Manuel Otero de mozo. Cedida pola familia Fernández Otero |
Empresario Conserveiro, Alcalde de Redondela e Sacristán das Monxas de Vilavella.
Na súa infancia axudaba aos seus pais na tenda e cuns 10 anos tiña a tarefa de levar a cabalo as provisións para os peóns do ferrocarril que estaban a construír o túnel dos Valos. Saía ás 5 da mañá polo que á volta viña tan canso que quedaba durmido seguindo o cabalo o camiño que coñecía de memoria. Co andar do tempo chegou a ser dono dunha empresa conserveira na actual Rúa Padre Crespo. Esta fábrica tiña na entrada un bar que daba servizo tanto aos empregados como aos veciños e na outra beira posuía unha casa na que abriu unha tenda de comestibles. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html )
Foi durante uns 12 anos concelleiro pola parroquia de Cabeiro, a onde se desprazaba a cabalo. Daquela o camiño para chegar a esta parroquia desde Redondela era de terra. Para tratar de mellorar esta situación logrou levar a Cabeiro a un Deputado, volvendo avergoñado porque ao chegar os veciños lle cantaron: “Serás Deputado e chegarás a ser Ministro pero como non arranxes o camiño encoméndate a Jesucristo.” Un exemplo das súas intervencións no Concello sería no pleno 6 de novembro de 1920 cando como concelleiro prega: “... á alcaldía que ordene á garda municipal non permita tender a roupa de ningunha clase na reixa que circunda o terreo do convento, pois elo desdí o ornato público”. Tralo Golpe de Estado de Primo de Rivera foi nomeado alcalde, cargo que abandonaría aos poucos días. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/alcaldes.html )
Tamén sería presidente da confraría de Ánimas de Vilavella, pertencendo a varias asociación relixiosas máis. Outro cargo que ostentaba era o de Sacristán das Monxas do Convento de Vilavella. Entre as súas atribucións estaba a de empregar un cuño co que lacraba os barrís de madeira, que facía cos seus fillos con madeira de salgueiro. Nestes barrís envasábanse os doces elaborados polas monxas e que chegaron a ter certa sona a nivel nacional. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/o-convento-de-vilavella.html )
Selo do Sacristán. Foto: J. Migueles |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Aportes orais Matilde Fernández
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario