martes, 28 de febrero de 2023

Crónicas do Tren (A partires de 1950)

 


Accidente en Rande, 1976. Arquivo Cameselle
Accidente en Rande, 1976. Arquivo Cameselle

1950, 21 de xullo. Ao paso dun tren de viaxeiros lanzouse ás vías con intención de suicidarse, Arturo Montero, que foi arrollado.


1950, 25 de xullo. Un veciño de Gomesende (Ourense) de 62 anos, que se dirixía a Santiago para entregar 25.000 pesetas que lle foran confiadas. Ao notar na estación de Redondela que lle faltaban os cartos, botouse baixo un tren de manobras falecendo pouco despois.


1951, 27 de novembro. Un desprendemento de terra en Chapela provocou o descarrilamento da máquina do tren mixto de Madrid que saíra de Vigo. Por sorte ninguén resultou ferido.


1951, 30 de decembro. O tren mixto Vigo-Santiago cando manobraba na vía morta da estación de Redondela, sufriu o descarrilamento dun coche de viaxeiros e o furgón de cola. Houbo varios feridos pero tan só o veciño de Cesantes, Amador Bouzón Cabaleiro, con contusións de prognóstico reservado.


1952, 18 de marzo. Cando o tren especial de Pontevedra manobraba na estación de Redondela, resultou alcanzado o xove Manuel Rodríguez Estévez, de 23 anos, mozo autorizado daquela estación, que resultou cun pé seccionado. Foi trasladado a un sanatorio de Vigo, onde ficou hospitalizado.


1952, 10 de xuño. Cando cruzaba o viaduto de Pontevedra, Carolina Gómez Cordero, de 24 anos e veciña de Redondela, entretida falando cunha amiga, pisou unha táboa podre caendo á finca dos señores de Leirós. A xove faleceu no acto ao fracturarse a mandíbula probablemente contra a estrutura de ferro do viaduto.


            1952, 27 de xuño. Saturno Cal saíu no expreso de Madrid para agardar por un amigo que debía vir de Portugal. En Porriño informáronlle que nos Valos cruzaríase co expreso, polo que ao chegar á estación de Mos buscou ao seu amigo na plataforma. Como non o atopou tentou volver ao tren cando este xa iniciaba a marcha tendo a mala sorte de cair e ser alcanzado polo vagón de cola, falecendo no acto.


1955, 3 de agosto. A Garda Civil de Redondela atopou na vía férrea restos humanos diseminados nun traxecto de cen metros. Pola gorra foron identificados como pertencentes ao sereno dunha fábrica chamado Agustín Otero Collado, de 40 anos, natural e veciño de Trasmañó. Parece que ó atravesar a vía para dirixirse ó traballo foi alcanzado polo tren.

 

            1956, 19 de xaneiro. Pouco antes da entrada no depósito de máquinas, un tren chocou cunha locomotora que viña en dirección contraria. Resultaron feridos Luis Fespaita Martínez, veciño de Cabra1, condutor do mercancías e o fogoneiro do mesmo, Luis Álvarez García, veciño de Vigo. Foron conducidos á Casa de Socorro e o primeiro, como consecuencia das graves lesións que sofreu, ingresou cadáver, por fractura da base do cranio. O fogoneiro presentaba lesións i erosións que foron consideradas de prognóstico reservado.


1958, 21 de marzo. O tren “corto de Pontevedra” descarrilou a uns 700 metros da estación de Chapela. Un dos vagóns quedou a uns centímetros dun desnivel de 30 metros, ao fondo do cal había casas habitadas. Por sorte non houbo feridos.


1966, 6 de agosto. Un desprendemento nas proximidades do vello cargadoiro de Rande O motivo puido ser as obras de ensanche dos marxes da vía para o que se empregou dinamita a poucos metros do lugar do suceso. Non houbo desgrazas persoais e a única consecuencia foi o corte do tráfico ferroviario durante varias horas.


1976, 9 de setembro. Choque preto do apeadoiro de Rande dun tren de pasaxeiros e unha locomotora, caendo un dos vagóns por unha pendente de 36 metros. O resultado sería de 17 mortos e 40 feridos. Sería o accidente máis grave sucedido en Galicia ata a traxedia de Angrois en 2013.

 

Accidente en Rande, 1976. Foto: Magar
Accidente en Rande, 1976. Foto: Magar


1976, 17 de setembro. O garda-agullas de RENFE, don José Piñeiro, de 54 años. que serviu durante doce na estación de Chapela, foi sometido e expediente por parte da compañía a raíz anteriormente citado accidente de ferrocarril. Un portavoz de RENFE indicou que o escaso servizo de trens que tiña a estación permitía que o citado empregado prolongase a súa xornada laboral. Pouco antes de producirse o accidente mortal entre Redondela e Chapela, o funcionario deu paso a un mercancías que saíu do porto para Redondela, máis tarde lle preguntaron si podía saír un tren de Santiago de aquela estación, ó que contestou afirmativamente, pero logo esqueceu cambiar a agulla.


1978-10-21 Tres nenos de Cedeira cruzaron o viaduto Vigo-Pontevedra coa mala sorte de que nese momento viña o tren. Asustados saltaron da ponte pola falta de varandas enterrándose na area do río. Internados na Residencia Almirante Vierna, recibiron a alta médica os poucos días. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/07/a-caida-desde-o-viaduto-de-pontevedra.html )


1982, 12 de setembro. Onte, a 200 metros da estación de Redondela, foi arroiada polo ferrobús Vigo-Ourense, a anciá Josefa Gómez Carballo, de 64 anos. Recollida aínda con vida por un coche patrulla da policía, foi trasladada á residencia «Almirante Vierna», onde ingresou cadáver.


1989. Explosión na estación de Chapela ao estoupar unha tapa de seguridade dun vagón de cemento que afectou a 16 coches e 5 inmobles.


(Ver tamén https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/02/cronicas-do-ferrocarril.html )

 

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

SEREN

Nº4. Os viadutos de Redondela: Arquitectura, arte e estética. Carlos A. Antuña Souto e Javier Antuña Castro.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego, El Diario de Santiago, La Ilustración Gallega y Asturiana, Vida gallega, El Correo de Galicia (Bos Aires), El Progreso, La Integridad diario católico, Galicia diario de Vigo, La Idea Moderna, El Heraldo Gallego, El Áncora, La Correspondencia Gallega, El Compostelano, La Noche, El País, El Norte de Galicia...

Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es=> El Imparcial (Madrid), El Heraldo de Madrid, La Epoca (Madrid), El Siglo futuro (Madrid))

Biblioteca Nacional de España www.bne.es => El Pabellón Nacional (Madrid), El Día, La Libertad, El Imparcial, La Correspondencia de España, El País, La Época, El Heraldo de Madrid, El Correo Español

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario