María): Procede do latín robur, roboris (carballo, forza robustez) ou de robore (tipo de carballo moi duro). En tempos os montes desta parroquia eran carballeiras que, na súa maior parte, foron repoboados con pinos e eucaliptos.
Barrios
Asnelle (de Abaixo e de Arriba): O máis probable e que proceda do preindoeuropeo ar-/arn- (auga ou curso de auga). Nun documento de 1667 xa se cita a aldea de Asnelle. No rueiro Camiño de Asnelle de Abaixo.
A Quintana: Significa “quinta parte da herdade”. Outras teorías serían a relación de Quintana coa vía quinta do campamento romano, onde se celebraba a feira, ou co significado, na idade media, de sub-unidade agraria. Este último, parece o máis probable dado a proximidade dun pazo.
Santo Paio (de Abaixo e de Arriba): Patrón dunha capela anexa á igrexa de Santa María de Reboreda. Nun documento de 1685 xa se fala da aldea de San Paio. No rueiro Estrada de Santo Paio de Abaixo e Estrada de Santo Paio de Arriba.
Topónimos de Reboreda
Fonte do Abade (A Quintana). Hoxe no torreiro, é de supoñer que pertencía ás propiedades da igrexa.
Agrelo / Camiño de Agrelo (Cesantes/Reboreda(Asnelle de Abaixo)). Forma diminutiva de agro, terra labrada. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio de Agrelo e nun documento de 1785 monte de Agrelo. Aparece no Catastro actual. No rueiro Camiño do Agrelo.
Aldar. É un nome masculino de persoa. Recollido no Catastro actual.
A Aldea (Sto. Paio de Arriba). Pequeno núcleo de poboación. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Aldea.
Poza da Aldea (Sto. Paio de Arriba). O termo poza pode facer referencia a un remanso natural de auga ou a unha poza construída para o rego. Tendo en conta que o liño cultivábase en Reboreda unha terceira opción sería unha poza onde amolecelo. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Poza.
Almiriz (A Quintana). Nun documento de 1705 aparece como Almaris e noutro de 1785 como Almeris. No Catastro actual Almiriz.
A Almuíña (A Quintana). Horta, xeralmente pequena e cerrada, na que adoita haber árbores froiteiras. Recollido no Catastro actual.
Araúxo (A Quintana). Ao ser un apelido con presenza no noso Concello o máis lóxico é pensar nun propietario ou veciño. Recollido no Catastro actual.
Camiño da Area (A Quintana). Lugar onde se extraía a area acumulada ao ser arrastrada polas augas pluviais que descenden pola Garonda.
Fonte de Arriba (Sto. Paio de Abaixo). No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio de Arriba. No Catastro actual, Darriba.
Atallo (Asnelle de Arriba). É de supor que sería un camiño polo que se chegaba antes a Amoedo. Recollido no Catastro actual.
O Aveal (A Quintana). Lugar onde se cultiva avea, tipo de cereal. Na fala pronunciado O Avial. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio do Aveal, O Obial, O Avial, O Abehal e o Abeal. Recollido na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993; como O Avial. Aparece no Catastro actual como O Avial. No rueiro Estrada do Aveal.
A Banda do Río (Sto. Paio de Abaixo). No Catastro de Ensenada (1752) aparece castelanizado como sitio de Aquellabanda. Zona pola que está o muíño de Marchabén á beira do río Alvedosa. No Rueiro: Estrada de Pazos.
Barafonso (Sto. Paio de Abaixo). Pode ser unha abreviación de Barranco de Afonso, o que coincidiría co desnivel provocado pola canle dun regato. Recollido no Catastro actual.
Barcelo (Ventosela/Reboreda((Asnelle de Arriba)): Barcelo ou bacelo vén do latín BACILLUM “bastonciño”. Refírese a unha viña nova. Nun documento de 1705 do Fondo Casto Sampedro aparece Labradío do Barceliño. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779), heredad do Barcelo. Recollido no Catastro actual.
Barcia de Arriba (Sto. Paio de Arriba) Situada por riba de Barcia Vella. Varcia segundo a Rag sería: Terreo chan e fértil situado nas marxes dun río, que é frecuentemente anegado por este. Isto coincidiría coa situación respecto ao Rego Vello ou Rego da Garonda. Nun documento de 1785 aparece Monte de Barcia e noutro de 1792, Monte da Barcia. Nun censo de montes de 1847, Monte do Castro ou monte de Barcia. Puntualizar aquí que moi preto, na parroquia de Amoedo (Pazos de Borbén, existe O Chan de Castro. En toda esta contorna existen numerosos petróglifos e mámoas, pero ata o de agora os castros documentados máis próximos están preto do casco urbán de Pazos de Borbén. Recollido no Catastro actual.
Barcia Vella (Sto. Paio de Arriba). Recollido no Catastro actual.
A Barreira / Fonte da Barreira (Sto. Paio de Arriba). Pode ter o significado de obstáculo no camiño (muro, desnivel...) ou o de lugar con abundante barro. Aparece no Catastro actual como As Barreiras. No rueiro Camiño da Costa da Barreira.
Barreiro (A Quintana). Lugar onde había barro, existindo a posibilidade de que fora aproveitado para crear pezas de olería. Nun documento de 1669 aparece a herdade Barreiro. Recollido no Catastro actual. No rueiro Camiño do Barreiro.
As Barritas. (Sto. Paio de Abaixo). Pode referirse a ser un grupo de leiras longas e estreitas. Recollido no Catastro actual.
A Bazoca. (Asnelle de Arriba). De cor pardo tirando a amarelo. Pode ser un tipo de uva ou referirse á cor dun cereal (trigo ou millo). Recollido no Catastro actual.
A Boca do Valo (Sto. Paio de Arriba). Entrada ou cancelo nun valado ou muro. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Boca do Valo.
Bolchamade (Sto. Paio de Arriba). Alteración de Valchamade, palabra composta por Val- (relevo do terreo) e a segunda parte podería vir do nome latino Clamatus, que se empregou como nome de persoa. Outra opción sería que procedera do latín Flamma (chama), correspondéndose cun área de monte que sería queimado para ser adicado á labranza. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio de Balchamade e o mesmo noutro documento de 1785. Nun censo de montes de 1847, Monte Baalchamade. Nunha nova de 1910, monte de Balchamade. Recollido no Catastro actual como Bolchamade. No rueiro Camiño de Valchamade.
A Buraca. Sería un buraco grande, pode que unha cova. Recollido no Catastro actual.
A Caballa Vella (Sto. Paio de Arriba). Recollido no Catastro actual. Caballa pode facer referencia a un estorniño. Outra opción sería un alcume, co posible significado de rincha, tipo de peixe, lembremos que apesares de non ter mar nesta parroquia houbo moitos mariñeiros. Tamén cabe a posibilidade dun erro, Cavada.
Camiño do Bula (Asnelle de Abaixo). Antes coñecido como Calexón do Bula. Recibe o nome por Ramón Bula Álvarez (Red. 20-11-1861/ Reboreda 1-2-1943). Home relevante da parroquia do que apenas sabemos que tivo unha taberna e que formou parte da Beneficiencia e da Comisión para Axudas do Centro de Redondela en Arxentina, país no que estivo emigrado e onde debeu facer fortuna. No rueiro déronlle o nome de Camiño do Colexio de Reboreda. Esta escola ía construírse en Santo Paio de Abaixo, pero ao romperse o acordo cos propietarios dos terreos cambiouse a localización do centro. Este é o motivo polo que se chamou CEIP Santo Paio de Abaixo ata que no 2018 se corrixiu este erro, recibindo o nome de CEIP de Reboreda.
As Cabirtas (Vilavella/ Quintela/Reboreda (Sto. Paio de Abaixo)). Cabirtas sería unha forma popular galega variante de cabrita. Pode referirse a un lugar onde soen pastar estes animais ou a un terreo pedregoso e en pendente (un camiño de cabras). No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio da Cabirta. Aparece no Catastro actual como As Cabritas. No rueiro Camiño das Cabritas (deturpación da toponimia).
Cacharela (Sto. Paio de Abaixo). Variante de cachadela, diminutivo de cachada, “porción de monte ou de terra inculta que se roza e rotura para o seu cultivo”. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio da Cacharela. Aparece no Catastro actual. No rueiro Camiño da Cacharela de Reboreda.
O Cadaval (Asnelle de Arriba). Cádavo é unha palabra de orixe prerromana sinónima de ganzo, guizo e chamizo. Cando se queimaban os montes, eran os restos da leña a medio queimar que se aproveitaban para arder nas casas. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio do Cadaval. Aparece no Catastro actual como O Cadabal. No rueiro Camiño do Cadaval.
O Cadaval. Foto: J. Migueles |
Caldos (A Quintana). Curioso topónimo porque soe facer referencia a augas termais que non existen na contorna. Recollido no Catastro actual.
Os Calvos (Reboreda(Asnelle de Arriba)/Ventosela). Terreos sen masa arbórea e con poucas ou ningunha pranta. Recollido no Catastro actual.
O Campo. (Asnelle de Abaixo). Recollido no Catastro actual. No rueiro Camiño do Campo.
Campo do Roxo (A Quintana). Faría referencia ao alcume do propietario dos terreos. Recollido no Catastro actual.
Campos de Muíño (Sto. Paio de Abaixo). Indica a proximidade dun muíño e probablemente que o produto deses campos serían destinado á produción de fariña. No Fondo Casto Sampedro aparece Campo do Moyño, nun documento de 1628. Recollido no Catastro actual.
O Candón (A Quintana). O substantivo galego cando significa póla seca de árbore, árbore seca, vara para alumar, pao queimado... No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece heredad do Candon. No Catastro de Ensenada (1752), sitio do Candón. Neste Catastro tamén figura sitio da Candea. A orixe sería similar, candea é un dos nomes da flor do castiñeiro, que tamén era usada como combustible. Recollido no Catastro actual.
As Canelas, Carreiro das Canelas (Asnelle de Abaixo). Segundo a tradición oral, canelas viría das canas que medraban no lugar e que eran empregadas para armar as viñas. Carreiro é un camiño estreito. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio das Canelas.
Canizo (Sto. Paio de Arriba). Estrutura de canas, paus ou vimbios entrecruzados. Podería referirse á un armazón que delimitaba a propiedade ou a existencia deste tipo de hórreo. No Fondo Casto Sampedro aparece a herdade Coutada do Canizo, sita no lugar de Barcia, nun documento de 1681. Nun censo de montes de 1847, monte Pozo do Canizo. Recollido no Catastro actual, Canizo.
O Cano de Pedra (A Quintana).Canalización de auga de río para regadío. Parte do cano apareceu nas obras da estrada de Redondela a Pazos de Borbén. Non figura no Catastro de Ensenada (1752).
O Canudo (Vilavella/Reboreda(Sto. Paio de Abaixo)). Canudo é un derivado de cana polo que probablemente faría referencia á abundancia de canas. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio do Canudo. No rueiro Rúa do Canudo de Vilavella.
Capilla (Asnelle de Arriba). Recollido no Catastro actual.
Camiño do Caracol (Sto. Paio de Arriba). Por referencias orais alcume do propietario dun eido no cabo do camiño. Debe ser recente porque non figura no Catastro de Ensenada.
A Carambola (Asnelle de Abaixo). Probablemente teña a súa orixe na raíz prerromana CAR-, pedras, penedos e formación rochosas. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Carambola ou sitio de Asnelle y lugar de Carambola. No rueiro Camiño da Carambola.
A Carbalexa (Sto. Paio de Arriba). Pode vir dun alcume familiar, Os Carbalexos, derivado de carballo. Chamados así polo oficio de madeireiro. Recollido no Catastro actual.
