Joaquín Pereira Domínguez Foto: El Regional |
Joaquín Pereyra y Domínguez, nado o 30 de decembro de 1847 en Soutomaior, emigrou a Villa Nueva (Arxentina) entre 1865 e 1866, onde se empregou na casa comercial Boyer, Puente y Cía. Consciente da importancia que acadaría o ferrocarril adquiriu un solar en Villa María, onde instala un comercio. Esta vila fora fundada por Manuel Anselmo Ocampo, do que non atopei datos pero probablemente tamén pode proceder de Soutomaior. Sería precisamente a este Ocampo a quen Joaquín Pereyra y Domínguez con Marcelino Arregui, mercan os seus campos, de dúas por dúas leguas de lado, no que estaba incluído o pobo. Os dous socios deseñarán o crecemento da pequena aldea que pouco a pouco irá converténdose en cidade.
O 12 de abril de 1875, Joaquín Pereyra contraeu matrimonio por poderes en Soutomaior coa redondelá Elisa Cardama, filla de Ramón Cardama Iglesias e Josefa Calvete.
A principios da década de 1880 construíron unha destacada casa en Villa María, hoxe sede do Concejo Deliberante. Precisamente a implicación política de Joaquín o levarían a integrar o Concejo Deliberante durante dos períodos.
Co país afundido nunha grave crise económica e política Joaquín Pereira sería asasinado con arma de fogo na porta da súa propia casa o 13 de novembro de 1890. O principal impulsor do progreso de Villa María desaparecía sen que o asasinato chegara a aclararse. Elisa lonxe de arredarse continuou o labor do seu home adicando a súa vida aos fins sociais da vila. Promoveu as doazóns ao Hospital Pasteur, ás escolas, á igrexa parroquial e ao asilo do Patronato de la Infancia. A Asociación Española de Socorros Mutuos de Villa María y Villa Nueva concedeulle o título de Madriña e, posteriormente, o de Socia Honoraria Perpetua. As súas obras benéficas chegaron a Galicia e en 1919 aparece doando 100 pesetas para a reparación da bóveda da igrexa de Soutomaior. Faleceu o 22 de marzo de 1951, aos 92 anos.
A vida empresarial de Joaquín Pereira tería continuidade na figura do seu sobriño Juan Manuel Pereira, tamén natural de Soutomaior. Non confundir con Juan Manuel Pereira de Castro, político redondelán natural de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/pereira-de-castro-juan-manuel-reboreda.html )
Bernardo Fernández López. Vida Gallega |
Un redondelán que chegou a Villa María animado por Ignacio Pereira sería Bernardo Fernández López, quen prosperaría e chegaría a ocupar importantes cargos na sociedade de Villa María e a fundar unha vila chamada La Playosa. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/fernandez-lopez-bernardo-redondela-1852.html )
A súa filla, María Teresa Fernández Voglino, casaría con Enrique Martínez Berrotaran, quen sería vicepresidente de Arxentina, ocupando interinamente a presidencia. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/martinez-berrotaran-enrique-cordoba.html )
1921. Penlas na casa de Avelino Giráldez Pazó con Juan M. Pereira. Foto cedida por Oli Giráldez |
Outro redondelán que fixo fortuna en Villa María sería Avelino Giráldez Pazó, cuñado do citado Bernardo. Do seu paso por arxentina tan só sabemos que foi vogal suplente na primeira directiva da Asociación Española de Socorros Mutuos, en 1890. Retornado a Redondela, sería nomeado alcalde en 1901 e 1909. Involucrado na vila social da nosa vida podemos citar que foi presidente de honra do Círculo Recreativo e do Orfeón Redondelano, así como presidente de Unión Patriótica, Corpo de Exploradores e Asociación de Beneficencia. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/giraldez-pazo-avelino-redondela.html )
Dous fillos de Avelino establecéronse tamén en Villa María. En 1912 marchou Pilar Giráldez Fernández co seu esposo Manuel Villasuso. E Bernardo Giráldez Fernández que casou naquel pobo, en 1934, con Pilar Pereira Villasuso, filla do citado Juan Manuel Pereira, e que non volvería a visitar Redondela ata 1960, despois de 34 anos en Arxentina.
Voda de Bernardo Giráldez e Pilar Pereira. Foto Vida Gallega |
Olimpio Giráldez Fdez. en Villa Nueva con Juan M.Pereira e familia. Vida Gallega |
En 1891 aparece unha nova menos amable: Faleceu en Villa María (Arxentina), Antonio Sampedro, comerciante natural de Redondela.
Manuel Arines e Juana Bula chegaron a Arxentina en 1868 co seu fillo Florencio Arines Bula (N. Redondela, 23-1-1845/F. Villa María 18-4-1909). Despois dun breve paso por Chascomús (Buenos Aires), Florencio establécese en Villa María, abrindo a primeira xastrería de cabaleiros. O negocio vai ben e abre cun socio un almacén de coloniais. Foi elixido concelleiro en tres ocasións e en 1891 converteuse no terceiro Intendente daquela vila. Tamén exerceu ata o seu falecemento como Xefe do Rexistro civil durante 15 anos.
O 14 de agosto de 1907 celebrouse en Villa María a voda de María Delfina Arines, de Redondela, filla de Florentino, co Dr. Alberto Darrién.
O redondelán Claudio Bermúdez Otero (N. en 1869) chega a Villa María con 17 anos. Alí asociase con outro redondelán, Pedro Figueroa (N. en 1872) e fundan en 1891 un serradoiro coa firma “Bermúdez e Cia”. As súas iniciativas foron decisivas no desenrolo da vila: a chegada da electricidade. Logo levarían a luz a outras vilas das serras de Córdoba: Valle Hermoso, Huerta Grande, La Falda, La Cumbre e Capilla del Monte . Dirixiron a empresa telefónica “Las Dos Villas”. En 1908 participaron na administración municipal e na fundación da Asociación Española de Socorros Mutuos e na construción, en 1912, do edificio da Casa España. Ao liquidarse a sociedade os terreos da empresa pasaron á Bermúdez Hermanos. Pola súa banda, Figueroa mudouse a Rosario onde dirixiu importantes compañías industriais, onde faleceu aos 77 anos.
Serradoiro Bermúdez. Foto de Miguel Andreis |
En 1900, no xornal La Idea, de Redondela citan como correspondente en Villa María a Silverio Bermúdez, irmán do citado Claudio Bermúdez. Outro irmán aparece nunha nova de 1957, na que se da conta do regreso a Villa María do distinguido redondelán, José Bermúdez Otero e esposa, despois dunha longa tempada en Redondela.
Francisco Rodríguez, propietario do Hotel España en Villamaría, ao xubilarse embarca o 7 de xuño de 1912 no vapor “Asturias” para vir visitar Redondela acompañado pola súa dona e os seus fillos, nados en Arxentina e que nunca viran a Galicia. Un deles era Constante Rodríguez, cronista social de “La Razón” de Villa María.
Por eses lares chegaron tamén as redondeláns María e Ángela Sobral, a primeira nada en Redondela en 1889 e que casaría en Villa María en 1912. Probablemente familiares de Constante Sobral, un dos primeiros comerciantes en establecerse en Villa María. Estaba casado con Ángela Calvo e tivo por fillo a Antonio Manuel Sobral Calvo, destacado pedagogo arxentino.
Para rematar, unha nova de 1955, danos conta doutro emigrante redondelán:
Despois de anos de ausencia, atópase entre nós, Alejandro Sánchez Otero, comerciante establecido en Villa María (Rep. Argentina), acompañado de esposa e filla.
Autores: Celso Milleiro e Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
O Cemiterio dos Eidos. Xosé Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela.
Villa Nueva, su morada eterna. El Diario del centro del País
http://www.eldiariodelcentrodelpais.com/2018/02/22/ http://www.editoriallahoja.com.ar/lahoja/nota.asp?nid=372
Villa María en el Mundo. Horacio Cabezas. Editorial Universitaria Villa María.
“Bermúdez y Figueroa, dos ilustres apellidos del progreso villamariense”. Julio Alberto Benítez.
La Idea 1910
El Regional. Diario digital. http://elregionalvm.com.ar/noticias-villa-maria/154-aniversariolas-personalidades-que-impulsaron-el-futuro-de-villa-maria/
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> Vida Gallega, El correo de Galicia (ARX), El Pueblo Gallego, La Integridad, El Ideal Gallego, La Noche, Galicia, Gaceta de Galicia
Enrique Martínez en http://es.wikipedia.org
La Historia Y Sus Protagonistas 4 por WFXGroup.com.ar. 01 El Diario. Villa María, Jueves 23 de abril de 2015. NºIV Villa María, Capital Federal, otra hubiera sido la historia por Ruben Rüedi.
Facebook>Villa María-La Historia.
Gallegos a orillas del Tercero. Redacción. El Diario. https://www.eldiariocba.com.ar/villa-nueva/2021/5/30/gallegos-orillas-del-tercero-46182.html O
No hay comentarios:
Publicar un comentario