Vistas desde a Devesa de Marta. Foto: J. Migueles |
Continuación de Toponimia de Reboreda (1 de 3)
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/05/toponimia-de-reboreda-1-de-3_15.html
A Devesa (Sto. Paio de Abaixo): Unha devesa é unha parte de monte arborado con un ou varios propietarios que está delimitado con valados ou marcos.
Devesa de Marta (Sto. Paio de Arriba). Faría referencia á propietaria dos terreos ou á presencia deste animal na zona. Nun censo de montes de 1847 aparece Monte Marta y ¿Ronica? Recollido no Catastro actual, Dehesa de Marta.
Devesa do Rei (Sto. Paio de Arriba). Recollido no Catastro actual. Durante o s. XVIII había en todas as parroquias terreos que eran propiedade do Rei, quen se beneficiaba dos rendementos dos mesmos, sendo traballados polos veciños. Eran coñecidos como Reais Plantíos e Devesas.
(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/04/as-reais-devesas-do-concello-de.html )
Devesa da Roxa (Sto. Paio de Arriba). Probablemente roxa sexa o alcume dunha propietaria. Recollido no Catastro actual.
Eido, O (A Quintana/Asnelle de Arriba). Un eido é un pequeno terreo adicado á agricultura. Recollido no Catastro actual.
Eido da Cola (A Quintana). A Cola pode entenderse como a parte de atrás. Recollido no Catastro actual.
Eido do Chogueiro / do Coqueiro (Sto. Paio de Arriba). Recollido no Catastro actual das dúas formas. Pode ser un alcume.
Os Eidos (Redondela/Reboreda). Recollido no Catastro actual.
Eiras Vellas (A Quintana). As eiras son terreos próximos ás vivendas onde se realizaban algunhas tarefas agrícolas. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Eira Vella.
A Encrucillada (Sto. Paio de Arriba). Cruce de camiños.
A Encrucillada (A Quintana). Cruce de camiños.
O Estrepeiriño. Recollido na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993.
O Estrepeiro. Recollido na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993.
A Feixa (Sto. Paio de Abaixo). Sería un sinónimo de fervenza. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o muíño da Freixa e un tramo do río Alvedosa co nome Río da Feixa ou da Freixa. Aparece no Catastro actual. No rueiro Camiño da Feixa e Camiño do Sendeiro da Freixa (deturpación da toponimia).
Falcoa (A Quintana). En portugués existe o verbo falcoar, cazar con falcón. O máis probable é que sexa unha variación do apelido Falcón, apelido con presenza en Redondela, cando menos desde o S. XVII. Recollido no Catastro actual.
Fonte da Fenteira (Sto. Paio de Abaixo). Faría referencia á abundancia de fento. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio da Fenteira. Aparece no Catastro actual como Fenteira.
As Figueiras (Sto. Paio de Abaixo). Abundancia destas árbores. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio das Figueiras. No rueiro Camiño das Figueiras de Reboreda.
O Fondal (Asnelle de Arriba). Parte baixa dun terreo labrado. Depresión no terreo. Recollido no Catastro actual.
O Camiño Fondo (Sto. Paio de Abaixo). Camiño máis baixo que os terreos polos que discorre. No Catastro de Ensenada (1752) non aparece.
Camiño Fondo (A Quintana).
Fontevella (Sto. Paio de Arriba). Recollido no Catastro actual.
A Fontiña (A Quintana) Recollido no Catastro actual.
Fragas (Asnelle de Arriba). Extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, cunha gran diversidade de flora e fauna. Nun documento de 1785, As Fragas. Na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993; recóllese A Fraga. Recollido no Catastro actual, Fragas.
A Garonda / As Garondas (A Quintana). Lugar sobre un pronunciado desnivel. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Garonda, sitio das Garondas, A Garonda de Arriba e A Garonda de Abaixo. Recollidos no Catastro actual como Xaronda e Alto da Xaronda (deturpación da toponimia). No rueiro Camiño das Garondas.
O Habanero (Asnelle de Abaixo). Alcume do propietario que estivo emigrado en Cuba. Recollido no Catastro actual.
Igrexario (Sto. Paio de Arriba) Terras que pertencían á igrexa. Recollido no Catastro actual en castelán, Iglesario. No rueiro Camiño da Igrexa de Reboreda.
Camiño das Lamelas (Sto. Paio de Arriba). Diminutivo de lama, terreos húmidos. No Fondo Casto Sampedro aparece a veiga Lamela de Riba, nun documento de 1705. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio das Lamelas. No Catastro actual como Lamela. No rueiro Camiño das Lamelas.
Landín (Reboreda/Redondela). Pode referirse ao apelido do que atopo datos a principios do s. XX no noso Concello. Recollido no Catastro actual.
Os Laranxos (Sto. Paio de Arriba). Segundo a tradición oral pola existencia de laranxeiras. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio dos Laranxos, sitio dos Laranjos, sitio dos Naranxos e sitio de los Naranjos. No rueiro Camiño da Laranxeira de Reboreda (deturpación da toponimia).
O Laural (Asnelle de Abaixo). Lugar con abundantes loureiros. Recollido no Catastro actual.
Camiño da Lavandeira (Sto. Paio de Abaixo). Pode referirse ás mulleres que lavaban a roupa no río, a unha corrente de auga ou ao paxaro que leva este nome. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio da lavandeira, polo que é probable que denomine unhas terras de labranza de regadío. Aparece no Catastro actual. Aparece no Catastro actual como A Lavandeira ou A de Lume. No rueiro Camiño da Lavandeira de Reboreda.
As Laxas (A Quintana). Laxes, pedras que saen da canteira en láminas. Recollido no Catastro actual.
Laxe Laredo (Sto. Paio de Arriba). Unha laxe é unha pedra de cara superior alisada, de pouco grosor . Laredo provén do celta lar (chan), lat., glaream (pedra solta): abundante en pedra solta. Recollido na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993.
Camiño das Laxes (Sto. Paio de Abaixo). No Catastro de Ensenada, sitio das Lajes. No Rueiro Camiño das Laxes de Reboredas.
A Leira Longa. Unha leira é un terreo de labranza. Recollido no Catastro actual A Leira Larga. No rueiro Camiño da Leira Longa.
Leiras do Campo. Recollido no Catastro actual.
A Leiriña (Asnelle de Arriba) Recollido no Catastro actual.
Lombiño (Sto. Paio de Arriba). Diminutivo de lombo, que levado ao releve sería unha pequena elevación. Recollido no Catastro actual.
As Longuiñas (Asnelle de Arriba). Sería unha propiedade de forma alongada. No Catastro de Ensenada (1752) aparece en singular, sitio da Longuiña. Aparece no Catastro actual.
O Loureiro (Sto. Paio de Arriba). Tipo de árbore. No Memorial cobrador de rentas do Convento de Vilavella (1699-1779) aparece lugar do Loureiro. No Catastro de Ensenada (1752), sitio do Loureiro. Nun censo de montes de 1847, monte do Loureiro. Na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993; Campo Loureiro. No Catastro actual Coutada do Loureiro. No rueiro Camiño do Loureiro de Reboreda.
Lourerio (Sto. Paio de Arriba): Aparece no Catastro actual. A súa proximidade con O Loureiro fai pensar nun erro do Catastro.
Marchabén, Muíño e Fonte (Sto. Paio de Abaixo). Alcume do propietario do muíño próximo á fonte que empregaba esa expresión a miúdo. É un nome recente pero no Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio da Fonte, que podería corresponderse con este lugar.
Matos do Poumariño (Ventosela/Reboreda(Asnelle de Arriba)). Os matos son arbustos. Diminutivo de pomar, terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, especialmente de maceiras. Recollido no Catastro actual.
O Melón (Cesantes/Reboreda(Asnelle de Abaixo)) Recollido no Catastro actual. Foros que antigamente se pagaban ao Mosteiro de Melón (Ourense)
A Minada (Asnelle de Abaixo). Propiedade onde hai unha mina de auga. Non figura no Catastro de Ensenada. Aparece no Catastro actual.
A Miñoteira (Ventosela/Reboreda (Asnelle de Arriba)). Debe referirse á abundancia de miñotos, tipo de ave. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Miñoteira. Aparece no Catastro actual.
Camiño da Misión (Sto. Paio de Abaixo). Sería o camiño que farían os misioneiros. Nos figura no Catastro de Ensenada. No rueiro Camiño da Misión.
O Monte do Leite (Sto. Paio de Abaixo). Por referencias orais é un alto onde paraban as leiteiras. Non aparece no Catastro de Ensenada (1752) polo que probablemente sexa posterior. No rueiro Camiño do Monte do Leite.
Moscalleiras (Sto. Paio de Arriba) Fai referencia á abundancia de moscas no lugar. Nun documento de 1785 aparece Moscalleira. Noutro de 1792 do Arquivo da Deputación de Pontevedra aparece monte Fraga (Ver Fragas). Nun censo de montes de 1847, Monte da Fraga ou Moscalleira. Noutro documento de 1854, engade que Moscalleira era un piñeiral. Recollido no Catastro actual.
Moscalleiras de Abajo (Sto. Paio de Arriba). Recollido no Catastro actual.
Os Muíños (Sto. Paio de Abaixo). Baixada cara os muíños dun tramo do río.
O Muro Novo (Sto. Paio de Arriba). Referiríase a un muro de pedra. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio de Muro Nobo. Aparece no Catastro actual. No rueiro Camiño do Muro Novo.
Musaraña (A Quintana). Fai referencia a este roedor. Nun documento de 1785 aparece lugar da Musaraña. Recollido no Catastro actual.
As Nogueiras (A Quintana). Lugar con abundancia destas árbores. Recollido no Catastro actual.
Novelle (Vilvella/Quintela/Reboreda(Sto. Paio de Abaixo)). É unha alteración de lobelle, derivado de lobiño. Na documentación do Mosteiro de Melón atopamos: Casal de Lobelle (1391) e Coto de Lobelle (1406). No Fondo Casto Sampedro aparece lugar de Lobelle, nun documento de 1665. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio de Novelle. Nun censo de montes de 1847, monte de Novelle ou Río de San.
Costa da Nuca /Cruz do Cristo da Nuca (ou Cruceiro da Nuca) (A Quintana). Pepa a Nuca ou Nuca era unha veciña de finais do século XIX que vivía fronte á cruz.
O Outeiro (Asnelle de Arriba). Pequena elevación no terreo. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio do Outeiro en Asnelle ou sitio del Outeiro. Nun documento de 1785, Outeiro. Nun censo de montes de 1847 aparece monte de Outeiro. Recollido no Catastro actual. No rueiro Camiño do Outeiro de Reboreda.
Outeiro de Arriba (Sto. Paio de Arriba) Recollido no Catastro actual.
A Pantoxa (A Quintana). Poderiamos pensar que procede do apelido Pantoja, pero apesares de que no meu arquivo non o atopo, si que consta nun foro en Cedeira de 1758: Pedro Alonso alias Pantoja. Recollido no Catastro actual.
Paradela / A Paradela (Asnelle de Arriba). Pode ser apelido. Recollido no Catastro actual.
Paralongas (Asnelle de Arriba). Para- pode significar a carón de. Moi preto están as Longuiñas. No Fondo Casto Sampedro do Museo de Pontevedra aparece Paralonga en 1705. Recollido no Catastro actual.
Páramos de Abaixo. Recollido na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993.
Os Pasos da Fanega (Sto. Paio de Abaixo). Os pasos describe un lugar onde cruzar o río e fanega pode ser a medida dun terreo ou dos cultivos que produce. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio da Fanega e os Muíños da Fanega, polo que fanega podería facer referencia á capacidade de produción destes muíños.
Pedra do Coello. Lugar onde había coellos ou unha rocha cunha forma que recorda a este animal. Na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993.
Pedras (Asnelle de Abaixo). Lugar con moitas pedras. Recollido no Catastro actual.
Pedras (A Quintana) Recollido no Catastro actual en castelán, Piedras.
A Pereira / Camiño da Pereira (A Quintana). Lugar con esta árbore froiteira. Pode haber outras explicacións e teremos que ter en conta a existencia do apelido Pereira. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Pereira. Recollido no Catastro actual, Pereira.
A Peroxa / O Regueiro da Peroxa (Sto. Paio de Arriba). Lugar cheo de pedras. Non figura no Catastro de Ensenada.
A Pigarreira ou Pigharreira (Sto. Paio de Arriba). A raíz peg- ou pig- seguida da secuencia - ar- ten un significado relativo a manchas ou pintas de cor. Neste caso podería referirse ás pedras brancas con manchas negras que abundan no lugar. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Pegarreira, sitio da Pigareira ou sitio da Pigarreira. Unha familia que residía no lugar é coñecida como Os Pigarreiros. Nun censo aparecen como veciños de Ventosela, en 1837, José Míguez Pigarreiro e Juan Míguez Pigarreiro e, en 1846, Juan Manuel Pigarreiro, pero ata o de agora non puiden establecer relación cos anteriores. Recollido no Catastro actual.
Camiño do Pobre. Recollido na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993.
A Porta do Caballero (Sto. Paio de Arriba). Faría referencia a Daniel Caballero Avalle, párroco de Reboreda entre 1925 e 1933 (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/curas.html ). No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Porta e muíño da Porta. Recollido no Catastro actual como Porta do Cabaleiro.
Porto do Medio (Asnelle de Arriba). Porto sería un alto. Recollido no Catastro actual.
Portiña. Diminutivo de porta, que xa explicamos. Recollido no Catastro actual.
O Poumariño (Asnelle de Arriba). Xa comentamos o significado ao citar Matos do Poumariño. Recollido no Catastro actual.
Pousadouro (Asnelle de Abaixo). Lugar chairo ao final dunha costa onde se pode facer un alto no camiño. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio de Pousadouro, sitio do Pousadouro e sitio de Pousadoiro. Recollido no Catastro actual.
Pousadouro, Lugar e Camiño de (Sto. Paio de Abaixo). No rueiro Subida ó Pousadouro.
A Poza (Sto. Paio de Arriba) Nun censo de montes de 1847 aparece monte da Poza. Recollido no Catastro actual.
Poza da Mina Recollido na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993. No rueiro Camiño da Poza da Mina.
Poza do Monico (A Quintana). Monico é un tipo de cesto. Non figura no Catastro de Ensenada (1752). No Rueiro Camiño da Poza do Monico.
Poza da Rega (Sto. Paio de Arriba). Pozo de onde se saca auga para adicar ao rego dos campos. Na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993; Costa da Rega. Recollido no Catastro actual.
Poza da Romana Recollido na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993.
Pozo do Cano (A Quintana). Debe ser o manancial do que sae O Cano de Pedra, topónimo que vimos anteriormente. Recollido no Catastro actual.
Pozos (Asnelle de Abaixo). Refírese á existencia de varios pozos de auga. No Fondo Casto Sampedro aparece Campo de Pozos, nun documento de 1681.No Catastro de Ensenada (1752), sitio de Pozos. Varias propiedades deste sitio pagaban foro ao mosteiro de Melón. Recollido no Catastro actual como Os Pozos.
As Queimadas. Sería monte queimado para ser adicado á labranza. Nun censo de montes de 1847 aparece monte Queimado. Na guía escolar O monte de Reboreda, Redondela. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993; Chan do Queimado, no límite con Amoedo. Recollido no Catastro actual.
Camiño da Quintana / Chan da Quintana (A Quintana). No Catastro de Ensenada (1752) aparece camino da Quintán. No Catastro actual aparece A Quintana. No rueiro Estrada da Quintana.
A Rabadeira (A Quintana/Asnelle de Arriba). Probablemente sexa unha variación de Ribadeira, dada a súa localización preto do río. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Rabadeira ou sitio da Ravadeira, o muíño da Rabadeira e o tramo do río río da Rabadeira. Aparece no Catastro actual. No rueiro Camiño da Rabadeira de Reboreda.
A Reboraina (Sto. Paio de Abaixo). Topónimo sacado do libro O señorito da Reboraina, de Ramón Otero Pedrayo, inspirado en Juan Manuel Pereira, señor de Reboreda. Reboraina sería, polo tanto, un derivado de Reboreda.
O Recanto, O Cruceiro do Recanto, Camiño do Recanto (Asnelle de Arriba). Fai referencia ao lugar onde se atopa o cruceiro, nunha esquina ou curruncho. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio do Recanto.
Rego (Asnelle de Arriba) Recollido no Catastro actual. No rueiro Camiño da Poza do Rego.
Rego de Abaixo (Asnelle de Arriba) Recollido no Catastro actual.
Rego de Arriba (Reboreda(Asnelle de Arriba)/Ventosela) Nun censo de montes de 1847 aparece monte Rego da Riva. Recollido no Catastro actual.
O Regueiro (Sto. Paio de Arriba) Recollido no Catastro actual.
Camiño do Regueiro do Porto (Sto. Paio de Arriba). Refírese a un paso onde cruzar un rego de auga. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio do Regueiro. Recollido no Catastro actual. No rueiro Camiño do Regueiro do Porto.
O Camiño das Rendeiras (Asnelle de Abaixo). Por tradición oral sabemos que é o alcume dunha familia da parroquia, probablemente por percibir ou pagar rendas. Para Gonzalo Navaza algunhas propiedades lindeiras co lugar da Pombeira que en 1745 estaban sometidas a rendas forais poden estar relacionadas coa orixe do topónimo. Nun censo aparece como veciño de Reboreda en 1837, Manuel Míguez Rendeira.
A Revolta, Camiño da Revolta (Asnelle de Abaixo). Fai referencia a unha curva ampla e longa no camiño. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Rebolta ou sitio da Revolta.
Rial (Ventosela/Reboreda(Asnelle de Abaixo)). Lugar onde se orixinan moitos rios ou regatos. Recollido no Catastro actual.
Río do Muíño (Ventosela/Reboreda(Asnelle de Arriba)). Nas inmediacións do coñecido como Muíño de Joaquín ou Muíño do Souto. Recollido no Catastro actual.
O Río de San (Quintela/Reboreda(Sto. Paio de Arriba)). No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio do Río de San, Río do San, Río de Sá e Río de Sande, polo que é complicado dar unha explicación. Aparece no Catastro actual como O Río do San e Barranco de Chans. No rueiro Camiño de Río de Xans (deturpación da toponimia).
O Río de San . Foto: J. Migueles |
Campo da Roda (Sto. Paio de Abaixo). No Catastro de Ensenada, sitio do Campo da Roda ou sitio do Campo das Rodas. O tramo do Alvedosa máis próximo aparece como Río da Roda ou Río das Rodas. Aparece no Catastro actual como O Campo da Roza.
Romariz (A Quintana). Do baixo-latim [Villa] Romarici, a quinta de Romarico. Romariz tamén é un apelido patronímico (fillo de Romarico). Recollido no Catastro actual. Este topónimo aparece tamén en Soutomaior entre outros puntos de Galicia e Portugal.
A Rotea (Sto. Paio de Abaixo). Designa a terreos gañados ao monte para o seu cultivo. No Catastro de Ensenada (1752) aparece o sitio da Arrotea ou sitio da Rotea. No Arquivo da Deputación de Pontevedra, nun documento de 1795, monte Rotea. No Catastro actual, Arrotea.
A Rúa Alta (Asnelle de Arriba). Rúa en toponimia pode referirse a un conxunto de casas agrupadas, que neste caso estaría nun lugar elevado. Na fala soe pronunciarse A Rualta. No Catastro de Ensenada (1752) aparece sitio da Rúa Alta. Recollido no Catastro actual. No rueiro Camiño da Rúa Alta.
As Rúas (Asnelle de Arriba). Escríbese A Rúas, As Rúas ou Arruás. Pode derivar do substantivo arró, franxa estreita de terra non cultivada nas beiras dos regueiros e das terras de labor. Tamén hai a posibilidade de provir de arroaz ou arroás, como alcume de persoa co significado de home gordo e grande. No Catastro de Ensenada (1752) aparece tamén como A Rúas, As Rúas e Arruás. Recollido no Catastro actual en singular Rúa.
Autor: Juan Migueles
Continúa en Toponimia de Reboreda (3 de 3)
(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/05/toponimia-de-reboreda-3-de-3.html )
No hay comentarios:
Publicar un comentario