Carballo (Redondela/Reboreda(Sto. Paio de Abaixo)). Recollido no Catastro actual. Terreos que recibirían o nome do antigo camiño que levaba ao carballo de Redondela. No rueiro Camiño do Carballo de Reboreda.
Carballo das Cen Pólas/ Prado do Carballo das Cen Pólas (A Quintana). Prado onde se atopa a famosa árbore da parroquia.
O Carboeiro (Sto. Paio de Abaixo). Lugar onde se facía carbón. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitiodo Carboeiro.
O Carrascal (Redondela/Reboreda(Asnelle de Abaixo)). Sitio onde hai carrascos, plantas semellantes á carqueixa, típicas de monte baixo e que eran aproveitadas como combustible. Non confundir con carrasco en castelán, que é unha árbore (tipo de enciñeira). No Fondo Casto Sampedro nun documento de 1665 aparece a herdade Almenas do Carrascal, No Catastro de Ensenada (1752), sitio do Carrascal.
Camiño do Casal, Fonte do Casal (Asnelle de Abaixo). Fai referencia a unha casa destacada. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio do Casal. Tamén figura sitio dos Carballos do Casal. Aparece no Catastro actual como O Casal. No rueiro Camiño do Casal de Reboreda.
A Casanova / Camiño da Casanova (Sto. Paio de Arriba). Construción dunha nova vivenda. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Casanova ou da Casanoba. Aparece no Catastro actual como A Casa Nova. No rueiro Camiño da Casanova.
O Castañal (Asnelle de Abaixo). Lugar inzado de castiñeiros. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio do Castañal.
A Castiñeira (Asnelle de Arriba): Souto, lugar poboado de castiñeiros. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece Lugar de Barbeito en Asnelle y Castiñeira. Recollido no Catastro actual.
Lugar de Casto Sampedro (Asnelle de Abaixo). Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html
As Cavadas (Sto. Paio de Arriba). Participio do verbo cavar. Terras cavadas son as gañadas ao monte para o cultivo. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio das Cavadas.
A Cavada (Asnelle de Arriba). No Catastro de Ensenada (1752) aparece Cabada e muíño da Cabada. Recollido no Catastro actual, A Cabada.
Cavada do Foxo (Sto. Paio de Arriba). Neste caso faría referencia a un burato para cazar animais ou algún tipo de pozo. Recollido no Catastro actual, Cabada do Foxo.
Camiño da Cavadiña (Sto. Paio de Arriba). No Fondo Casto Sampedro aparece a herdade Cabadiña do Moyño Vello, nun documento de 1667. No Catastro de Ensenada (1752), sitio da Cavadiña. No rueiro Camiño da Cavadiña de Reboreda.
Os Cereixos (A Quintana). Sitio onde había cerdeiras ou cereixeiras. Hai que ter en conta a existencia do apelido Cereixo (Cereijo) na parroquia. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio dos Cereixos. Aparece no Catastro actual. No rueiro, Camiño dos Tereixos.
Cernadas. Atopo o apelido Cernadas no próximo concello de Soutomaior desde o século XVIII, polo que é posible a súa presenza en Reboreda ao longo da historia. Como substantivo castelán ten varios significados relacionados todos eles coa cinza. Recollido no Catastro actual.
O Chan de Outeiro (A Quintana). Outeiro designa unha pequena elevación no terreo. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Chan próximo ao sitio do Outeiro.
As Chans (Sto. Paio de Abaixo). Pequena chaira nun lugar elevado. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio da Chan. No Catastro actual recolle O Chan (Sto. Paio de Abaixo) e O Monte de Chans (Sto. Paio de Arriba).
As Chatral / Aschatral (Sto. Paio de Abaixo). Recollido no Catastro actual.
Cocho (A Quintana). Un cocho é un porco, pero como topónimo quedaremos co significado de terreo pequeno cultivado. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio do Cocho, muíño do Cocho e muíño do Cocho de Arriba. Recollido no Catastro actual, Cocho.
O Codesal (A Quintana). Lugar poboado de codesos, arbusto tamén chamado piorno. Recollido no Catastro actual.
Codeseira (Sto. Paio de Arriba). Sinónimo de Codesal. Recollido no Catastro actual.
A Coelleira (A Quintana). Lugar onde habería coellos. Recollido no Catastro actual.
Contixe (Sto. Paio de Abaixo). Sería derivado dun nome de persoa hoxe desaparecido, Contigo. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio de Contixe. Aparece no Catastro actual como O Coutixe. No rueiro Camiño do Contixe.
O Convento (Cesantes/Reboreda/Ventosela). Fai referencia ao Convento de Agrelo. Recollido no Catastro actual. No rueiro Camiño do Convento. Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/o-convento-de-agrelo.html
As Cortes (Sto. Paio de Arriba). Por tradición oral camiño que conducía ás cortes onde se gardaba o gando. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio de las Cortes e sitio do Campo das Cortes. Recollido no Catastro actual. No rueiro Camiño de Cortes.
A Corte Vella (Sto. Paio de Arriba). Vinculado ao anterior serían as cortes para o gando máis antigas. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio de la Corte Vieja.
Cortixo (Asnelle de Abaixo). Probablemente derivado de corte, local onde se garda o gando. Haberá que ter en conta a opción do español cortijo, finca rústica. Recollido no Catastro actual.
Fonte da Costa (Sto. Paio de Arriba). Fonte situada nunha costa ou pendente. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Fonte da Costa. Aparece no Catastro actual. No rueiro Camiño da Fonte da Costa.
Costeira (Asnelle de Arriba). Costa ou pendente. Recollido no Catastro actual.
O Cotiño (Asnelle de Abaixo). Recollido no Catastro actual, O Cotiño. No rueiro Camiño do Cotiño de Asnelle de Abaixo.
O Cotiño, A Fonte do Cotiño (Ventosela / Reboreda(Sto. Paio de Abaixo)). Coto sería o punto máis alto, unha elevación do terreo. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio do Cotiño. No rueiro Camiño do Cotiño de Reboreda.
O Coto, Camiño do Coto ((Ventosela/Reboreda(Asnelle de Abaixo)). Elevación no terreo ou punto máis alto dun monte ou outeiro. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio do Coto. No Catastro actual O Coto e O Coto de Arriba. No rueiro Camiño do Coto de Reboreda.
Cotromil. Recollido na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993.
Coutada de Calcin (Sto. Paio de Arriba). Coutada é un terreo que se acouta para adicar ao pasto. Calcín podería referirse a un mineral ou algún nome ou apelido antigo. No Memorial cobrador de rendas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece heredad de Calcin. Nun censo de montes de 1847, Monte Cahin. Recollido no Catastro actual.
Coutada Mariana (Sto. Paio de Arriba). O máis probable é que fixera referencia ao nome dunha propietaria. Recollido no Catastro actual.
Coutada do Raposo (Sto. Paio de Arriba). Coutada onde habería raposos. Recollido no Catastro actual.
Coutadas (Asnelle de Arriba). Recollido no Catastro actual.
O Couto do Piollo (Sto. Paio de Abaixo). O couto sería un acoutamento ou deslinde dun terreo e Piollo o alcume dun dos beneficiarios. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio do Couto, polo que o alcume debeu de ser posterior. No Catastro actual aparece O Couto. No rueiro Camiño do Couto.
Cova dos Cesteiros (Reboreda/Amoedo). Recollido na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993.
Cristo de Arriba e Cristo de Abaixo (A Quintana). Cruceiros que toman o nome da súa situación respecto á igrexa.
Autor: Juan Migueles
Continúa en Toponimia de Reboreda (2 de 3) e (3 de 3)
(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/05/toponimia-de-reboreda-2-de-3_15.html )
(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/05/toponimia-de-reboreda-3-de-3.html )
No hay comentarios:
Publicar un comentario