domingo, 13 de marzo de 2022

Sucesos 1950-1979

 

Asolagamento 1969. Foto cedida familia Fernández Otero
Asolagamento 1969. Foto cedida familia Fernández Otero

1951, setembro. O Xeneral Franco pasa por Redondela en dirección a Porriño. Un vehículo da súa comitiva sofreu un accidente na ponte de Quintela, co resultado de varios feridos, entre eles un alto mando da Garda Civil.


1952, 2 de febreiro. A veciña de Negros, Elvira Crespo Rodríguez, denunciou que dun local a carón da súa casa fóronlle roubados media cabeza de porco, dous lacóns, un pedazo de costela e outro de touciño, valorado todo en 400 pesetas.


1953, xaneiro. Ao saír da taberna “La Concha”, en Quintela, discutiron varios veciños de Reboreda, resultando gravemente ferido Claudio Mouriño Lago, de 45 anos. Semella que o agresor foi José Campos Campos, de 30 anos de idade, completando o grupo José Mouriño, parente do ferido, Severino Vidal e dous máis.


1953, 1 de febreiro. Foron detidos Álvaro Alonso Couto, de Vigo; Valentín Craveiro de Jesús “Catito”, de Redondela; e José Antela Bugarín, domiciliado en Fozara (Ponteareas), que se declararon autores de 21 roubos. En Redondela: No establecemento de Nieves Boullosa, en Trasmañó, dúas veces, a primeira artigos por valor de 1.250 pesetas e a segunda 2.600 en metálico e 900 en prendas de vestir. No domicilio de Manuel Cabaleiro, en Rande, unha caldeira de cobre valorada en 3.500 pesetas. Tentaron entrar nun comercio de Cedeira, barrenando a porta, pero fuxiron ao ser descubertos. No comercio de Rosendo Álvarez, en Cabanas (Trasmañó) levaron cartos en metálico. No comercio de Natividad Bastos, en Vilavella, levaron obxectos por valor de 1.500 pesetas. No comercio de Carmen González, en Trasmañó, levaron parte dun porco, valorado en 800 pesetas. Nunha romaría de Cedeira, Antela levaba 15.000 pesetas, sendo atacado polas costas por Valentín para roubarlle, o que non conseguiu ao non perder o coñecemento o primeiro.


1953, 14 de marzo. A veciña de Redondela denunciou onte que ao baixar do autobús na rúa Alfonso XII, notou a falta dun paquete con 18 camisas valoradas en 800 pesetas.


1954, 8 de xullo. Na vila chocaron dous coches e outro con exceso de velocidade provocou danos no toldo do señor Moreno.


1955, 4 de maio. Foi instruído atestado contra Arturo Rodríguez Couñago, que manobrando un camión cargado de madeira falláronlle os freos, indo contra unha casa inmediata, ocasionando danos por valor de 3.000 pesetas.


1955, 10 de maio. No alto da Encarnación o ciclista Enrique Froeces Míguez, de 19 anos, de Redondela, foi atropelado por un camión causándolle graves feridas que exisiron o seu internamento nun sanatorio.


1955, 18 de maio. Cando traballaban no derribo duns barracón da Xunta de Obras do Porto de Vigo, derrubouse unha viga metálica sobre a que estaban os peóns Guillermo Domínguez Acuña, de 29 anos, casado e veciño de Teis, e José Mouriño, de 41 anos, casado e veciño de Redondela. O primeiro sufriu fractura das extremidades inferiores e un brazo e lesións na cara e cabeza de prognóstico grave. O segundo fractura dos dous pulsos, epístase, e numerosas feridas en cabeza e rostro de prognóstico grave.


1955, 14 de xuño. Foi detido en Redondela pola Garda Civil, Moisés R. G., quen nunha discusión co seu pai, Moisés R. B., deulle unha puñada que lle provocou unha fractura da mandíbula inferior.


1956, 12 de setembro. Cando circulaba pola parroquia de Cesantes un carro de bois levando enriba ao neno de 3 anos Casimiro Crespo Bouzón, este caeu rozándolle a cabeza unha das rodas. Trasladado a esta vila foi atendido polo doutor Antonio Ocampo Otero, quen lle apreciou ferida con racho en rexio occipital con perda de coiro cabeludo, prognóstico reservado. Hai pouco un irmán deste neno tamén sufriu un accidente que lle provocou a morte.


1957, 9 de maio. Nas Catro Pontes, límite de Chapela e Teis, bateron de fronte o coche conducido polo comerciante estabelecido en Lisboa, Arlindo Cal Corujeira, acompañado polo seu fillo de sete anos, co camión cargado de bocois de viño procedente de Redondela, conducido por Manuel Diz Montáns. Os feridos serían trasladados á Casa de Socorro e de alí á clínica do Dr. Troncoso. Arlindo Cal sufre fractura de esterno con forte contusión torácica e hemotórax, ferida contusa na fronte e múltiples erosións con forte schock traumático de prognóstico grave. O seu fillo, ferida inciso-contusa no xeonllo dereito, outra no queixo e outra no frontal, fractura dos ósos do nariz, conmoción cerebral e schock traumático e varias erosións de prognóstico reservado.


1958, 7 de setembro. En termos de Redondela, unha moto con dous ocupantes veciños da Cañiza, atropelou a un can que resultou morto. O condutor perdeu o control chocando cunha bicicleta con motor que viña en sentido contrario, conducida por Rafael Luca de Tena Lazo, farmacéutico veciño de Redondela. Resultou ferido de consideración o Sr. Luca de Tena e de menos importancia os ocupantes da motocicleta.

1959, 21 de maio. Ás 2 da madrugada incendiouse unha casa en Laredo (Chapela), quedando destruída na súa totalidade. Semella que foi debido a un descoido do único inquilino da vivenda, José González Gómez, quen pouco antes de durmirse caeulle a cinza dun cigarro nunha cama preto da súa, espertando coa casa en chamas. Era de planta baixa e propiedade de José Martínez Fernández.


1960, 12 de xaneiro. A Garda civil de Vigo rexistrou unha casa no Coto (Cesantes), atopando: 365 caixas de tabaco rubio (182.500 paquetes), 208 despertadores de mesa, 55 transistores, 140 pilas, 120 camisas de nylon e 36 pistóns para coche. En total 5.640 kg. valorados en 2.100.000 pesetas.


1960, 26 de agosto. Por funcionarios da Brigada de Investigación Criminal desta Xefatura Superior de Policía, foi detido na madrugada do pasado mércores, o habitual delincuente contra a propiedade, Gonzalo Currás Fonseca, de 29 anos de idade, alias “O Gorila”, natural e con residencia habitual en Vigo, como autor de varios roubos en Vigo, Redondela e A Coruña.

1961, 21 de outubro. O Tenente do Exército do Aire, don Juan Gagane, que procedía de Salamanca, pilotando unha avioneta, non puido entrar no aeródromo de Peinador a causa da falta de visibilidade. Voou despois sobre Redondela e intentou tomar terra na estrada de Reboreda, pero cando ía a facelo pasou por alí un camión e obrigouno a aterrar nun campo de millo. Unha das ás da avioneta bateu contra un cable do tendido do alumeado eléctrico, e fíxolle capotar. O piloto resultou con feridas na cabeza e a fractura dun brazo. Saíu á estrada polo seu propio pé e nun coche foi trasladado a Vigo, onde foi hospitalizado.


1964, 06 de setembro. Ás sete da mañá declarouse un violento incendio na fábrica de Copiba. O lume orixinouse ao entrar en funcionamento unha das novas cámaras frigoríficas que se están a instalar. Axiña acudiron os tres coches do corpo de bombeiros e os equipos anti- lumes do buque-factoría “Galicia” e da empresa Hijos de J. Barreras. Os traballos de extinción prolongaríanse ao longo do día. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html )


1966, 7 de xaneiro. En Redondela foi detido o veciño daquel termo J. B. R., como autor do roubo de 3.200 pesetas ao veciño do Viso, Manuel Martínez Barral.


1966, 21 de setembro. En Redondela foi alcanzado por un camión José Maquieira López. Resultou con diversas lesións polo que foi trasladado a un sanatorio pontevedrés.


1966, 15 de decembro. Un camión conducido polo veciño de Redondela, Manuel Pérez Rodríguez, chocou na estrada de Fornelos de Montes cunha moto, resultando o condutor con feridas de gravidade.


1968, 21 de setembro. Pola Garda Civil do posto de Bouzas foi detido, despois de laboriosas pescudas, Ramón Carro Navia, de 37 anos, natural de Vilagarcía, que se facía pasar por oficial da Mariña Mercante. Descubriuse que este individuo roubou un día unha maleta na estación marítima de Vigo que correspondía, efectivamente, a un oficial da Mariña Mercante e que contiña dous uniformes, un branco e outro negro, que empregaba segundo as circunstancias. Foi detido na estación de Redondela cando se dirixía en tren a Vilagarcía. No seu domicilio foron encontrados numerosos obxectos procedentes dos seus roubos. Con este mesmo truco contraeu matrimonio nesta mesma provincia, simulando no seu fogar que os obxectos subtraídos eran regalos á sua volta de viaxes por mar, que non facía. Calcúlase que os obxectos roubados sobrepasan en valor as 200.000 pesetas.


1969, 18 de xaneiro. En Redondela inundáronse algunhas rúas de Vilavella, e tamén a estrada xeral de Vigo a Pontevedra, impedindo o paso dos vehículos lixeiros, por chegar a auga á altura dos tubos de escape. Entre os inmobles afectados está a Central de Teléfonos, na que a auga chegou a alcanzar unha altura de 30 a 35 centímetros. En ningún momento quedou interrompida a comunicación telefónica, ó ser retirados os equipos a lugares máis altos, evitando así que foran deteriorados polas aguas.


1969, 3 de setembro. Nun incendio no monte "Mirallo", en Redondela, arderon 1.500 pinos de tres anos de plantación, que foron valorados en cincuenta mil pesetas.



1969, 13 de agosto. Sete mil piñeiros que poboaban máis de cinco hectáreas de terreo arderon como consecuencia dun incendio que se declarou no monte Mirallo, propiedade do Patrimonio Forestal do Estado, na parroquia de Negros.


1970, 27 de xuño. No domicilio do veciño de Redondela, Ramón Hernández Ramírez, produciuse un incendio, orixinado por un escape de gas na cociña. Os danos orixinados polo sinistro, foron valorados en 60.000 pesetas.


1974, 12 de xuño O veciño de Pontevedra, Angel González López, foi condenado á pena dun mes e un día de arresto maior, á privación do carné de conducir por tres meses e un día, e ao abono dunha indemnización de 508.500 pesetas, como autor dun delito de imprudencia. Conducindo un automóbil, atropelou en Redondela a José Costoya Amoedo, que sufriu feridas diversas, quedándolle varias secuelas permanentes.


1974, 9 de agosto. Manuel Martínez Rodríguez, de 15 anos, foi atropelado por un automóbil, ao tentar cruzar correndo na estrada do Viso. Trasladado ao Hospital Provincial, apreciáronselle feridas diversas, diagnosticadas de graves.


1974, 9 de setembro. O grupo escolar de Redondela, disposto para 32 unidades e que leva en funcionamento dous anos e medio, tivo que ser desaloxado. O curso non puido comezar, porque repisou cedendo de vigas e aparecendo gretas de gran tamaño, o que fixo que se considere perigosa a estancia dentro do recinto. Dáse a circunstancia de que o arquitecto que planeou a obra faleceu e ninguén quere asumir a responsabilidade de ditaminar cal pode ser o futuro do edificio. Ademais dos defectos de construción, un dos motivos puido ser que o edificio se construíra sobre pilotes no que antes fora una marisma.

Grupo escolar de Redondela en 1975. Faro de Vigo
Grupo escolar de Redondela en 1975. Faro de Vigo


1976, 24 de agosto. Tormenta en Redondela. Unha chispa eléctrica arrasou as instalacións do servizo telefónico. A avaría afecta a unha ampla zona do sur de Pontevedra. Diversos técnicos e persoal de servizos especializados, traballan intensamente para solucionar este grave problema.


1977, 22 de abril. Por culpa da compra dunha vaca recibiu un corte cun coitelo nunha man, o inválido de Saxamonde, Afasto Martínez Bernárdez, labrador inválido de Saxamonde comprara no mercado de Santiago unha vaca en 35.000 pesetas, deixando de sinal 2.000. Pero cando chegou a Redondela decatouse de que andaban tras a compra da citada vaca tres carniceiros da vila. Tiveron unha discusión e o Afasto recibiu un corte na man con coitelo. Foi atendido nun sanatorio de Pontevedra e tivéronlle que dar máis de 30 puntos.


1977, 2 de maio. Unha das rodas dianteiras dun autobús que transportaba once escolares, desprendeuse do seu engrenaxe, cando o vehículo circulaba na estrada denominada de Os Valos. Non se rexistraron desgracias persoais, mais os escolares resultaron con lixeiras contusións.


1979, 28 de xaneiro. Ingresou nun sanatorio de Pontevedra a veciña de Redondela Peregrina Rodríguez Paz, atropelada por un turismo na súa localidade de residencia. As lesións son consideradas pouco graves.


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional, El Pueblo Gallego, El Áncora, La Idea Moderna, El Progreso, Gaceta de Galicia, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia Gallega...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es=> El Siglo Futuro, La Iberia, El Correo Español

La Voz de Galicia

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

No hay comentarios:

Publicar un comentario