lunes, 28 de marzo de 2022

O Aeroporto de Peinador.

 

1950 Peinador, a principios de los años 50 Faro de Vigo
Peinador, a principios dos anos 50. Faro de Vigo

O aeroporto de Peinador ocupa terreos de Vigo, Mos e Redondela. Está clasificado como de terceira categoría e clase internacional.

En 1928 constituíuse a Junta de construcción y explotación del Aeropuerto Nacional de Galicia, formada por: presidente, alcalde de Vigo; vicepresidente, presidente da Cámara de Comercio de Vigo; vocais, presidentes da Cámara de la Propiedad e da Junta de Obras del Puerto, director local de Navegación, tamén de Vigo, e os alcaldes de Redondela e Porriño.

A Gaceta do 1 de marzo de 1928 publica o proxecto de establecer o Aeroporto Nacional de Galicia en As Gándaras de Budiño (Porriño) e o Aeroporto Marítimo Nacional de Galicia na enseada de San Simón. Tamén se prevé o futuro traslado do aeroporto cando se rematen as obras de recheo no aeroporto marítimo de Cesantes. Este proxecto nunca chegaría a realizarse.

A principios de 1936 iníciase a construción que se levaba a cabo “a pico e pala”, obrigando a veciños dos concellos de Vigo, Teis, Lavadores, Mos e Redondela a traballar gratuitamente, podendo eludir esta obriga pagando unha cuota. Cada mes tocáballe aos veciños dunha zona. No caso de Redondela víronse afectadas catro parroquias como se recolle no texto seguinte:

REDENCIÓN A METÁLICO DEL MES DE ENERO DE 1937. Todos los residentes de los ayuntamientos de Vigo, Lavadores, Teis, Mos y de las parroquias de Infesta, Sajamonde, Cabeiros y Negros, del de Redondela, mayores de 20 y menores de 50 años que deseen redimirse de la obligación de efectuar la prestación personal de dos días del mes de enero para los trabajos de explanación del Aeropuerto de Vigo, deberán ingresar durante los días comprendidos entre el 31 del corriente y el 10 del próximo enero, la cantidad de 12 pesetas en las oficinas del Aeropuerto de Vigo o en los ayuntamientos respectivos, excepto los habitantes de las parroquias de Alcabre, Bouzas, Castrelos, Comesaña, Corujo, Coya, Freijeiro, Matamá, Navia, Oya, Sárdoma y Sayanes, que lo harán en el domicilio de sus párrocos.

Los que finalizado aquel plazo no hayan efectuado dicho ingreso, quedarán obligados a trabajar durante dos días del mes de enero en las obras del Aeropuerto.”

 

Veciños de Teis traballando en Peinador. Album Fotográfico de Teis, de A.G.Q.
Veciños de Teis obrigados a traballar en Peinador. Album Fotográfico de Teis, de A.G.Q.

 

 

Esta situación levou a que se popularizaran varias coplas:

Se vas a Peinador

mira o que vas facer,

que vas a traballar

e non vas a comer.


Si vas a Peinador

lo primero que vas a ver,

un pico, una pala

y un porrón para beber.

 

As carencias en época de posguerra e a proximidade do aeroporto de Santiago chegaron a paralizar as obras, que finalmente se levarían a cabo entre 1947 e 1952.

As obras de recheo para a construción das pistas provocaría á desaparición do barrio de Vilar de Infesta chamado A Lata, no que se atopaban leiras coñecidas como: O Pedre, Cobrada, Cerdeiras, A Martís... A estas se sumarían moitas máis coas ampliacións realizadas nas seguintes décadas.

A inauguración oficial do Aeroporto de Peinador tivo lugar o 25 de abril de 1954, tendo como estrea principal un U-290 do Exército do Aire.

En 1973 constrúese a torre de control e ao ano seguinte unha nova terminal.

En 1976 comeza a ampliación da pista que posibilitará a aterraxe de reactores DC-9. En 1980 os veciños de Vilar de Infesta afectados pola expropiación de terreos paralizaron o traballo das escavadoras en protesta polo prezo de 300 pesetas o metro cadrado en que foron taxados.

En 1981 ten lugar o primeiro voo internacional.

O único accidente grave ocorrido en Peinador tivo lugar en 1994 cando un DC-9 de Aviaco procedente de Madrid tomou terra 75 metros antes de chegar a pista. Por sorte os ocupantes puideron abandonar a nave antes de que un incendio calcinara o aparato. Entre os 14 feridos leves atopábase Antonio Gutiérrez, daquela líder sindical de Comisiones Obreras, que rompeu unha perna ao lanzarse pola rampa de emerxencia. Tamén viñan no avión o daquela Senador e alcalde de Redondela, Xaime Rey e a súa esposa Fita Villaverde, que resultaron ilesos. 

 

Accidente de DC-9 en Peinador. Foto Magar
Accidente de DC-9 en Peinador. Foto Magar

 

En 1995 constrúese un novo edificio terminal e amplíase a plataforma.

En 2005 acadou o millón de pasaxeiros.

En 2014 remátanse as obras da nova terminal e a ampliación do aparcamento.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

La voz de Galicia

Faro de Vigo

Atlántico Diario

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Correo de Galicia, El Noticiero de Vigo, Diario de Galicia, Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, El Pueblo Gallego

Aportes: Ramón Pérez Muíños e Xosé Moreira Docampo.

 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario